O polémico herbicida glifosato segue a dividir aos gobernos da Unión Europea. Francia vai prohibir este produto que en marzo de 2015 foi incluído na lista de substancias probablemente carcinóxenas para humanos (grupo de substancias 2A) da Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro (IARC, dependente da Organización Mundial da Saúde).
O portavoz do goberno galo, Christophe Castaner, afirmou que, como medida para a protección da saúde humana e o medio ambiente, o glifosato estará totalmente prohibido -para todo tipo de usos- “antes de que termine o actual mandato do presidente Emmanuel Macron, en 2022″. Dende principios de 2017, o glifosato está prohibido en Francia en espazos públicos abertos e, a partires do 2019, estará tamén prohibido en xardíns particulares.
En Europa, o debate tamén predeu con forza. A Axencia Europea de Productos Químicos (ECHA) deberá realizar un informe antes de finais de 2017 no que se determinarán os efectos do glifosato na saúde humana. A Comisión Europea terá en conta este informe para alongar ou retirar o permiso do seu uso. A maiores, a Comisión Europea fixo en 2016 tres recomendacións que tamén limitan o uso do glifosato. En primeiro lugar, aconsella prohibir os produtos baseados en glifosato que utilicen coadxuvante POE-amina de sebo, un composto sobre o que hai “preocupacións respecto á súa toxicidade”. En segundo lugar, o organismo europeo tamén recomenda aos países membros que “minimicen” o uso do glifosato en parques públicos, zonas de xogo infantil e xardíns. E, por último, tamén se aconsella minimizar ou uso deste herbicida nas labores previas á colleita de produtos agrícolas.
A situación en España é moi diferente e o glifosato está a empregrase de xeito masivo. O pasado 11 de setembro, nun acto sobre cooperativismo agrario celebrado en Valladolid, Miguel Arias Cañete, Comisario Clima e Enerxía da Unión Europea e ex ministro español de Agricultura, apuntou que a decisión sobre o futuro do uso en Europa do herbicida glifosato será adoptada con toda probabilidade o mes de outubro.
Todo fai pensar que a Comisión Europea defenderá a concesión dun permiso de utilización do glifosato por un período de 10 anos, atendendo informes da Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas (BOTA), nos que se afirma que “as evidencias científicas dispoñibles non reúnen os criterios necesarios para clasificar ao glifosato como cancerígeno, mutagénico ou tóxico para a reprodución”.
A ministra de Medio Ambiente di que España ‘ten unha posición favorable ao glifosato’
A ministra española de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, asegurou no mesmo foro que España “ten unha posición favorable á continuidade do glifosato”. En Francia, os agricultores téñense manifestado a favor do glifosato, que é un herbicida económico e moi eficaz. A presión do sector primario no caso francés non impediu que o Goberno galo teña anunciado o fin do seu uso.
En Galicia, o uso do glifosato é habitual. Podemos velo en numerosas estradas do país. Equipos de operarios cortan a vexetación que medrou durante a primavera nas gabias das estradas. En moitos casos, para aforrar unha nova rolda de limpeza, aplícanse herbicidas. E en bastantes ocasións, o protagonista é o glifosato, o máis utilizado no mundo, tamén usado na agricultura e no sector forestal.
A asociación ecoloxista Adega denunciou tamén no 2016 a utilización de “comboios fumigadores” por parte de ADIF para eliminar a vexetación nos marxes das vías férreas de Galicia. A imaxe dun destes trens, filmado ao seu paso por Teixeiro, no municipio coruñés de Curtis, converteuse en viral.
Mentres en Galicia continúa a usarse de xeito masivo, o debate está aberto en toda Europa. E Francia colócase na vangarda ao decretar a prohibición total. Unha postura claramente contrario mantén o Goberno de España. A polémica do glifosato segue en marcha.