Un estudo xenómico mellora o coñecemento da troita común en Galicia

O investigador Adrián Casanova desenvolveu na súa tese, por primeira vez, unha achega xenómica para avaliar diversos factores sobre a situación da especie

O biólogo monfortino Adrián Casanova Chiclana acaba de presentar na súa tese de doutoramento, titulada Xenómica de poboacións como ferramenta para a xestión e conservación da troita común (Salmo trutta) da Península Ibérica, unha análise que achega nova información para mellorar as actuais estratexias de xestión e conservación dos recursos xenéticos da poboacións naturais de troita común.

A investigación sobre a especie, un salmónido de auga fría con importancia ecolóxica, comercial e recreativa, supón un novo avance respecto doutros estudos xenéticos anteriores que xa puxeran de manifesto unha notable estrutura xenética nas poboacións naturais, o que constitúe unha característica biolóxica fundamental para as políticas de conservación da especie.

Publicidade

Os factores que ameazan a riqueza xenética das poboacións de troita común son, aínda así, múltiples, subliña Casanova, quen sinala como un dos riscos máis importantes a introgresión xenética orixinada pola introdución de individuos de acuicultura no medio natural nas últimas décadas. Esta erosión xenética pode ter consecuencias adversas na capacidade de adaptación da troita común, especialmente no contexto dunha redución dos hábitats dispoñibles impulsada, entre outras causas, polo quecemento global.

A achega realizada nesta tese estruturase arredor de dúas liñas principais. Dunha banda, o autor presenta unha análise bioinformática para avaliar a robustez das conclusións biolóxicas derivadas da análise de diversos paneis de SNPs (Polimorfismos de Nucleótido Único) procedentes de diferente software bioinformático para a súa obtención e xenotipado. Para a realización deste estudo empregáronse cinco especies acuáticas que representaban diferentes escenarios xenómicos.

Publicidade

Adrián Casanova, no centro, cos directores da súa tese, Paulino Martínez (esquerda) e Manel Vera (dereita). Foto: USC.
Adrián Casanova, no centro, cos directores da súa tese, Paulino Martínez (esquerda) e Manel Vera (dereita). Foto: USC.

A investigación realizouse asemade nun contexto no que, debido á irrupción de novas técnicas como RAD-seq (Restricion site-associated DNA sequencing) o volume de datos xerados creceu exponencialmente na última década, promovendo o desenvolvemento de novas ferramentas bioinformáticas para o seu procesamento, ademais dun incremento no requirimento de hardware necesario, para o que se usaron os recursos do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

A outra das liñas vertebrais desta investigación atinxe a que se empregou por vez primeira unha aproximación xenómica en poboacións de troita común da Península Ibérica para avaliar os niveis de diversidade xenética, estrutura poboacional, patróns de hibridación natural, a introgresión poboacional con individuos de acuicultura da mesma especie e mesmo para avanzar na detección de rexións xenómicas candidatas a estar baixo presión selectiva. Os datos obtidos logo deste traballo antóllanse moi útiles para mellorar as estratexias de xestión e conservación dos recursos xenéticos das poboacións naturais de troita común.

A tese realizouse baixo a dirección dos profesores da área de Xenética da USC Manel Vera e Paulino Martínez, e contou no tribunal coa catedrática do Departamento de Bioquímica, Inmunoloxía e Xenética da UVigo Paloma Morán Martínez como presidenta. Completaron o xurado o catedrático de Medicina Preventiva Animal da Universidade de Chile José Manuel Yáñez López e a profesora de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC Belén Gómez Pardo. Os tres outorgaron ao autor da investigación a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias

Do residuo ao tratamento: ingredientes contra doenzas animais a partir do bagazo de uva Albariño

Un proxecto europeo coordinado pola USC transforma 20 toneladas de residuos do viño en máis de 15.000 litros de extractos en diferentes formulacións

Identificados no noroeste peninsular 14 lagares de cera excepcionais en Europa

Un estudo da USC analiza a distribución de construcións tradicionais para aproveitar os produtos apícolas e das que apenas existen exemplos conservados no continente

A árnica mostra unha elevada diferenciación na península ibérica fronte ás poboacións europeas

Un equipo da USC revela as singularidades da planta medicinal e advirte da súa delicada situación polo seu uso continuado en farmacia e cosmética