A UVigo investiga para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios

Os investigadores vigueses colaboran neste traballo coa Universidad del País Vasco.
Os investigadores vigueses colaboran neste traballo coa Universidad del País Vasco.

Na actualidade existe unha gran preocupación e interese mundial por reducir o consumo enerxético e as emisións de gases contaminantes. O sector da edificación non é alleo a esta tendencia, xa que é o responsable do 40% do consumo de enerxía final e do 50% das emisións de CO2 a nivel mundial. Consecuencia de todo isto ao longo destes últimos anos fóronse endurecendo as normativas, tratando de reducir tanto a demanda, como o consumo de enerxía, ao mesmo tempo que se tratan de incorporar as enerxías renovables. Estas medidas lograron pequenos avances, pero é necesario ir máis aló e nisto están a traballar un equipo de enxeñeiros e enxeñeiras das universidades de Vigo e o País Vasco liderados por Enrique Granada e Pablo Eguia, investigadores do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Escola de Enxeñería Industrial.

O proxecto ‘Investigación para a creación dunha ferramenta holística para a xestión enerxética na edificación’ está financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade con máis de 200.000 euros. Propón a creación de sistemas de regulación que teñan en conta múltiples criterios, estratexias intelixentes de monitorización que sexan de baixo custe e minimamente invasivas e que permitan calibrar os sistemas de simulación enerxética. “Hoxe en día existen xa estudos que poñen de manifesto as grandes discrepancias entre a eficiencia dun edificio simulado e a eficiencia medida nun edificio real”, explica Enrique Granada, recalcando así a necesidade de mellorar o axuste entre a eficiencia do modelo simulado e do edificio monitorizado, o que tecnicamente se denomina como ‘simulación calibrada’.

Un dos modelos empregados polo grupo de investigación.
Un dos modelos empregados polo grupo de investigación.

Na actualidade non existen métodos estandarizados e os que acostuman empregarse son custosos en tempo, coñecementos e experiencia. “A incerteza é alta debido aos problemas de calibración e, ademais, non existe unha ferramenta automatizada que integre estes procesos, polo que de conseguir a finalización exitosa deste proxecto será un gran avance”, explica o investigador, que fai fincapé en que cada tipo de edificio demandará uns axustes específicos das ferramentas de calibración que teña en conta as súas particularidades e os diferentes resultados agardados. “Non serán iguais os axustes para un hotel que para un centro educativo, por exemplo”, explica o coordinador do proxecto, que recalca o feito de que se trata de “atopar a ferramenta axeitada para optimizar a regulación de todos os elementos nos que se pode actuar tendo en conta tamén parámetros como o benestar dos ocupantes e o medio ambiente”, subliña Granada.

O Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Universidade de Vigo, colaborador habitual do equipo de Enerxética de Edificación, Enedi, da Universidad do País Vasco (UPV/EHU), conta cunha longa traxectoria na simulación enerxética en edificación. “Ambos equipos levamos anos traballando xuntos tanto a nivel docente, compartimos máster e doutoramento interuniversitario, como investigador e toda a experiencia ganada durante estes anos converteunos en socios inmellorables”, subliña Granada, que explica tamén que no ámbito do proxecto as fortalezas do grupo vigués son o proceso de simulación dinámica e o uso de algoritmos matemáticos aplicados á eficiencia enerxética. “Se ben dispomos de certos avances no apartado de monitorización e casos de estudo de edificacións monitorizadas, a busca da excelencia no proxecto fai preciso delegar ditas actividades nun grupo como Enedi, con experiencia xa demostrada e de repercusión internacional neste eido”, engade o enxeñeiro vigués.

A ferramenta poderá estar lista a finais de 2018

A través pois do emprego de diferentes técnicas de simulación e da aplicación de múltiples algoritmos matemáticos, o equipo vigués centraranse na creación dun mapa que identifique as técnicas máis idóneas en función da realidade de cada edificio e da súa implementación automatizada. A xeometría do edificio, as divisións internas, os materiais cos que se construíu, os tipos de cubertas, a orientación, a localización xeográfica… son exemplos dos diferentes parámetros cos que están a traballar e cos que ‘alimentan’ todos eses algoritmos matemáticos, pero non son os únicos, xa que os investigadores implicados no proxecto insisten na necesidade de ter tamén en conta o que denominan como ‘parámetros de saída’ nos que se inclúen cuestións como os consumos, os custes, as posibilidades de rehabilitación e a mellora da realidade de uso.

“A ferramenta de calibración xa automatizada debería estar lista en decembro e iso é o que agardamos”, explicou Granada, ao que engadiu que ao longo do 2018 se desenvolverá a ferramenta de optimización multiobxectivo e a demostración experimental de ambas ferramentas a partir de diferentes casos de estudo da Universidad do País Vasco e tamén propios.

Na Universidade de Vigo traballan a tempo completo nesta investigación cinco investigadores aos que en breve se sumará outro. A eles hai que engadir tamén os socios vascos do proxecto, encargados neste caso da implementación de técnicas de calibración e optimización multiobxectivo automatizadas aplicadas á simulación de modelos enerxéticos en edificios reais monitorizados enerxeticamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.