Venres 29 Marzo 2024

A primavera comeza este luns 20 ás 22.24 horas

As eclipses previstas para esta estación non van ser visibles dende Galicia, mais en xuño poderase ver a Mercurio a simple vista

A estación primaveral comezará este luns, 20 de marzo, ás 22.24 horas e prolongarase durante case 93 días ata as 16.58 horas do 21 de xuño. O seu inicio prodúcese cando o Sol pasa polo punto Aries, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste. Nestes días, na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais. “O Sol sae exactamente polo leste e o solpor prodúcese exactamente ao oeste. Porén, debido á luz crepuscular, antes da saída do Sol e logo do solpor, a claridade supera á escuridade”, relata o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo.

Típicas da primavera son as choivas de estrelas Líridas e eta-Acuáridas, as cales teñen os seus máximos os días 23 de abril e 6 de maio, respectivamente. Así mesmo, entre o 21 e o 26 de maio haberá unha aliñación, logo do solpor, da Lúa cos planetas Venus e Marte. No amencer do 14 de xuño, o planeta Xúpiter estará a menos dun grao da Lúa e, durante os vindeiros meses, haberá dúas oportunidades para observar a simple vista o planeta Mercurio. Será en torno ao 11 de abril logo do solpor e sobre o 29 de maio antes da saída do Sol.

Publicidade

Ningunha das dúas eclipses previstas para a primavera van ser visibles dende Galicia. O 20 de abril vaise producir unha eclipse híbrida (total-anelar) de Sol que poderá ser seguida en Oceanía, suroeste de Asia, na Antártida e mais nos océanos Índico e Pacífico. Doutra banda, o 5 de maio terá lugar unha eclipse penumbral de Lúa cuxo final será teoricamente visible no resto de España. En relación co cometa C/2022 E3 (ZTF), estes días aínda pode verse telescopicamente cara ao oeste, ao anoitecer, pero logo irase afastando definitivamente.

Resumo do inverno

“Remata en Compostela un inverno que pode considerarse normal tanto en relación á pluviosidade como ás temperaturas”, afirma o profesor Docobo. Os últimos dez días de decembro e todo o mes de xaneiro estiveron na liña do chuvioso outono. Son destacables os 220,8 litros/m2 medidos entre o 22 e o 31 de decembro, con especial énfase nos días 23 (55 l/m2), 24 (46 l/m2), e 31 (31 l/m2). En xaneiro, recolléronse 251 l/m2. A chegada do anticiclón fixo que febreiro fora seco con só 25 l/m2, malia que as chuvias volveron en marzo sumando máis de 100/m2. A suma total da estación que agora remata está preto da media, sobre 600 litros/m2.

Neste inverno tan só se rexistrou un día con temperatura negativa na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Foi o 2 de marzo con – 0º2, se ben outras seis xornadas (tres en febreiro, dúas en xaneiro, e outra en marzo) estiveron a piques de conseguilo.

A temperatura máxima do inverno tivo lugar o 23 de febreiro cando se chegou aos 23º. Tamén deben salientarse as temperaturas máximas por enriba dos vinte graos en outros días de febreiro: o 17 (22º2), e o 19 (20º5). A máxima máis baixa aconteceu o 17 de xaneiro con só 8º5, en tanto que a temperatura mínima máis alta correspondeulle ao 22 de decembro con 14º2.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primavera comeza este mércores despois do cuarto inverno máis chuvioso do século XXI

Neste mes será posible observar con prismáticos o cometa 12P/Pons-Brooks, segundo o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo

A primavera arrinca cun potente anticiclón que disparará os termómetros ata os 27 graos

Este luns entra aire frío en altura e pola tarde choverá con carácter tormentoso no interior da comunidade

Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

Un potente anticiclón anticipa a primavera en Galicia e eleva os termómetros ata os 21 graos

A AEMET advirte que as temperaturas son "extremadamente cálidas" para esta época, que debería ser a máis fría do ano