A Escola de Enxeñaría Forestal supervisará o traballo de campo dos estudantes de Pontevedra. Foto: Real Jardín Botánico (RJB-CSIC).
A Escola de Enxeñaría Forestal supervisará o traballo de campo dos estudantes de Pontevedra. Foto: Real Jardín Botánico (RJB-CSIC).

Ciencia cidadá para medir a calidade do aire a través das especies de liques

Estudantes de Pontevedra participan nun proxecto dirixido polo CSIC para identificar especies indicadoras dos niveis de contaminación

É sabido que os liques son excelentes indicadores da calidade do aire, e teñen sido utilizados polos científicos para medir os niveis de contaminación en numerosas cidades de todo o mundo. Así o revelou tamén a primeira fase do proxecto de ciencia cidadá Liquencity, que permitiu, mediante a colaboración de máis de 2.000 persoas, a maior parte estudantes de secundaria, estudar os niveis de contaminación en Madrid e Barcelona.

O proxecto, coordinado polo Real Jardín Botánico (RJB-CSIC) e GBIF España, inicia agora a súa segunda fase, Liquencity 2, coas universidades de Vigo, Oviedo e Navarra, o ICM e o IRBIO de Barcelona e a asociación Terrabiota de Pamplona como socios, e o apoio da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Coa participación das profesoras da Escola de Enxeñaría Forestal Graciela Paz e Eugenia López, Pontevedra será, xunto a Oviedo a Pamplona, unha tres cidades que centrarán a segunda edición deste proxecto, no que se promoverá a participación de alumnado de distintos niveis educativos. A través dunha aplicación para teléfonos móbiles, as e os participantes aprenderán a identificar os liques e rexistrarán a súa presenza nas árbores da cidade, o que permitirá á súa vez avaliar os niveis de contaminación do aire.

As investigadoras Eugenia López de Silanes e Graciela Paz participan no proxecto. Foto: Duvi.
As investigadoras Eugenia López de Silanes e Graciela Paz participan no proxecto. Foto: Duvi.

“Existen unha serie de especies de liques que caracterizan ben as zonas máis e menos contaminadas”, explican Graciela Paz e Eugenia López de Silanes, docentes da Área de Produción Vexetal e integrantes do grupo de investigación en Novos Materiais (FA3). As docentes da EE Forestal serán as responsables en Pontevedra dun proxecto coordinado polo investigador do CSIC no Real Jardín Botánico Sergio Pérez-Ortega e que ampliará, a través dunha nova app, o seu estudo a estas tres cidades. Esta aplicación, informa o CSIC, permitirá crear mapas de diversidade de liques e contaminación atmosférica para cada cidade, o que servirá tamén para concienciar á poboación dos efectos que a contaminación invisible do aire ten para a saúde.

Medicións a través dunha app

Para iso, alumnado e profesorado de secundaria, bacharelato e formación profesional de Pontevedra, Oviedo e Pamplona analizará durante varios meses os liques que existen en cada territorio e o seu papel como bioindicadores da calidade do aire. No caso de Pontevedra, Paz e López de Silanes, que xa estudaran previamente a presenza na cidade de liques que permiten avaliar os niveis de contaminación, encargaranse de impartir sesións formativas para o profesorado interesado, que permitan que logo ao alumnado identificar e cuantificar as especies de liques presentes en árbores cun tronco de cando menos 30 centímetros de diámetro.

“Eliximos unha serie de especies para Pontevedra, que consideramos que caracterizarían ben as zonas cunha contaminación alta, media ou baixa”, a través da súa presencia ou ausencia nas árbores do casco urbano, explican as investigadoras. López de Silanes e Paz encargaranse así mesmo de supervisar as fotografías de liques que, unha vez arranque un proxecto “aberto a toda persoa interesada”, se irán incorporando á plataforma Natusfera e que permitirán á súa vez, como salienta Paz, “facer un mapa da contaminación de Pontevedra”. Do mesmo xeito, tamén está prevista a organización dun bioblitz na cidade, un evento centrado no rexistro de diferentes especies nunha determinada zona.

A relevancia da ciencia cidadá

Para levar a cabo este proxecto, explicou Pérez-Ortega, “os alumnos e profesores disporán dunha nova app para dispositivos móbiles, en cuxo desenvolvemento xa estamos traballando, que lles facilitará a toma de datos e, ademais, contarán con materiais específicos para cada cidade, como fichas de árbores e de liques ou unidades didácticas”. A aplicación, que traballará sobre a plataforma dixital Natusfera, personalizarase para o proxecto co propósito de facilite a toma de datos e poida ser empregada facilmente por calquera persoa.

Todos os datos validados na plataforma por expertos e expertas en liques pasarán a formar parte da Infraestrutura Mundial de Información en Biodiversidade (GBIF, polas súas siglas en inglés). Deste xeito, sinala o CSIC, ademais de ser un proxecto de sensibilización e axuda á xestión municipal, tamén será un proxecto de ciencia cidadá ao servizo da comunidade científica global.

“A nosa experiencia con Liquencity indícanos que, a pesares da importancia que a calidade do aire ten para a nosa saúde, a percepción do problema non é xeral entre a cidadanía”, salienta Pérez-Ortega, que lembra que, con frecuencia “non se entenden as medidas tomadas para mitigar os niveis excesivos de certos contaminantes”. Por iso, segundo recolle o CSIC, o coordinador desta iniciativa pon o acento en que “proxectos que fomenten a participación da mocidade, achegando coñecemento, tomando decisións e pensando formas de cambiar os nosos hábitos, son claves para unha transición real cara cidades máis sustentables e saudables”.

Nese senso, subliñan que estudos previos amosaron que as afeccións respiratorias teñen unha alta correlación coa presenza ou ausencia de certas especies de liques nas cidades. Segundo se desprende do último estudo da Carga Global de Enfermidade (CBD), sinala o CSIC, prodúcense ao ano en España cando menos 15.000 mortes atribuíbles á contaminación atmosférica. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.