En Galicia hai oito especies de víboras e de cobras, das que só dúas son velenosas. Estas son as oito que te podes atopar no país.
A víbora de Seoane
A víbora de Seoane (Vipera seoanei) habita en toda Galicia e a súa presenza vai pola cornisa cantábrica ata Francia. É unha víbora de tamaño medio, corpo groso, normalmente de pouco máis de medio metro. Adoita fuxir do ser humano, polo que é raro ser vítima da súa dentada. Pero é velenosa, especialmente para alérxicos, rapaces e persoas maiores.
Víbora fociñuda
A víbora fociñuda (Vipera latasti) é menos común en Galicia pero maioritaria na península Ibérica. Pode alcanzar os 70 cms. A súa pezoña é menos tóxica que a da víbora de Seoane, pero tamén compre de asistencia sanitaria.
Cobra rateira
O cobregón ou cobra rateira (Malpolon monspessulanus) pode chegar aos 2 metros. Habita no sur da Coruña e Lugo e nas provincias de Ourense e Pontevedra. Ten dentes inoculadores de veleno situados na parte posterior da boca, pero non é perigosa para o home.
Cobra viperina
A cobra viperina ou cobra viperina de auga (Natrix maura) non é velenosa, malia o seu nome temible. Vive en ríos e lugares húmidos. Mide normalmente medio metro. Cando se defende, aplasta a cabeza para parecer unha víbora.
Cobra de colar
A cobra de colar (Natrix natrix) é unha cobra non velenosa. Pode chegar a medir dous metros. Ten vida diurna e algúns exemplares teñen unha característica mancha de colar amarelo.
Cobra lagarteira
A cobra lagarteira (Coronella austriaca) non é velenosa. Está presente dende Galicia a toda Europa e rexións asiáticas como Irán. Podemos atopala en zonas de matorral e fragas sobre todo de carballos.
Cobra lisa meridional
A cobra lagarteira meridional ou cobra lisa meridional (Coronella girondica) habita en Galicia case en toda Galicia. Marrón e duns 60 centímetros de longo, é inofensiva para o ser humano.
Cobra de escada
A cobra riscada, ou cobra de escada (Rhinechis scalaris) é unha especie non velenosa. Pode medir un metro e medio. É unha gran cazadora e podemos atopala tamén en Ons e nas illas Cíes.
Non sei a quén se refire cando falan dunha tal,”prima veira”, xaque se súa referencia é pola estación do ano, ésa escríbese PRIMAVERA,un saúdo cordial.
moi interesante para a xente que lle ten panico as serpentes
Bo artigo, actualmente Natrix natrix pasou a Natrix astreptophora. Algunhas imaxes non se corresponden co texto.
Saudos
Bo artigo! Noraboa! Só me gustaría que se respetasen as normas de escritura dos nomes científicos (en cursiva).
Vipera latastEi