Despois da sesión inaugural da pasada semana, impartida por Gemma del Caño, farmacéutica especialista en Industria e I+D e experta en industria alimentaria, continúa o ciclo “Mes Escéptico” que organizan na Domus os Museos Científicos Coruñeses. Este mércores 28, ás 19.30 horas, a mestra Fátima García Doval, licenciada en filosofía e ciencias da educación e doutora en didáctica e innovación, abordará as vantaxes e inconvenientes do uso da tecnoloxía na accesibilidade. A actividade está homologada con oito horas de formación de profesorado.
Os avances tecnolóxicos supoñen un mundo novo de posibilidades na accesibilidade e o deseño para todos, abrindo novas e fantásticas posibilidades tanto en aplicacións terapéuticas como en deseños asistivos, segundo explican desde a Domus. Porén, tras estes avances escóndese tamén a ameaza das pseudoterapias e os abusos. Contra eles a mellor defensa é a información e o pensamento crítico.
Este será o tema que abordará Fátima Garcia Doval, que é ademais co-directora do proxecto ACCEGAL para a comunicación e accesibilidade en dispositivos móbiles. Divulgadora no ámbito da tecnoloxía, o deseño universal, gústalle derrubar mitos e estereotipos no ámbito da diversidade funcional desde unha perspectiva inclusiva.
A entrada é libre e de balde ata completar capacidade.
Seguintes charlas(todas son ás 19.30 horas)
– 12 de decembro: Caramelos de Alto Riesgo. #StopPseudoterapias”, por Elena Campos Sánchez, Doutora en Biociencias Moleculares (especialidade Biomedicina). Presidenta da Asociación para Proteger al Enfermo de Terapias Pseudocientíficas (Apetp).
– 19 de decembro: Adicción a internet: enganchados a un diagnóstico, por Eparquio Delgado, Psicólogo Xeral Sanitario.
Para obter a certificación de profesorado será necesario asistir a todas as sesións. Aos efectos de homologación de formación do profesorado é necesario facer a inscrición nesta ligazón.