Un equipo da universidade de Rice, en Houston, publicou recentemente un estudo no que achegan novos datos sobre a estrutura situada nos arredores do Banco de Galicia, un enorme monte submarino que se ergue desde os 4.000 metros de profundidade ata os 650 metros a centos de quilómetros da costa. Esta zona, debido ao encontro de diversas masas de auga e correntes, forma un ecosistema de gran biodiversidade e interese biolóxico e xeolóxico.
O traballo comezou cunha expedición de 45 días realizada en 2013 na que o chamado equipo Galicia da universidade estadounidense estudou esta zona do Atlántico. A viaxe botaba a andar un ambicioso proxecto de seis millóns de euros para estudar a zona.
A investigación, publicada en Earth and Planetary Science Letters, describe a estrutura interna dunha gran sección en tres dimensións dos arredores do banco de Galicia, nunha marxe pasiva non volcánica entre Europa e a dorsal Atlántica, que non amosa sinais de actividade volcánica recente, e cunha codia notablemente fina. A delgadez da codia foi, segundo remarca a universidade de Rice, un elemento que facilitou a captura dos datos en 3D dunha área de arredor de 840 quilómetros cadrados. Foi, segundo o traballo, a primeira zona de transición no mundo analizada deste xeito.
Grazas ao financiamento recibido, o equipo puido analizar o Banco de Galicia e os seus arredores cunhas ferramentas sofisticadas de reflexión sísmica. Aínda que a fenda do marxe que estudaron está soterrada baixo centos de metros de rocha, os aparellos acústicos puideron determinar os tipos de materiais e a súa configuración.
Un dos achados máis destacados foi a obtención das primeiras imaxes sísmicas do que os xeólogos chaman o reflector S, unha falla na zona de transición entre a parte continental e a oceánica. Os investigadores cren que esta fenda foi esvarando de xeito que axudou a manter a codia delgada.
O reflector-S, estudado desde os anos 70, achega novos datos tamén sobre esta zona. “Un dos mecanismos que se postulou é o da bisagra rodante; polo que se supón que unha falla que era inicialmente empinada foi esvarando durante millóns de anos. Debido a que a codia é tan delgada, o material que está debaixo está quente, e ‘inchou’ no medio. Así, a falla comezou a rodar e volveuse case horizontal”, explica a investigadora Nur Schuba.
A expedición tamén recolleu datos sobre as interaccións entre a falla de desprendemento e o manto, que presiona a falla cara a arriba e diminúe a fricción durante o deslizamento. Os investigadores creen que esta interacción levou á marxe de Galicia a evolucionar de xeito distinto, debilitando as fallas e facendo que a actividade fose máis duradeira.
A posibilidade de obter datos en tres dimensións desta zona é un importante avance, segundo os investigadores norteamericanos. “É coma ter unha resonancia magnética; alégrame que este fora o primeiro artigo que achega estes datos sobre a marxe de Galicia, e que puideramos ver cousas que ninguén viu antes”.