Venres 29 Marzo 2024

“Debemos admitir que o territorio de Galicia está na UCI”

A comezos de xuño, o Campus Terra de Lugo acolleu a entrega do I Premio Rafael Crecente de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial. A enxeñeira Estela Paradelo (O Barco de Valdeorras, 1988) foi a gañadora pola creación da ‘app’ Galterrae, unha ferramenta de xestión do territorio que desenvolveu a partir das súas experiencias laborais como enxeñeira técnica en Topografía, nun traballo que lle permitiu coñecer a pé de campo gran parte do territorio do país. Paradelo, que tamén se graduou en Enxeñaría Xeomática e Topografía e fixo o máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, apunta que se presentan “retos moi difíciles; pero podemos superalos”.

– Como xorde a idea de ‘Galterrae’?

Publicidade

– Galterrae é a resposta que lle din a unha serie de necesidades que vin na poboación mentres percorro Galicia e parte de España, sobre todo no meu último proxecto laboral. Traballo con agricultores, gandeiros, e propietarios de terras en xeral, sobre catro temas: conservación do solo e a auga, aumento da biodiversidade en entornos agrarios, canles curtas de comercialización (sobre todo de produtos ecolóxicos) e custodia do territorio. Vin certas carencias que coa aplicación se poderían solucionar dunha maneira amena, rápida e eficaz.

– Que problemas ou atrancos se propón resolver?

– Ao traballar na conservación de auga e solo, o obxectivo é revertir ao máximo os procesos de degradación do solo por escorrentía e/ou erosión e asegurar o subministro de auga, recurso escaso e valioso, necesaria non só para as explotacións.

E ao traballar co aumento de biodiversidade en entornos agrarios, o obxectivo é evitar a diminución da biodiversidade nestos sistemas, xa que ten un afecto negativo a causa dunha menor presenza de especies no ecosistema e a ruptura das sinerxías da natureza.

A estrutura territorial ten, sobre todo en certas zonas e con certas prácticas, unha progresión imparable de cara a ser mares agrícolas: elimínanse lindes (os típicos ribazos ou muros de toda a vida), non hai refuxio de ningún tipo, etc, estamos eliminando polo tanto,“os fogares” de miles de especies que teñen unha función no sistema, que prestan un servizo ecosistémico que no futuro imos ter que facer nós. Pero, a que custo? Por exemplo: as abellas, as plantas aromáticas e a polinización. Se nós eliminamos ese tipo de estructuras para elas, a polinización teríamola que facer a man, flor por flor.

Estela Paradelo, creadora de 'Galterrae', recibe o premio 'Rafael Crecente'. Foto: USC.
Estela Paradelo, creadora de ‘Galterrae’, recibe o premio ‘Rafael Crecente’. Foto: USC.

Ao abordar as canles curtas de comercialización, o obxectivo é fomentar as relacións directas entre produtores e consumidores de forma local, permitindo que se acurten as cadeas de subministros de alimentos. Do que se trata é de fomentar a produción e o consumo responsable, sendo conscientes de que un alimento que fai 50.000 km ten unhas consecuencias medioambientais (pegada de carbono), sociais (coas canles curtas prodúcese economías circulares máis resilientes e máis inclusivas), na saúde (a corta do produto faise no punto óptimo e non na previa para que vaia madurando polo camiño), e económicas (produción masiva de alimentos e de desperdicios) etc.

Por último, traballase coa custodia do territorio. Aínda que segue medrando tanto o número de entidades de custodia como os acordos de custodia, segue sendo unha ferramenta descoñecida. Trátase dun conxunto de estratexias e instrumentos que pretenden implicar os propietarios e os usuarios do territorio na conservación e bo uso dos valores e os recursos naturais, culturais e paisaxísticos. Coa aplicación o que se pretende é fortalecer o coñecemento e as sinerxías entre propietarios/as e entidades de custodia, creando un mundo virtual de xestión no que a relación propietario/a e entidade, sexa máis continua e estreita. Isto quere dicir que a comunicación e seguimento poderíase facer virtual e tan só puntualmente presencial.

– Con que exemplos se podería aplicar?

– Se, por exemplo, un dos puntos do acordo foi que se tiña que facer unha plantación para cortar ventos ou evitar a deriva de insecticidas, ese mantemento podería ser seguido cun monitoreo a través de fotos xeolocalizadas que o propio propietario podería rexistrar na ‘app’. Con isto, a entidade de custodia fai unha valoración sen gastar recursos de desprazamento a campo.

Se por exemplo outro dos puntos do acordo foi diversificar cultivos para aumentar a biodiversidade da parcela, de novo cunha foto xeolocalizada, o control poderíase facer sen desprazamento.

Falando de diversificación de cultivos, outra función que inclúe a app son as alertas. Se por exemplo o/a propietario/a cumpre unha serie de requisitos para optar a algunha axuda, a app informao a través de alarmas.

Igualmente ocorre coa entidade de custodia, que tería a golpe de clic un sistema donde poder revisar calquera expediente e realizar calquera actividade.

– Vaise comercializar?

– Por agora só está na miña mente e nos meus papeis (risas). Si que a vexo no mercado e con gran aceptación porque básicamente parte da necesidade da poboación e iso xa dá puntos, pero aínda se tería que percorrer moito camiño para chegar ao mercado.

– Que bos exemplos destacarías en Galicia do uso destas novas tecnoloxías para xestionar o territorio?

– As novas tecnoloxías representan un ‘bum’ que alcanza calquera aspecto da vida, e entre eles tamén está o da xestión do territorio. No caso de Galicia falamos dun territorio que, con doenzas, está mudando a pasos de xigante e nós temos que ir con el, non nos podemos quedar atrás. As novas tecnoloxías deben axudarnos nesa viaxe, pero dunha forma sinxela de cara a cidadanía e eficaz de cara a administración.

“En Galicia hai moitos novos talentos que utilizan as novas tecnoloxías para crear un territorio san e con futuro”

Alabo iniciativas como o programa UAVs Initiative da Xunta de Galicia, que traballa implementando as novas tecnoloxías na captura da información xeográfica. Isto prevé unha revolución neste sector (sobre todo na actualización cartográfica e, polo tanto, a hora de crear e xestionar plans e proxectos territoriais), pero tamén porque toca a xestión medioambiental, as infraestruturas e construcións ou protección civil.

Por outra banda, en Galicia hai moitos novos talentos que utilizan as novas tecnoloxías para crear un territorio san e con futuro. Mozos e mozas, compañeiros e compañeiras de profesión (topógrafos) que foron premiados por crear aplicacións que ofrecen accesibilidade, visualización e xestión de plantacións mediante mapas interactivos e personalizados, xa sexa por exemplo de cultivos leñosos ou herbáceos: mostran as alternativas dun mundo rural rico e con futuro.

– Respecto á situación do territorio (incendios, despoboamento, desordenación forestal)… Está enfermo o territorio en Galicia?

Creo que é moi evidente e que, polo menos, debemos admitir que está na UCI. Iso quere dicir que aos galegos preséntansenos retos moi, moi difíciles. Pero podemos superalos. Necesitamos seguir traballando para crear un territorio forte e libre de dependencias. Os galegos somos moi ricos con respecto a nosa cultura, os nosos recursos naturais, patrimoniais, lingüísticos, lexislativos (temos figuras de propiedade únicas!), etc. Non podemos deixarnos levar por augurios funestos.

– Insístese moito (sobre todo desde as cidades) en coidar o rural, en impulsar proxectos nel, pero a situación segue sendo complicada e non se dá coa clave. Por que?

– Creo que inflúen moitas cousas. As sinerxías territoriais son complicadas e por unha parte, temos que entender que as cousas levan o seu tempo: nun plan que se executou hai un mes, os resultados non van estar esta semana, pois traballar co territorio implica, entre outras cousas, tamén moita carga sociolóxica e en moitos momentos cambios de paradigma que representan un abismo de cara o cidadán de a pe que necesita o seu tempo para asimilar e adaptarse.

Por outra banda, coidar o rural dende lonxe, ten moitas consecuencias. E a máis directa é que os plans non saian adiante.

– Cales serían as primeiras medidas que habería que tomar, ao teu xuízo, para ter un territorio máis vivo?

– Non creo que sexa a persoa máis axeitada para dicir cales deben ser as primeiras medidas, pois aínda non teño tanto camiño andado. O que si podo dicir é que se centos de persoas perderon pertenzas e se viron encerradas como nunha cárcere polos lumes, algo estamos a facer mal. Se, aínda por riba, a comunidade científica de distintos departamentos (que traballa constantemente sobre áreas rurais, man con man, e que xa ten plans e proxectos testados de forma positiva en distintas áreas) nos está dicindo que é necesario, como mínimo, unha reflexión colectiva na que participen tanto os habitantes do rural como os do urbano, quizás como mínimo debamos poñernos en alerta. Ninguén mellor que eles para achegar o seu coñecemento para pasar do debate a acción e que se produza un cambio que nos leve o mellor dos resultados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos