Galicia lidera un proxecto europeo dedicado a xestionar os solos degradados

Parcela de experimentación nunha zona mineira

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) coordina desde Galicia un proxecto europeo dedicado a optimizar e mellorar a xestión dos solos degradados e contaminados a través da aplicación de técnicas novas de fitoxestión que promovan a biodiversidade, melloren a funcionalidade integral dos ecosistemas e garantan un uso sustentable dos recursos naturais.

O proxecto, “Demostración da mellora na biodiversidade edáfica, funcionalidade e servizos ecosistémicos en terreos contaminados e degradados mediante fitoxestión dentro da rexión Interreg Sudoe” (PhytoSUDOE), está financiado con 1.383.000 euros polo Programa Interreg Sudoe, cuxo labor é contribuír á conservación e protección do medio ambiente e promover o uso sustentable dos recursos naturais. Concluirá en 2018. Está coordinado polo Grupo de Microbioloxía do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia coa participación de socios de España, Francia e Portugal.

Membros do grupo de traballo do proxecto
Membros do grupo de traballo do proxecto

“A contaminación do solo é un problema xeneralizado en Europa. O exceso de compostos químicos degrada a súa calidade e as súas funcións e, en consecuencia, tamén se poden ver afectadas a calidade da auga, a biodiversidade e a seguridade alimentaria. Os metais pesados e outros elementos traza atópanse entre os contaminantes do solo máis frecuentes”, explica Petra Kidd (CSIC), coordinadora do proxecto.

“Entre as formas de xestión máis eficientes para a recuperación dos ecosistemas afectados por estes contaminantes figura a “fitoxestión”, que abarca un conxunto de técnicas baseadas no uso de plantas e os seus microorganismos asociados para, por unha banda, recuperar a calidade do solo e, por outra banda, xerar un recurso explotable de forma sustentable (por exemplo, a produción de biomasa). Son técnicas menos invasivas e máis rendibles que as de enxeñería civil, e proporcionan outros beneficios adicionais como o incremento da diversidade microbiana ou do secuestro de carbono, o que permite a recuperación dos servizos esenciais do ecosistema”, engade.

“A falta de ensaios de campo que demostren a mellora destes servizos provoca unha infrautilización destas técnicas. O noso obxectivo é demostrar o beneficio ambiental, económico e social xerado durante e despois da súa aplicación en determinadas áreas, así como fomentar que xestores e propietarios de terreos contaminados as empreguen de forma habitual”, explica.

Para iso, estableceuse unha rede transnacional de emprazamentos contaminados localizados en áreas de interese ecolóxico, algunhas protexidas, e con potencial para fornecer importantes servizos do ecosistema en toda a rexión de Sudoe (España, Portugal e Francia). Nalgúns emprazamentos xa están implementadas opcións de fitoxestión, mentres que noutros se implementarán durante o desenvolvemento deste proxecto. En Galicia, os grupos do CSIC e da USC traballarán en dous emprazamentos en zonas mineiras con altas concentracións de zinc, chumbo, cobre e cadmio.

Os grupos do CSIC e da USC traballarán en zonas con altas concentracións de zinc, chumbo, cobre e cadmio

“O exceso de elementos traza foi identificado pola Unión Europea como unha das oito maiores ameazas para os chans europeos. En España están identificados máis de 250 emprazamentos contaminados, en Francia máis de 1000 e en Portugal aínda non hai datos confirmados. Por tanto, o desenvolvemento de tecnoloxías para o tratamento de chans contaminados é un obxectivo prioritario nas lexislacións europeas e os programas de investigación”, apunta a profesora Carmela Monterroso (USC).

Ao realizarse en tres países, o proxecto servirá para avaliar o potencial da fitoxestión para a recuperación sustentable de áreas degradadas nun amplo abanico de escenarios, tipos e usos do chan (industrial, periurbano, urbano, minas, etc.), condicións ambientais (propiedades edáficas, tipo e concentración de contaminantes, etc.), especies vexetais e alternativas de fitoxestión.

As diferentes accións do proxecto abarcan desde a caracterización e avaliación de riscos nos emprazamentos contaminados, ata o desenvolvemento de estratexias de fitogestión óptimas para cada situación; pasando pola avaliación dos beneficios destas estratexias sobre a biodiversidade e funcionalidade do chan e, por tanto, sobre a recuperación dos servizos do ecosistema.

O proxecto permitirá avaliar o potencial da fitoxestión nun amplo abano de escenarios

Para o desenvolvemento das estratexias de fitoxestión ensaiaranse combinacións de diversas especies vexetais, inóculos de microorganismos que melloran o desenvolvemento vexetal e emendas do chan. Contémplase, ademais, a transferencia dos resultados do proxecto a grupos de diversos sectores da bioeconomía para os que os resultados obtidos poden ter especial relevancia: agricultores, axencias de asesoramento, Pemes, industria e Ong, autoridades e comunidades e organizacións gobernamentais.

As institucións participantes no proxecto son as universidades de Santiago de Compostela e do País Vasco, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario, o Centro de Estudos Ambientais de Vitoria-Gasteiz, as universidades de Coimbra, Católica Portuguesa, Aveiro, o Laboratorio Nacional de Enerxía e Xeoloxía e o Institut National da Recherche Agronomique. Ademais, colaboran como socios asociados o Centro de Valorización Ambiental do Norte, Mairie de Bordeaux, LYONNET, Viveiros Eskalmendi, Basoinsa, Sociedade Pública de Xestión Ambiental Ihobe e o Instituto Politécnico de Beja.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.