O Goberno español anunciou este venres no Consello de Ministros a declaración do porco vietnamita (unha das razas de Sus scrofa) como especie exótica invasora, dando así validez legal á recomendación realizada en 2016 polo comité científico dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente.
A decisión anunciouna a voceira do Executivo, Isabel Celáa, ao tempo que tamén se anunciaba a inclusión nesta lista de tres especies de reptís, o varano da sabana (Varanus exanthematicus), a pitón real (Python regius), e a tartaruga de Florida (Pseudemys peninsularis), que están causando problemas pola súa introdución como animais domésticos e a súa posterior liberación no medio natural, alterando o ecosistema.
O problema do porco vietnamita
Desde hai anos (os primeiros rexistros científicos en España datan de 2007) en diversos lugares da península Ibérica vense detectando a presenza de cruzamentos entre xabaril e porco vietnamita, o coñecido como porcoril, un híbrido que, segundo os expertos, estaría compromento a supervivencia xenética do xabaril autóctono. Estes porcos vietnamitas teñen a súa orixe nunha moda que naceu a partir de que famosos como George Clooney os mercasen como mascotas. Non en tanto, a irresponsabilidade levou a que moitas persoas os abandonasen cando a convivencia se lles volvía incómoda. Ao tratarse dun animal doméstico e non haber regulación ao respecto, as multas pola súa caza podían chegar aos 6.000 euros.
Unha situación que provocou o ditame do Comité Científico en 2016 (ver PDF), na que se recomendaba declarar á raza do porco vietnamita como especie invasora “polo risco sanitario e medioambiental que supón a súa presenza no medio natural nacional”.
O informe científico subliñaba que o cruzamento co xabaril, ademais das consecuencias que produce a hibridación, “podería aumentar os problemas de sobrepoboación de xabarís que xa existe en moitas rexións de España”.
Unha vez incluído no catálogo nacional, as autoridades autonómicas terán que desenvolver as medidas axeitadas para o control e, se cabe, erradicación da especie. A medida non afecta ás persoas que xa posúan un porco vietnamita, pero en todo caso deberán informar á Administración autonómica de que posúen un exemplar.













