A última semana de xuño comeza coa presenza dunha fronte que deixará algunha chuvia e aire frío en Galicia. Así o indica Carlos Otero, meteorólogo de MeteoGalicia, que explica que despois duns días de estabilidade e altas presións, esta tarde e noite comezará a cubrirse o ceo de nubes, polo este da provincia da Coruña, acompañadas dalgunhas chuvias nocturnas durante a próxima madrugada. “As precipitacións serán febles e moi ocasionais, e abarcarán o leste e sudeste de Galicia”, expón o experto. Unha vez superada esta fronte, de curta duración, as chuvias serán menos probables durante o día de mañá e o vindeiro mércores, con máis incidencia nas provincias da Coruña e Lugo.
Entrando máis nesta semana, a partir do xoves, o tempo virá marcado por ventos de compoñente norte e nubes máis abundantes na metade norte e máis compactas no litoral, que se traducirán en algunha chuvia. “Porén, vai predominar a incidencia anticiclónica que se vai achegando dende o leste das Azores a Galicia”, explica Otero. As altas presións, que a principio de semana aínda están moi afastadas da Península, situaranse cara a metade desta semana no noroeste peninsular, deixando tempo seco a partir do sábado en Galicia. “É probable que este anticiclón quede estacionario, nesta posición, durante varias xornadas consecutivas”, puntualiza o meteorólogo. O anticiclón devolverá a Galicia un tempo máis estable e habitual para esta época do ano, chegando ás máximas doutros anos.
Semana de mínimas a máximas habituais
Estas temperaturas baixas que despiden o mes de xuño, explican dende MeteoGalicia, débense a entrada dunha masa de aire fría polo noroeste peninsular, situada sobre Galicia. Comezamos a semana con noites marcadas por ceos pouco nubrados e pouco vento pero aire frío e mínimas que baixaron ata valores inferiores aos 5 ºC e 2 ºC no interior, contrastando coas mínimas do litoral que manteñen os 10 ºC, sendo tamén mínimas bastante baixas para esta época do ano.
“Os mapas de masas de aire, que indican as temperaturas destas correntes, deixan ver como hoxe, mañá e o xoves en Galicia, a esa altura, manteranse temperaturas por baixo dos 10ºC, debido a esa fronte de aire fría”, asegura o experto. “Comparado co Mediterráneo, que a esa mesma altura a temperatura ronda os 20 ºC”, engade. Desta forma, pódese observar como esta masa de aire frío afectará especialmente ao norte peninsular, chegando con maior debilidade ao sur e leste peninsular, onde é maior a influencia da entrada de aire cálido de África.
“Prevese que as temperaturas vaian ascendendo a partir do xoves e queden uns valores máis habituais do verán durante esta fin de semana”, expón Otero. En Santiago de Compostela, por exemplo, as máximas habituais nesta época do ano rondan os 25ºC e, a pesar de que hoxe se prevén máximas de ata 21ºC, durante o día de mañá e o vindeiro xoves, aínda se quedarán nos 18ºC de máxima. Non será ata o final do venres e xa completamente o sábado cando se acadarán temperaturas máis estables e acordes co verán galego. “En Ourense non chegarán aos 30ºC de máxima ata á fin de semana”, explica o meteorólogo.
“Poderiamos chegar a ter varias semanas de estabilidade e algo de calor”
CARLOS OTERO, meteorólogo
Pasada a fronte, chega a Galicia o anticiclón con tempo seco, un patrón de nubes máis marcado cara ao norte e ceos descubertos cara o sur da comunidade. “Poderiamos chegar a ter varias semanas de estabilidade e algo de calor, mais son moitos días de predición polo que habería que collelo con pinzas”, indica Otero. Dende MeteoGalicia tamén debuxan o panorama para a o comezo da semana que vén, marcado por algunhas treboadas na noite do domingo e durante o vindeiro luns. “Volverá a inestabilidade pero a medio prazo será a única situación de chuvia forte que teremos”, adianta o experto. Con todo, as temperaturas subirán, incluso, chegando a ser algo superiores ás máximas habituais de xullo.