A historia da libélula americana que reescribiu un equipo da UVigo

Investigadores do grupo EcoEvo constatan que unha especie do continente americano é a mesma ca outra das Galápagos, considerada ata agora distinta

Adolfo Cordero e Andrea C. Encalada, durante o traballo de campo nas illas Galápagos. Foto: Duvi.
Adolfo Cordero e Andrea C. Encalada, durante o traballo de campo nas illas Galápagos. Foto: Duvi.

En 1889, trinta anos despois de que Charles Darwin publicase A orixe das especies, o entomólogo William Kirby daba o nome de Tramea darwini a unha das especies de libélulas que poden atoparse nas Galápagos, illas que resultaron clave para que o naturalista británico desenvolvese a teoría da evolución. Posteriormente, diferentes investigadores consideraron que os exemplares estudados por Kirby pertencían a outra especie do mesmo xénero xa descrita, a Tramea cophysa. Non obstante, a análise morfolóxica e molecular dunha serie de libélulas do arquipélago realizada por investigadores do grupo EcoEvo da Universidade de Vigo, da Universidad San Francisco de Quito e do Departamento de Agricultura de California levan agora a desbotar que as libélulas deste xénero presentes en Galápagos pertenzan a esa especie. De feito, segundo sosteñen nun artigo publicado na revista Insects, correspóndense coa Tramea calverti, unha especie presente tamén na América continental, onde foi descrita por primeira vez en 1910. Así, como explica o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal e investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), Adolfo Cordero, “polas normas da taxonomía, o primeiro nome é o que prevalece”, de tal xeito que “todas as Tramea calverti pasan agora a chamarse Tramea darwini”.

De aí que Darwin returns to the Galapagos (Darwin volve ás Galápagos) sexa o título do artigo que presenta as conclusións deste estudo, asinado por Cordero e a tamén integrante do grupo EcoEvo Mª Olalla Lorenzo Carballa, xunto coa investigadora da Universidad San Francisco de Quito Andrea C. Encalada e o que fora entomólogo xefe do Departamento de Agricultura do Estado de California Rosser Garrison. Este estudo ten a súa orixe no proxecto de investigación sobre os efectos que as alteracións dos hábitats teñen nos comportamentos das libélulas, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, que o grupo EcoEvo levou a cabo entre 2015 e 2019. No marco deste proxecto, explica Cordero, buscaron analizar a diversidade de odonatos presente nas Galápagos, “e como resultou moi difícil saber que especie do xénero Tramea estabamos a atopar, decidimos estudala con máis detalle”.

Os investigadores realizaron unha análise morfolóxica e molecular das especies de libélula do xénero 'Tramea' de Galápagos. Foto: Adolfo Cordero.
Os investigadores realizaron unha análise morfolóxica e molecular das especies de libélula do xénero ‘Tramea’ de Galápagos. Foto: Adolfo Cordero.

Co obxectivo de determinar a que especie pertencían, os autores deste estudo levaron a cabo unha análise morfolóxica e molecular de 19 exemplares de libélulas do xénero Tramea capturadas no ano 2018 nas illas de San Cristóbal e Santa Cruz, ao que sumaron unha comparativa con outra serie de libélulas deste xénero atopadas en diferentes países do continente americano. A análise xenética, como recolle o artigo, amosou que as Tramea de Galápagos pertencen á mesma especie que a Tramea calverti, mentres o estudo morfolóxico levounos a detectar unha característica que diferencia estas das Tramea cophysa. Trátase en concreto da presenza nestas últimas dun “lóbulo accesorio” na vesícula seminal dos machos que non posúen nin as calverti continentais nin as poboacións de Galápagos.

A pesares de atoparse a 900 quilómetros do continente, nas Galápagos existen dez especies diferentes de libélulas. Entre elas, unha do xénero Tramea, inicialmente nomeada como Tramea darwini, anos antes de que se describise na América continental a Tramea calverti, que posteriores estudos situaron tamén no arquipélago, antes de que esta investigación confirmase que son a mesma especie. Por outra banda, o estudo tamén leva a concluír que “parece pouco probable” que a Tramea cophysa habitase as illas. No momento no que se levou a cabo a investigación, explica Cordero, a única especie do xénero presente era a darwini, aínda que a capacidade destes insectos voadores para “colonizar” illas fai posible que outras especies poidan chegar ás Galápagos.

De feito, os estudos de campo que o grupo EcoEvo levou a cabo permitiron detectar tamén a presenza doutra especie, a Erythemis vesiculosa, que non figuraba nos estudos antigos sobre as libélulas presentes no arquipélago, polo que semella que se trata “doutra especie que debeu colonizar as illas a partires da década de 1990”. Nese senso, o estudo dos odonatos das Galápagos forma parte tamén do proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, que o grupo EcoEvo desenvolve actualmente co propósito de analizar as diferencias de comportamento entre comunidades insulares e continentais de aves e libélulas.


Referencia: Darwin Returns to the Galapagos: Genetic and Morphological Analyses Confirm the Presence of Tramea darwini at the Archipelago (Odonata, Libellulidae) (Publicado en Insects).


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.