O porqué das nevadas exprés que caeron sobre Galicia

Galicia está vivindo un inusitado episodio meteorolóxico que mestura temperaturas moi frías e unha borrasca, ‘Emma‘, que chega desde o Atlántico. Nesta situación, estase a producir un episodio de nevadas intensas, aínda que fugaces, na maior parte do noso territorio. Para coñecer as orixes deste episodio, hai que remontarse varias semanas atrás.

video/neve-santiago-de-compostela/

Publicidade

A comezos deste mes, os modelos meteorolóxicos adiantaban que arredor do 10 de febreiro se ía producir un quecemento súbito estratosférico (SSW, polas súas siglas en inglés). Este fenómeno consiste nun rápido incremento de temperatura na estratosfera da zona boreal. Este fenómeno desestabiliza o vórtice polar, un remuíño de aire moi frío que circula de forma constante sobre o círculo polar ártico. E deste xeito, o clima do hemisferio norte vese notablemente alterado. O vórtice rachou en dous, unha parte descendeu até Norteamérica e outro a Europa do Leste. E ao mesmo tempo, un anticiclón ascendeu cara o Ártico. Así, desde mediados de mes, mentres media Europa fica case conxelada, no Ártico as temperaturas están ata 25ºC por riba do habitual para esta época do ano.

E por outra banda, segundo explican desde MeteoGalicia, “as borrascas que viaxan polo Atlántico norte, alimentadas por unha zona de aire moi frío en altura asentado no norte de Canadá, foron movéndose cara ao sur, ao atopar o seu camiño natural ocupado por esas altas presións”.

Publicidade

As nevadas: loita entre a borrasca e o aire frío

Ante esta panorama, os modelos comezaban a ofrecer varios escenarios posibles de cara a esta semana. Por unha banda, podería impoñerse a masa de aire seco e moi frío procedente do Leste, desde o centro de Europa. Por outro lado, cabía a opción de que unha borrasca desde o Atlántico entrase na Península e frease o aire polar. Pero había unha terceira opción, que vai ser a que, con case toda probabilidade, veremos nas vindeiras horas. Sobre Galicia colisionarán o aire máis húmido e cálido da borrasca do Atlántico contra a masa polar. E que pasará, entón?

Nun principio, o aire seco e frío impúxose, con temperaturas que caeron ata os -5ºC no Cebreiro na madrugada do luns ao martes e máximas que non pasaron dos 10ºC na maior parte do territorio. Pero durante a madrugada do martes ao mércores entrará a borrasca ‘Emma‘ desde o Atlántico, cunha forza que obrigará a activar o aviso amarelo e laranxa por vento no mar en toda a costa galega, como xa avanza MeteoGalicia.

Así, a colisión destas dúas masas tivo lugar xusto sobre as nosas cabezas. Co aire moi frío situado no noso territorio, a borrasca ‘Emma’, cargada de humidade, deixou nevadas intensas e exprés durante a madrugada do martes ao mércores. Iso si, será un episodio efémero. ‘Emma’ acabarase impoñendo, as temperaturas ascenderán rapidamente. O frío marchará, en parte, pero a chuvia e o vento quedarán con nós varios días máis.

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

Galicia rexistra o mes de outubro máis seco dende 2007

O último informe climatolóxico de MeteoGalicia indica que a precipitación media acumulada foi un 79% inferior ao habitual no período

Unha nova fronte atlántica acende a alerta por temporal marítimo na costa da Coruña

MeteoGalicia informa de que as precipitacións chegarán na xornada do martes, pero a influencia anticiclónica volverá a partir do mércores

A borrasca Austen activa a alerta laranxa en Galicia por ondas que poderán superar os sete metros

Trátase da segunda das tres frontes atlánticas que pasarán por Galicia esta semana, coa terceira prevista para o domingo