O segredo para mellorar os cultivos de millo

O investigador Marlon Caicedo acaba de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, en Lugo, unha tese na que expón algunhas fórmulas para mellorar o cultivo de millo. Baixo o título ‘Mellora xenética do millo para senescencia retrasada Stay Green’, a tese, dirixida polos investigadores Margarita Lema Márquez (USC) e Bernardo Ordás López (CSIC), afonda no estudo da senescencia no millo, tanto a nivel fisiolóxico como xenético. O propósito principal da senescencia é mover e reciclar os nutrientes dende os órganos vexetativos aos órganos reprodutivos, un fenómeno que inflúe no crecemento do cultivo e na produción de froitos e sementes que servirán como alimento.

Marlon Caicedo recibiu o sobresaínte 'cum laude' pola súa tese. Foto: USC.
Marlon Caicedo recibiu o sobresaínte ‘cum laude’ pola súa tese. Foto: USC.

A senescencia é a fase final de desenvolvemento dos vexetais, unha parte fundamental do ciclo de vida das plantas, tan importante como o crecemento ou a maduración. O estado das follas, pétalos, órganos reprodutivos, raíces, cortizas e sementes xerminadas revelan o momento no que a planta chega a esta etapa da súa vida.

Publicidade

Algunhas plantas posúen o carácter da senescencia retardada, o que provoca un retraso no envellecemento das follas

A senescencia retardada ou “Stay Green” (SG) fai referencia a un carácter que presentan algunhas plantas e que provoca un retraso no envellecemento das follas respecto ao que é habitual. Como consecuencia, esta característica permite acumular unha maior cantidade de materia seca durante o enchido do gran, o que significa un maior rendemento dos cultivos. Por este motivo, os investigadores teñen en conta esta calidade como criterio de selección na mellora dos cultivos. Ademais, tamén está asociado coa resistencia a patóxenos como os fungos ou os virus.

Caicedo realizou no marco da súa investigación de doutoramento tres experimentos. O primeiro consistiu nunha caracterización multiambiental da senescencia, na que se revelou que cunha maior duración de actividade fotosintética se acada un maior rendemento do gran. No segundo, o investigador conseguiu identificar caracteres cuantitativos mediante un mapeo de asociación nunha poboación multiparental, a través dos que se descubriron os xenes concretos que están relacionados con este carácter que presentan algunhas plantas, en concreto, un deles explica as diferentes velocidades ás que ten lugar a senescencia.

Publicidade

Caicedo detectou xenes relacionados co retraso no envellecemento, con capacidade para influír nesta etapa

O terceiro e último dos experimentos desenvolvidos por Marlon Caicedo posibilitou a detección de xenes relacionados coa senescencia e que xuntos forman unha extensa rede de xenes que interactúan conxuntamente e que teñen capacidade para activar ou reprimir as diferentes funcións que se producen durante esta etapa. En concreto, detectáronse 1.083 xenes, vinculados con procesos catabólicos, que aumentan durante este período, e 588, relacionados coa fotosíntese, que diminúen a súa expresión nesta etapa final do desenvolvemento da planta.

Esta tese de doutoramento conclúe que, mediante a modificación do tempo da senescencia, pódese mellorar a produción de gran, forraxe e bioenerxía; é dicir, mellorar os cultivos. A nivel molecular, existen xenes claves involucrados neste proceso de envellecemento que poderían ser utilizados para aumentar a eficacia da mellora vexetal do cultivo de millo.

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Marlon Caicedo estivo presidido polo profesor de investigación do CSIC Amando Ordás Pérez. Os doutores Rosa Romero Franco e José Ignacio Ruiz de Galarreta completaron un xurado que acordaron por unanimidade outorgar a esta tese a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos