Que son os estabilizadores UV? O composto dos ‘pellets’ que levan as cremas solares

O catedrático da UVigo Ricardo Beiras explica que os plásticos do 'Toconao' non son velenosos para os humanos pero poden ser tóxicos para o plancto e as larvas de invertebrados

Millóns de diminutas bólas de plástico están cubrindo as praias galegas cun extenso manto branco a causa dunha vertedura do cargueiro Toconao. Son pellets, a materia prima coa que se fabrican os materiais plásticos, que chegan aos areais de forma dispersa ou en bolsas de rafia. Os sacos revelan un dato clave: os pellets non son simples polímeros, senón que teñen un aditivo químico que se denomina “estabilizador UV”; unha substancia que tamén conteñen as cremas solares e que pode ser tóxica para algúns organismos mariños. “Non é velenoso para os seres humanos pero segundo os nosos estudos, si o pode ser para o plancto”, apunta o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo (UVigo) Ricardo Beiras. De feito, algúns filtros ultravioleta poden afectar as larvas dos invertebrados, incluso os que teñen intereses comerciais, como os moluscos. “O tema é serio e deberíase facer un estudo de impacto ambiental”, advirte o experto.

Sobre as repercusións que os pellets poidan ter sobre o medio ambiente ou a saúde humana e animal son todo hipóteses. Só se sabe que teñen estabilizadores UV, segundo aparece rotulado nos sacos da Empresa Bedeko Europe. Todo o demais son incógnitas. Dende o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o organismo autonómico competente á hora de investigar esta vertedura, non trascendeu ningún tipo de información. Pese a non facerse públicos datos científicos que corroboren a inocuidade dos pellets, a conselleira de Medio Ambiente da Xunta, Ángeles Vázquez, anunciou nun acto celebrado este luns na Coruña que as bólas plásticas “non son tóxicas nin perigosas”. Con todo, “é plástico e hai que sacalo dos areais”, dixo.

Publicidade

Á falta de datos científicos que confirmen ou desmintan a toxicidade dos pellets, unha parte da comunidade científica non concorda coa versión que ofreceu a conselleira esta mañá. De feito, os expertos coinciden en que poden ter consecuencias nos organismos mariños máis alá da súa inxestión e das que poidan ocasionar nos seus sistemas gastrointestinais. “Unha vez inxereidos, os pellets poden producir danos físicos, como o xerado ao alterar a inxestión de alimento ou por abrasión e tamén a outros niveis, como alteracións endrócinas e impactos derivados de substancias tóxicas asociadas“, explica Carmen Morales, investigadora do Instituto Universitario de Investigación Mariña da Universidade de Cádiz en declaracións recollidas polo Science Media Centre España.

A visión ofrecida pola comunidade científica contrasta coa que achegou Vázquez esta mañá. En relación ao posible impacto que poidan ter os pellets sobre os peixes e outro tipo de organismos mariños, a conselleira sinalou que é “igual que o resto de plásticos”, a pesar de recoñecer que non se sabe cal é a dimensión da vertedura e que, polo tanto, non se coñece é a cantidade de pellets que soltou o Toconao. Malia a falta de información, o avogado dos armeiros do buque estimou que o contedor albergaba 1.000 sacos de bólas plásticas. Cada un, segundo as estimacións da Asociación Noia Limpa, podería pensar en torno aos 25 quilos. É dicir, unha vertedura de 25 toneladas de pellets. A pesar destas estimacións, Vázquez sinalou esta mañá que “en principio parece que se trata dunha cantidade pequena”.

A información oficial sobre as bólas de plástico é escasa e o propio Ricardo Beiras recoñece que lle está resultando “moi difícil” atopar datos sobre os pellets que están chegando ás costas galegas. O catedrático da UVigo anuncia que xa recolleron mostras que analizarán no seu laboratorio para determinar de que están compostos estes pellets e ata que punto os seus filtros ultravioleta poden ser tóxicos para os organismos mariños. “Non parecen substancias inocuas”, sostén Beiras. Coa información que se ten ata o momento, o experto descarta que sexan perigosas ou velenosas a nivel humano, pero recoñece que os filtros UV si poden ter efectos negativos e daniños noutros organismos mariños.

O perigo dos aditivos químicos

O catedrático de Ecoloxía da UVigo Ricardo Beiras.

Segundo explica o catedrático da UVigo, os aditivos químicos que conteñen os plásticos si poden ter efectos tóxicos, como é o caso dos estabilizadores UV. “Polas fotos que circulan, este tipo de pellets non son virxes, é dicir, de polímero puro, senón que teñen substancias para que o plástico sexa resistente á luz”, apunta Beiras. O único que pode aseverar o experto é que, segundo as investigacións que se levaron a cabo no seu laboratorio, algúns estabilizadores UV son tóxicos. Hai que saber cales teñen os pellets que chegaron a Galicia para determinar o dano que poidan ocasionar no mar e nos organismos que o habitan.

Tal e como traslada Beiras, cando atopamos unha bolsa de plástico que leva un tempo tirada no chan ao aire libre, ao collela, rompe. Isto débese á fotooxidación, é dicir, á rotura das cadeas do polímero pola acción da luz ultravioleta. Co obxectivo de facer o plástico máis resistente, engándense unha serie de moléculas, os denominados estabilizadores UV, que lle dan resistencia á luz. “A bóla está empapada nesa molécula. Tan pronto como a metas na auga, esas moléculas sóltanse e pasan ao mar, onde poden ter un impacto sobre a fauna acuática. Non é necesaria que as traguen, calquera animal mariño, como o plancto, vai estar exposto. É un mecanismo de toxicidade que hai que valorar”, apunta o catedrático de Ecoloxía. De todos modos, Beira apunta que todo son hipóteses dado que aínda non se coñece a composición das bólas nin a concentración de estabilizadores UV nos pellets.

“O mar é moi grande e, en principio, non imaxinamos que a cantidade de bólas sexa tal como para ter efectos tóxicos. O problema é que non coñecementos a concentración de substancias químicas nos pellets, nin que tipo de substancia química é”, alerta o científico. Deste modo, é imposible saber a día de hoxe se a cantidade liberada polo cargueiro á altura de Viana do Castelo supón un perigo real para o plancto das rías. De momento, Beiras considera que, pola pouca información que trascendeu, as bólas non semellan inocuas para o medio ambiente nin para os organismos mariños. E que ese composto que teñen, os estabilizadores UV, pode provocar toxicidade no mar. De todos modos, advirte que as actuacións a título persoal non serven de nada se a administración non actúa. “De non ser así, todo o traballo da sociedade civil pode ter un valor moi limitado”, conclúe.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes