Martes 5 Decembro 2023

Xeólogos galegos descobren a orixe do Pão de Açúcar

Un traballo no que participa o profesor emérito da UDC Vidal Romaní muda a visión sobre a formación do emblema de Rio de Janeiro

Pão de Açúcar é un dos grandes emblemas de Brasil. Esta gran mole de pedra que dá nome ao conxunto de domos (morros, en portugués) que salpican a baía de Guanabará, aparece en case todas as fotografías turísticas de Rio de Janeiro. O morro do Pão de Açúcar, que se ergue ata case 400 metros de altitude, destaca pola súa particular forma, produto da erosión durante millóns e millóns de anos. E parece que un equipo de xeólogos, entre os que está o galego Juan Ramón Vidal Romaní, descubriu, segundo afirman, a verdadeira orixe xeolóxica desta montaña.

Cara norte do Pão de Açúcar: as tafoni están dispostas na diagonal e arredor da fractura de descamación suspendida. Foto: Thiago Haussig.
Cara norte do Pão de Açúcar: as tafoni están dispostas na diagonal e arredor da fractura de descamación suspendida. Foto: Thiago Haussig.

“Sempre se pensou que a orixe do Pão de Açúcar estaba na meteorización e erosión de montañas que estaban na superficie, como acontece no caso do Pindo; as rochas máis brandas desaparecen e fica o granito, pero non é así. Ata agora pensabamos que fora a erosión superficial a responsable desta paisaxe, pero descubrimos que en realidade son condutos polos que no Precámbrico, hai 600 millóns de anos, o magma subía cara a superficie da Terra” explica Vidal Romaní. O profesor emérito da Universidade da Coruña asina o traballo que aparece no novo número dos Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, que publica o Instituto Universitario Isidro Parga Pondal, xunto aos investigadores brasileiros Sergio Wilians de Oliveira e Felipe Rodrigues.

Para realizar este achado, os investigadores escalaron o Pão de Açúcar, e contaron coa colaboración de montañeiros locais. Nestas expedicións tomaron datos dos tafoni, fendas labradas nas rochas cristalinas que se atribúen á meteorización causada pola rocha e o vento. E caeron na conta de que “todo está cheo de estruturas que evidencian un fluxo de rochas que ascenden. Cos datos recollidos, segundo expón Romaní, pódese dicir que os morros “son en realidade os conductos polos que, no Precámbrico, hai 600 millóns de anos, o magma subía cara a superficie da Terra; hai que imaxinar que as chaminés (condutos cilíndricos polos que circulou o magma) chegarían máis arriba, no seu momento, a terminar en forma de volcáns“.

Así, o traballo vén rachar co postulado até agora sobre o mítico Pão de Açúcar, do que se dicía que se xerara xa na superficie: “Os trazos que atopamos nos tafoni dinnos que a estrutura orixinal formouse na litosfera, erosionouse e e o que queda agora é unicamente o molde desa estrutura; por onde o granito ascendía por estas chaminés cristalizado, pero cunha capacidade de deformación aínda grande debido aos cambios de presión”, explica o xeólogo galego.

Aspecto dun dos tafoni do Pão de Açúcar durante os traballos. Fonte: Grupo de Montañismo Rocks in Rio.
Aspecto dun dos tafoni do Pão de Açúcar durante os traballos. Fonte: Grupo de Montañismo Rocks in Rio.

Sinala o artigo que “as hipóteses da orixe destes tafoni baséanse, primeiro, no desenvolvemento dunha estrutura de exfoliación de orixe intrusiva e que define a aparición dunha serie de estruturas concéntricas de láminas (sheet structure); e posteriormente, polo proceso de migración e concentración de cargas sobre as discontinuidades (sistemas de fractura) a diferentes alturas do Pão de Açúcar, aparece o desenvolvemento das cavidades de maiores dimensións”.

O traballo estima a aparición destas láminas e dos tafoni na idade de “xeración dos granitos no Neoproterozoico; pero só é no Mesozoico, coa rotura de Panxea, cando comeza o desmantelamento do relevo e a exposición en superficie dos morros de gneis granítico”, polo que se demostraría así a súa formación na litosfera.

Referencias: Consideraciones previas sobre las formas del tipo tafone y otras estructuras menores en la vertiente norte del Pão de Açúcar, Rio de Janeiro – Brasil, Cuadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe (2018). Enlace aquí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mapa do Paraná do galego José Quiroga

O matemático e relixioso cartografou as misións xesuíticas en Sudamérica e trazou un plano da cidade de Bos Aires

Novas variantes emerxentes de SARS-CoV-2: Reino Unido, Sudáfrica, Brasil e outros

O biólogo Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) de Vigo, analiza neste artigo en GCiencia as novas mutación do coronavirus

Hoxe anoitece antes en Brasil que en Galicia

A chegada do verán boreal provoca que o solpor se produza uns minutos antes en Río de Janeiro que na Costa da Morte

Un estudo sostén que algúns petróglifos non foron feitos por humanos

A investigación, liderada polo xeólogo Vidal Romaní, apunta a que algunhas formas graníticas teñen orixe no interior da terra