A meirande parte non se adaptan, pero algunhas delas si. E mesmo teñen que tirar da picaresca para sobrevivir. En Galicia, as gaivotas xa conviven nas cidades con aparente naturalidade. E os hostaleiros instalan bufos de plástico nas terrazas para ver de escorrentalas. Como elas, outras especies están afeitas ao asfalto, como nos conta a xornalista Adeline Marcos, na súa reportaxe para SINC.
Os carboeiros quitan o tapón ás botellas de leite, as pegas abren as caixas de ovos e os pardais enganan ás portas automáticas dos bares para entrar e comer as frangullas do chan. As cidades xa non asustan aos paxaros. Sen depredadores nin perigos, adaptáronse á urbe e habítana sen temor, nalgúns casos tamén sen estrés.
Unha gaivota roubándolle o bocadillo a un peón xa non é unha escena fóra do común. Non o era na praia, pero tampouco o é agora na cidade. Estas aves proliferan na procura de comida e atrévense con xeito a internarse no noso mundo cotián, ata o punto que cidades coma Vigo puxeron en marcha plans de actuación coas colonias de gaivotas. Pero non todos os paxaros amosan tanta picardía.
O pardal común engana ás portas automáticas para entrar nas cafeterías
O crecemento das cidades supón un cambio de hábitat drástico para todas as especies e é unha das principais causas de perda de biodiversidade. Tanto é así que o número de aves que se perden no proceso de urbanización é moito maior que o das que logran adaptarse.
“A biodiversidade das urbes é moito máis baixa que a das zonas rurais ou a periferia. Por esa razón, hai un grupo moi grande de especies que non son capaces de adaptarse ás cidades”, indica Martina Carrete, investigadora na Estación Biolóxica de Doñana(CSIC) e unha das relatoras onte do XXII Congreso Español de Ornitoloxía organizado por SEO/BirdLife.
Novo hábitat
Pero mentres algunhas se extinguen de forma local, outras adáptanse tan ben que se apropian do seu novo hábitat. É o caso das gaivotas e do pardal común (Passer domesticus), paradigma da adaptación, que convive co ser humano dende hai uns 10.000 anos e que cifra a súa supervivencia exclusivamente na presenza do home.
Para esta e outras especies de aves como os merlos ou os carboeiros, a cidade ofrece máis vantaxes que inconvenientes: menos predadores con ás, temperaturas máis altas, luz artificial, e maiores cantidades de alimento, entre outros. “O que favorece a adaptación á vida urbana é a alta tolerancia á presenza do home”, di a Sinc Joan Carles Senar, xefe de investigación no Museo de Ciencias Naturais de Barcelona (CSIC).
En moitos casos, adaptarse supón adquirir novas condutas, cada vez máis estudadas polos científicos. Exemplo diso son algúns carboeiros comúns (Parus major) do Reino Unido que aprenderon a quitar a tapa de aluminio das botellas de leite que os repartidores depositan cada mañá diante da porta de cada casa para beber a capa de nata da parte superior.
“Vivir na cidade implica ter acceso a uns alimentos que non están dispoñibles no campo”, di Carrete, que recibiu o pasado 6 de decembro durante o congreso de SEO/BirdLife o Premio Francisco Bernis á investigación. As pegas (Pica pica) abren as caixas de ovos de cartón que tamén se deixan diante das casas.
Outro exemplo prodúcese en Nova Zelandia, onde algúns pardais aprenderon a abrir as portas automáticas dalgunhas cafetarías para aproveitar as frangullas e os restos que deixan os humanos. Conségueno voando fronte aos emisores de infravermellos que controlan as portas.
Vivir nas cidades muda a fisioloxía reprodutiva das aves, o número de ovos e época de posta
Esta capacidade de adaptación non só acontece coa alimentación. A luz case permanente da cidade tamén xoga ao seu favor. Aves tipicamente diúrnas aprenden a usar a iluminación pública para alongar o seu período de actividade.
Ademais, ao ser a cidade máis cálida, a fisioloxía reprodutiva dalgunhas aves adecúase mudando a época de reprodución, o número de postas ou a cantidade de ovos.
O acendido e apagado do alumeado público en Moscú tamén serve de sinal sincronizadora para as choias negras (Corvus coroe) que saen cada mañá en masa cara aos durmideiros ou que empezan a súa dispersión matutina pola cidade.
Á luz súmase o ruído urbano. “As aves cantan máis forte ou a unha frecuencia máis elevada, de forma que o canto se solapa menos co ruído de fondo”, sinala Diego Gil, investigador no departamento de Ecoloxía Evolutiva do Museo Nacional de Ciencias Naturais (CSIC) de Madrid. Outro estudo, liderado por Gil, mostra que as aves se adiantan á hora punta, cantando a horas máis temperás en lugares de ruído, como os aeroportos.
As aves tamén utilizan novos lugares de nidificación na cidade. “Moitas especies crían nos tellados, o que lles permite reducir os riscos de depredación que tiñan antes ao criar en zonas rurais en rochas, por exemplo,” explica Carrete.
Existen diferentes casos de adaptación pero todos coinciden nunha cousa: perder o medo ao ser humano é o primeiro paso para conseguir adaptarse. E non resulta difícil xa que os individuos salvaxes teñen unha capacidade “case infinita” -di a investigadora- de adaptarse ao home a través dunha flexibilización no seu comportamento.
“As aves nas cidades aprenderon que os humanos non adoitan ser predadores directos, e diminúen a súa distancia de fuxida (a partir da cal empezan a fuxir) “, declara Gil. En medio urbano, o merlo común (Turdus merula) ou a choia permiten que unha persoa se achegue a eles a unha distancia de dous ou tres metros. Non obstante, “no seu medio natural, aos 30 ou 50 metros xa empezan” a “fuxir”, engade Senar.
Un dos xeitos de medir o temor cara ao home é estudar a resposta ao estrés asociado aos medios urbanos. Un tema que non estivo exento de controversia xa que ata agora se pensaba que as aves urbanitas sufrían máis estrés. Unha investigación realizada por Carrete e o seu equipo, e presentada durante o congreso, demostra que aves rurais e urbanas non mostran diferenzas no seu nivel de estrés.
Sen diferenzas de estrés
O traballo baseado nunha poboación de moucho de tobo (Athenecunicularia) que leva máis de 20 anos na zonas urbanas de Baía Branca en Arxentina, suxire que os medios urbanos e rurais non difiren na súa calidade. “Os individuos que os ocupan non ven as diferenzas. Cada individuo está onde ten” que “estar”, subliña a investigadora que mediu o estrés dos paxaros de xeito pasivo, sen tocalos.
Pero a mellor proba de adaptación á vida urbana é a diferenciación xenética que se produce entre as poboacións urbanas e as rurais. Outro estudo, liderado pola investigadora do CSIC e tamén pendente de publicación, mostra que existen diferenzas xenéticas moi sutís nos mouchos. “As poboacións rurais e urbanas tenden a diferenciarse a longo prazo debido a que non hai un fluxo aleatorio de individuos entre zonas rurais e urbanas”, asevera Carrete.
Experimentos anteriores realizados con merlos urbanos e salvaxes demostrou que os de cidade posuían características herdables para adaptarse mellor e máis rápido á urbe. Segundo Carrete, “a presión humana -que é máxima nas zonas urbanas- produce máis que unha habituación, un proceso de selección onde sobreviven os individuos que teñen unhas características que lles permitan vivir aí,”.
Os paxaros que viven cerca dos aeroportos cambian os seus trinos
Como a cidade supón un filtro para moitas especies, “só algunhas aves cunhas características determinadas poden pasar por ese filtro”, sinala Diego Gil quen engade que as especies de aves que conseguen sobrevivir na cidade non son unha mostra aleatoria das que existen no campo.
Un estudo, publicado en 2014 na revista Ecology and Evolution e liderado por Joan Carles Senar, analizou 171 carboeiros machos que habitaban Barcelona e 324 dun bosque próximo. O traballo, realizado de 1992 a 2008, demostra que no bosque a selección natural favorece os individuos que teñen maiores gravatas (mancha negra no peito), mentres que na cidade, a presión de selección é inversa: os individuos de gravatas pequenas vense favorecidos.
“Isto relacionámolo coa personalidade dos individuos, xa que a gravata se correlaciona con esta, de xeito que os individuos urbanos, aínda que son máis exploradores que os do bosque, son tamén moito máis precavidos”, revela Senar.
As diferenzas entre individuos rurais e urbanitas dunha mesma especie dependen tamén do acceso á alimentación. Nun lugar onde os recursos son abundantes, moitas aves deciden quedar na cidade. É o caso das cegoñas do sur de España ou dos xílgaros americanos en Canadá, que se fixeron sedentarios e xa non migran, “pois a xente proporciónalles alimento que lles permite quedarse, di o investigador catalán.
Outra investigación sinala que os aeroportos determinan os horarios dos paxaros que viven na súa contorna. Segundo científicos do Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN-CSIC), os paxaros que viven cerca dos aeroportos adiantan o seu espertar para reducir o tempo durante o que o seu canto é silenciado polo ruido dos avións e o balbordo aeroportuario. A plasticidade destes paxaros para adaptarse permite que sobrevivan en áreas moi ruidosas.
Pero na cidade todo son vantaxes, nin moito menos. A comida é en xeral de peor calidade, a contaminación química, acústica, e lumínica entorpece ás veces a súa existencia e os gatos convertéronse nos novos depredadores. A pesar del, as técnicas de colonización e adaptación contemporánea perfílanse cada vez máis e as aves vagabundas adáptanse á vida na xungla de cemento.