Ata hai tres anos, a chuvia non aparecera no deserto de Atacama desde cinco séculos atrás. Porén, está chovendo como nunca choviu desde que hai rexistros. Debido ás precipitacións estanse formando lagoas cun alto contido en sal, que xa estaba presente nesta árida paisaxe de Sudamérica, que leva así desde, polo menos, os últimos 15 millóns de anos. E o que podería ser unha boa nova para moitos lugares do planeta afectados pola seca, en Atacama está causando a devastación en comunidades microbianas que conseguiron evolucionar e adaptarse á aridez e á falta de chuvia.
As bacterias adaptadas á seca extinguíronse por exceso de auga, segundo atoparon os investigadores
Así o comprobou un estudo que se publicou en novembro en Scientific Reports: “Atopamos que a chuvia, que apareceu de xeito repentino e masivo en rexións que ficaron moi áridas durante millóns de anos está facendo moito dano á maioría das especies microbianas que viven na superficie do deserto”, introduce o artigo. Apenas hay excepcións: só algunhas especies do xénero Halomonas, que acaban de ser identificadas, manteñen o seu metabolismo e son capaces de reproducirse nestas lagoas.
O traballo, dirixido por investigadores do Centro de Astrobioloxía (organismo asociado ao CSIC e ao INTA), conclúe que un 85% das especies microbianas da zona extinguíronse debido á chuvia. “Os microorganismos autóctonos que estaban perfectamente adaptados a vivir baixo condicións de seca extrema e á extracción da escasa humidade do seu entorno foron incapaces de asumir as novas condicións e morreron por exceso de auga”, explicou á Axencia Sinc Alberto G. Fairén, coautor do estudo.
Atacama e Marte
Os resultados desta investigación poderían axudar a entender a microbioloxía noutros entornos áridos. Así, serven para facer unha analoxía co que puido acontecer en Marte cando o cambio climático no planeta vermello fixo que desaparecera a auga líquida da superficie. É un novo paradigma para entender a evolución da microbiota temperá de Marte, que sufriu tamén inundacións súbitas moito tempo atrás.
Fairén sinala que hai entre 4,5 e 3,5 millóns de anos, Marte tivo moita auga na súa superficie. “Sabémolo polas evidencias que se conservan en forma de minerais hidratados sobre a superficie, pegadas de ríos, lagos, deltas e mesmo un océano hemisférico nas chairas do norte”.
Mais cando o planeta vermello perdeu a atmosfera e a súa hidrosfera, converteuse no mundo seco e ermo que é hoxe. Porén, apunta Alberto G. Fairén, “nalgúns momentos durante o Hespérico (de 3,5 a 3 millóns de anos antes de agora) grandes volumes de auga sucaron a superficie en forma de canais de desbordamento, os máis grandes detectados no sistema solar. Se aínda existían comunidades de microbios resistindo o proceso de seca extrema, veríanse sometidas a uns procesos de estrés semellantes aos que estamos vendo en Atacama”. Esta é a razón pola que o estudo no deserto chileno pode axudar a estudar a vida pasada de Marte.
Referencia:
A. Azua-Bustos, A. G. Fairén, C. González Silva, C. Ascaso, D. Carrizo, M. Á. Fernández-Martínez, M. Fernández-Sampedro, L. García-Descalzo, M. García-Villadangos, M. P. Martin-Redondo, L. SánchezGarcía, J. Wierzchos & V. Parro. “Unprecedented rains decimate surface microbial communities in the hyperarid core of the Atacama Desert”. Scientific Reports, 12 de novembro de 2018.
Moi interesante! Creo que hai un erro nas datas ao falar de Marte. Onde se fala de millóns de anos, debería falarse de miles de millóns.