Venres 19 Abril 2024

A crise das 'vacas tolas' mudou a dieta do lobo en Galicia

A crise da enfermidade de Creutzfeldt-Jakob en Europa marcou un antes e un despois na dieta dos lobos de Galicia, que ata o ano 2000 alimentábanse principalmente de carroña de animais domésticos. Un novo estudo demostra que, a partir da normativa sanitaria europea que prohibiu o abandono de gando morto, os lobos aumentaron o seu consumo de xabaríns, corzos e ponis salvaxes, pero tamén o ataque ás explotacións de vacún ante a escaseza de alimento en certas zonas.

Unha manda de lobos ibéricos.
Unha manda de lobos ibéricos.

A aparición en Europa do mal das ‘vacas tolas‘ obrigou á Comunidade Europea a prohibir o abandono de cadáveres de ruminantes que morrían nas explotacións, que ata o momento supoñían un importante recurso alimentario para os lobos.
Un equipo de investigadores analizou a evolución da dieta dos cánidos de Galicia en dous períodos: antes do establecemento da lei europea (desde os anos 70 ata 2000) e despois (de 2003 a 2008). Á aplicación da normativa uníronse outros cambios que afectaron os lobos, como a diminución do censo gandeiro, o despoboamento do medio rural e a reforestación de terras agrarias que favoreceu a expansión dos ungulados salvaxes.
O estudo, que se publicou en Environmental Management, amosa dous tipos de dieta moi diferenciados en ambos os períodos. Mentres que nos anos 70 os lobos alimentábanse principalmente de carroña, a partir do ano 2004, coincidindo coa implementación da lei sobre a eliminación de cadáveres de porcos e aves, a súa dieta cambiou drasticamente en toda Galicia. O lobo galego depende agora en gran medida das poboacións de corzo e poni salvaxe.

A desaparición da carroña de gando levou ó lobo a cazar máis corzo e xabaril

“Hai unha redución de entre 57% e 67% segundo a estación e un descenso marcado no consumo de gando”, di á axencia Sinc Laura Lagos, investigadora na Universidade de Santiago de Compostela e coautora do traballo. Ao longo do período de 2003 a 2008, o consumo de ungulados salvaxes (corzo e xabaril) e de poni salvaxe (cabalo garrán) aumentou. “A expansión do corzo e a existencia en Galicia dunha numerosa poboación de ponis salvaxes suavizou o impacto da desaparición da carroña de gando, o que permitiu un cambio na dieta do lobo e fortaleceu o seu nicho de depredador”, asegura Felipe Bárcena, outro dos autores e científico na mesma universidade.
Aínda que o corzo parece ser a presa favorita do lobo en toda a rexión, o consumo de animais salvaxes foi dispar nas diferentes zonas da comunidade autónoma. No oeste de Galicia, onde antes non existían, a carne de corzo e xabaril converteuse nun alimento importante. Pero mentres en toda Galicia o gando ovino e caprino diminuíu a súa importancia na dieta do lobo, aumentaron os danos á gandería vacúa, “posiblemente asociado a novas formas de manexo que implican unha maior vulnerabilidade do gando aos ataques de lobo”, certifica Bárcena.
Os científicos coinciden en afirmar que esta situación agrava os problemas de coexistencia entre os lobos e o ser humano, e afecta negativamente á conservación deste carnívoro. Por elo, propoñen a existencia dunha xestión do medio que garanta o aumento das poboacións de corzo e poni salvaxe.
“Tamén serían necesarias accións de restauración do hábitat para proporcionar aos lobos unha comunidade de presas silvestres diversa e abundante, fundamental para conseguir que a poboación de cánidos supere as alteracións naturais ou artificiais do seu hábitat, e para reducir os conflitos coa gandería“, concretan os autores.

Publicidade

O artigo está dispoñible
en Environmental Management

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“O lobo é patrimonio de todos como o é a catedral de Santiago”

O investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, cualifica de “mala noticia” a revisión do status de protección da UE

Dous corzos chegan a nado á praia de Liméns

A xente da zona asegura que é habitual velos por Donón-O Hío dende o verán, e que xa se deixaron ver nos montes de Barra e Nerga

Un de cada catro lobos en Galicia presenta infección por vermes cardiopulmonares

Un estudo no que participou a USC detectou en cadáveres do noroeste peninsular un parasito que ocasiona doenzas respiratorias en carnívoros

Os perigos das dietas de despois do Nadal: a ciencia bate contra o marketing

Amparados en estratexias económicas, medios e blogues empezan a difundir centos de pseudoréximes milagre para aproveitar a fin das festas