Mércores 21 Febreiro 2024

Ata 10 graos menos en 24 horas: unha masa de aire frío pon fin á vaga de calor en Galicia

Unha área de baixas presións irase desprazando pola península ao longo da fin de semana, provocando un acusado descenso térmico

Durante os últimos catro días, a meirande parte de Galicia —agás a Mariña lucense— abafou coa calor. A zona de Valdeorras, por exemplo, en alerta vermella durante varias xornadas, rozou os 43 graos. E as zonas do litoral, tanto de Pontevedra como da Coruña, chegaron a superar os 35 graos. Porén, esta cuarta vaga de calor está a piques de finalizar. Unha masa de aire frío que se descolgará practicamente dende o Ártico, segundo informa o meteorólogo Mario Picazo, provocará un acusado descenso das temperaturas. Este aire frío, arestora sobre o Atlántico, entrará por Galicia e irase desprazando pola península ao longo da fin de semana. O resultado deste fenómeno será un acusado descenso térmico no territorio galego, cunha baixada de ata 10 graos en apenas 24 horas.

Segundo detallan dende eltiempo.es, a entrada dunha vaguada —é dicir, unha zona de baixa presión atmosférica situada entre dúas zonas de maior presión— será responsable, en parte, do cambio radical de tempo que se experimentará en toda a península e comezará por Galicia. Esta área de baixas presións irá acompañada dunha masa de aire frío localizada sobre o Atlántico que non só derivará nun descenso de temperaturas, senón que aumentará a inestabilidade e, polo tanto, as probabilidades de chuvia. De feito, Meteogalicia prognostica para este venres precipitacións matinais no norte das provincias da Coruña e Lugo. O sábado volverán ser probables, sobre todo pola tarde, na metade norte. E xa de cara ao domingo e á vindeira semana, o escenario preséntase máis incerto.

Publicidade

https://twitter.com/MeteoGalicia/status/1694609977460085235

De todos modos, segundo os prognósticos actuais, espérase que esta zona de baixas presións se vaia desprazando durante toda a fin de semana pola península, ata saír o luns polo Mediterráneo. Será nesta zona, especialmente en Baleares, Cataluña e Valencia onde se poden esperar chuvias intensas e tormentosas durante o primeiro día da vindeira semana. En Galicia non se agardan moitas precipitacións, máis alá de chuvascos puntuais na metade norte. Porén, será o territorio da península onde se producirá un descenso térmico máis acusado, sobre todo no interior. Sen ir máis lonxe, as máximas destes días estaban nos 35 graos no litoral, como en Vigo, que xa descende este xoves aos 25 graos. Ocorre o mesmo con Ourense, que dos 40 graos dos últimos días descende ata os 27 graos.

No que respecta ao prognóstico de cara á vindeira semana, o escenario aínda é moi incerto. De todos modos, dende eltiempo.es esperan un aumento das temperaturas. “Aínda así, o ambiente seguiría moi suave en xeral, por máximas por debaixo do normal para a época do ano salvo en Canarias”, indican na páxina do servizo meteorolóxico. Así o confirman dende Meteogalicia, que tamén prevé valores inferiores aos que se agardarían para esta época do ano, sobre todo a partir do domingo, cando xa se comeza a recuperar a estabilidade. De novo, a probabilidade de chuvascos será baixa en xeral, agás no extremo norte de Galicia.

Noites tropicais

Malia que o cambio de tempo xa está chamando á porta e, polo tanto, porá fin á onda de calor, non só cabe salientar os altos valores diúrnos que se rexistraron en Galicia nos últimos días. As temperaturas mínimas que se acadaron de madrugada tamén bateron récords, deixando boa parte do territorio baixo o que se consideran “noites tropicais”, é dicir, por enriba dos 20 graos. Na madrugada do 23 de agosto, Vigo acadou os 23,9 graos, un valor semellante aos rexistrados nalgúns puntos da Costa da Morte, que chegou aos 22,8 graos. De todos modos, a temperatura máis elevada quedou na montaña de Lugo, cunha cifra que ascendeu aos 24,7 graos. Unha situación semellante á da madrugada deste xoves, 24 de agosto, pero con valores lixeiramente inferiores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha potente borrasca traerá chuvia abundante e desplome de temperaturas a partir do xoves

Galicia acadará os 22 graos entre luns e martes mentres que a fin de semana estará marcada por un "temporal invernal"

O déficit de transporte de humidade do Atlántico triplica a posibilidade de seca en Galicia

A investigación realizada na Universidade de Vigo foi publicada na revista ‘Nature Water’
00:00:12

Karlotta azouta Galicia con refachos de máis de 200 km/h

A borrasca mantén á comunidade en alerta laranxa por vento e chuvia este xoves e provoca varias incidencias

Os ventos do suroeste arrastran unha nova masa de po africano a Galicia

A chegada dunha fronte asociada á borrasca Karlotta limpará o aire e evitará que o episodio se prolongue máis dun día