O aire frío en altura provocará fortes treboadas durante a fin de semana

O luns podería desprenderse unha DINA ao oeste da península que se traduciría en temperaturas moi elevadas, tamén en Galicia

Agosto está na súa recta final e, con el, a meirande parte do verán. Galicia está a piques de despedir un dos meses máis calorosos do ano con temperaturas superiores aos 30 graos, pero con ceos nubrados e chuvascos tormentosos que frearán as ganas de ir á praia. As treboadas, que serán máis frecuentes de cara á fin de semana e nas zonas de interior, estarán provocadas por un embolsamento de aire frío en altura. Segundo explican de Meteogalicia, os modelos apuntan que, de cara ao luns, se forme unha Depresión Illada en Niveis Altos (DINA) ao oeste da península. Porén, todo indica que estará moi afastada e, polo tanto, non se traducirá en chuvia, senón nunha considerable elevación dos termómetros.

Con todo, e antes da entrada de aire frío en altura, este mércores chegará unha fronte atlántica polo noroeste de Galicia que deixará ceos nubrados na meirande parte do territorio e chuvascos débiles, que serán máis frecuentes e intensos no norte. As temperaturas non experimentarán cambios significativos ata o domingo, cando se acaden os 30 graos na metade sur e se rolden os 25 no norte. A entrada de aire frío en altura, que chegará o xoves, non alterará significativamente os termómetros. A súa principal consecuencia será o aumento da inestabilidade atmosférica e, polo tanto, ceos nubrados e chuvascos tormentosos, sobre todo no interior. “As treboadas serán menos probables na provincia da Coruña polo vento do nordés”, indican dende Meteogalicia.

Publicidade

A partir do venres

O venres será unha xornada moi semellante ao xoves. O cambio máis significativo experimentarase o sábado, cando se intensifique a entrada de aire frío e, por tanto, tamén aumente a inestabilidade. “Serán as condicións idóneas para os chuvascos tormentosos”, apuntan dende o servizo meteorolóxico galego. O certo é que, máis alá das precipitacións esperadas e os ceos nubrados, as temperaturas manteranse nos mesmos valores que os días anteriores. De feito, as temperaturas máximas das cidades galegas estarán entre os 26 graos da Coruña e Lugo e os 32 de Ourense. As mínimas tampouco experimentarán grandes cambios e estarán arredor dos 18 graos.

De cara ao domingo o prognóstico é máis incerto. Os dous primeiros días de setembro parece que estarán marcados por unha probabilidade moderada de precipitación e unha alta nubosidade. As condicións parecen estabilizarse a partir do martes, malia a incerteza do prognóstico. “Conforme avance o domingo, e máis cara ao luns, pode producirse un novo desprendemento de aire frío en altura. É dicir, unha DINA no oeste da península. De cumprirse esta previsión, probablemente axude á entrada de aire cálido en superficie que se traduza en temperaturas moi altas pero sen chuvia”, conclúen dende o servizo meteorolóxico, advertindo que este tipo de predicións adoitan sufrir moitos cambios.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual