Xoves 25 Abril 2024

O éxito reprodutivo do cabaliño do demo depende da súa cor

A existencia de diferencias de coloración, morfolóxicas ou de comportamento entre exemplares dunha mesma especie é un fenómeno abundante entre as preto de 6.000 especies de cabaliño do demo que existen no mundo, o que converte a estes insectos nun importante campo de estudo do polimorfismo, da coexistencia de diferentes tipos de individuos dentro dunha mesma especie. Afondar na función deste fenómeno e na súa evolución foron os obxectos centrais da tese de doutoramento do investigador do grupo EcoEvo Iago Sanmartín Villar, na que recoñece que a interpretación do polimorfismo “continúa a ser un debate aberto”. A investigación levada a cabo con 14 especies de libélulas de Europa, Asia e América permitiulle constatar como, “a nivel poboacional, os individuos reaccionan de diferente maneira fronte conxéneres de diferente coloración”, e dado que o comportamento, sinala, “denota a forma de relacionarse e de adaptarse ao medio, este determinará o éxito reprodutivo e a representación dos xenes dun individuo na vindeira xeración”.

O investigador galego, na reserva ecuatoriana de Jatum Sacha. Imaxe. Duvi.
O investigador galego, na reserva ecuatoriana de Jatum Sacha. Imaxe. Duvi.

“A expresión de pigmentos non adquiridos do medio soe ser dependente de procesos fisiolóxicos, é dicir, da produción de compostos químicos como as hormonas, que, ao mesmo tempo, son os que determinan as bases do comportamento, polo que individuos de diferente cor tenderán a comportarse de xeito diferente”, engade o investigador. A coloración “serve para comunicar a calidade reprodutiva, para camuflarse co medio ou para imitar a outros individuos de certas características”, ao tempo que o “custo enerxético” que implica a produción e mantemento de certas cores determina tamén “o comportamento e o estilo de vida”, sinala na súa tese Eco-etoloxía dos cabaliños do demo con polimorfismo de cor, dirixida polo profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero.

Publicidade

A investigación, que permitiu así mesmo demostrar varios casos de polimorfismo non descritos previamente, como os da Ischnura rufogstima ou da Argia oculata, orientouse ao estudo das variacións morfolóxicas (corporais) e etolóxicas (comportamentais) que presentan individuos dunha mesma especie, para o que combinou a cría e o estudo en laboratorio coa observación sobre o terreo de 14 especies de libélulas, pertencentes a sete xéneros e tres familias, Coenagrionidae, Polythoridae e Calopterigydae.

Os seus resultados sobre a herdanza do polimorfismo concordan coas hipóteses que afirman que este “é transmitido entre xeracións debido á variabilidade que presenta unha rexión cromosómica, un locus autosómico con tres alelos”. Sanmartín Villar apunta tamén na súa tese a “eficiencia e antigüidade” dalgúns polimorfismos, comparando a morfoloxía e o comportamento de tres especies polimórficas do xénero Mnais fronte outras tres monomórficas da mesma familia, para constatar que a “variabilidade morfolóxica e comportamental” entre os diferentes fenotipos, as características físicas que os diferencian, dunha mesma especie era maior que a dos exemplares de fenotipos semellantes de especies diferentes.

Exemplar de femia xinocroma madura da rexión chinesa de Longjiao. Foto: Iago Sanmartín
Exemplar de femia xinocroma madura da rexión chinesa de Longjiao. Foto: Iago Sanmartín

As investigacións compiladas nesta tese contribuíron tamén a aclarar a “confusa taxonomía” de especies como a donceliña Ischnura rufogstigma, ou a das especies chinesas do xénero Mnais, ao descubrir a variabilidade dos mesmos fenotipos, investigacións que Sanmartín Villar e Cordero describiron xunto co investigador chinés Hao-miao Zhang. O traballo desenvolvido en dúas provincias da China permitiulles constatar que certas diferencias de coloración eran producidas polo efecto da idade ou da distribución xeográfica e que con constituían especies diferentes como anteriormente foran catalogadas.

Na súa tese, o investigador dá conta tamén dos “cambios diarios de coloración”, ata agora só descritos nos machos, da especie Argia oculata, nun estudo desenvolvido na reserva de Buenaventura, en Ecuador. “Este tipo de coloración, posiblemente ocasionado pola combinación do efecto da temperatura e dos ritmos circadianos, podería supor unha estratexia alternativa para a evasión dun marcado acoso masculino”, apunta tras comprobar como as femias xinocromas, aquelas cunha coloración diferente á dos machos, “tornarían como femias inmaturas no fin do día para garantir unha oviposición en solitario”, mentres os machos acadarían un escurecemento dos seus tons co que camuflarse no ambiente ou asemellarse ás femias”.

O estudo desta especie permitiu atopar tamén un “aparente efecto da alteración do hábitat por parte dos humanos” na frecuencia de femias androcromas, algo que, “de confirmarse”, sinala, faría do polimorfismo “un factor prioritario na análise e na xestión conservacionista”.

Detectouse tamén un mecanismo para evadir o acoso dos machos dominantes

Unha das posibles explicacións deste fenómeno, lembra o investigador, é o seu valor como “mecanismo para evadir o acoso masculino, tanto en femias como en machos subordinados”. De feito, en todas as especies de libélulas que presentan polimorfismo de cor nas súas femias, desenvólvese un fenotipo “androcromo”, aquel que imita a coloración dos machos, mentres que os machos subordinados posúen cores semellantes ás femias, o que contribúe a que non sexan detectados polos machos, “adquirindo vantaxes reprodutivas”. Nese senso, as probas de campo que Cordero e Sanmartín Villar realizaron coa especie Ischnura genei permitíronlles comprobar como os “machos específicos” só tentaban reproducirse cas femias xinocromas e non coas androcromas, o que apoia, salientan, “a hipótese que explica o mantemento do polimorfismo de cor mediante a imitación da coloración e do comportamento dos machos polo fenotipo androcromo”.

Sanmartín Villar estudou tamén as diferencias de comportamento entre especies polimórficas próximas co propósito de coñecer o seu “rol na progresión evolutiva”, dado que a variabilidade morfolóxica condiciona “o tipo de interaccións entre os individuos da poboación e polo tanto o comportamento de cada fenotipo”. Nesa liña enmárcase o estudo realizado durante a súa estadía en Bélxica con catro especies de donceliñas (xénero Ischnura), ás que analizou en estado larvario e adulto mediante unha serie de probas de “actividade e ousadía”, que miden, respectivamente, a mobilidade en ausencia de risco e ante unha situación de perigo. “Os resultados suxiren a existencia de personalidade, o mantemento dun patrón comportamental en situacións con diferentes estímulos, así como corroboran as diferencias comportamentais entre as femias de diferente coloración”, salienta Sanmartín Villar tras constatar con este estudo a “consistencia comportamental” dos individuos incluso “tras os cambios neuroanatómicos producidos durante a metafmorfose”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos describen unha nova especie de libélula das illas Fixi

O insecto destaca por ter un abdome moi longo, os dentes finos e a parte externa das ás de cor rosada

As 37 especies de libélulas que viven na parte galega do Xurés

O catedrático Adolfo Cordero codirixe a primeira guía que compila a diversidade de cabalos do demo presentes no Parque Natural Baixa Limia

Investigadores galegos descobren unha nova especie de libélula no arquipélago de Fixi

Os estudos do grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da UVigo describen a "Nesobasis rito", un tipo de insecto nunca antes descrito na literatura científica

A formiga arxentina, unha especie cun “alto potencial invasor”

Chegou hai 100 anos e ten "consecuencias devastadoras" para o medioambiente porque favorece a proliferación de pragas e elimina as especies nativas