Domingo 15 Decembro 2024

Oceánicas: a historia das pioneiras da ciencia no mar pode verse na Coruña

A Domus acolle ata este domingo a mostra, que inclúe á oceanógrafa galega Ángeles Alvariño, no marco do Festival Mar de Mares

Con só tres anos, Ángeles Alvariño xa sabía ler e estudaba música. Desde a aldea ferrolá de Serantes, marchou a Madrid en 1934 con 18 anos a estudar Ciencias Naturais. A Guerra Civil parou a súa carreira, pero volveu a casa e aquí aproveitou para estudar inglés e francés. Ao retomar as clases, licenciouse e comezou a dar clases nun instituto. Con 34 anos entrou como bolseira no Instituto Español de Oceanografía (IEO), o primeiro paso dunha carreira que a levaría a ser hoxe unha das oceanográfas galegas e españolas máis destacadas da historia. A historia da científica ferrolá é unha das que se contan na mostra Oceánicas, impulsada polo IEO, coa colaboración da Fecyt, e que estes días se pode visitar na Domus da Coruña no marco do Festival Mar de Mares, un encontro que pon de relevo a necesidade de coñecer e coidar os océanos do planeta nun momento de crise climática.

“Oceánicas xurdiu a partir do xerme do 11F, a celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia”, explica Ana Morillas Kieffer, bióloga do Centro Oceanográfico de Baleares e responsable da exposición. “Queremos que sexa un relato do pasado, o presente e o futuro das mulleres investigadoras nas ciencias mariñas: o pasado, contando as historias das que abriron o camiño; o presente, coas científicas que hoxe nos amosan o camiño; e o futuro, para animar as futuras oceanógrafas a que atopen a súa paixón”.

Publicidade

A mostra da Domus recolle os nomes de nove investigadoras, algunha delas aínda descoñecida. Ademais de Alvariño, as persoas que se acheguen poderán coñecer a Jeanne Baret, unha botánica francesa que entre 1767 e 1776 se converteu na primeira muller en dar a volta ao mundo (tivo que facelo disfrazada de home); Mary Sears que dirixiu a primeira unidade de oceanografía na Marina dos Estados Unidos, ou Jimena Quirós, a primeira muller científica que formou parte da plantilla do IEO, e que viu tronzada a súa carreira polo franquismo, que a depurou polas súas posicións políticas e non a indultou ata 1966, xa xubilada.

Teito de cristal

Tal e como explica Ana Morillas, esta mensaxe pola igualdade non se queda só no pasado, senón que tamén mira á actualidade. “Ata hoxe, só unha muller foi directora do IEO, e segue habendo un teito de cristal no escalafón do organismo que as xeracións de hoxe e mañá teñen que acabar rachando”, engade a coordinadora da exposición. Hoxe en día, arredor do 50% do persoal do IEO (un total de 650 persoas) son mulleres.

Publicidade

Alén da itinerancia por cidades españolas, Oceánicas estase achegando de forma especial aos centros educativos. Estímase que máis de 9.000 estudantes xa coñeceron a estas científicas a través do que hoxe é xa unha plataforma na que se involucraron máis investigadoras en Ciencias do Mar, compartindo as súas experiencias e paixón coa mocidade.

E ademais dos paneis que se poden ver estes días na Coruña, hai unha páxina web na que se completa a información sobre as científicas mariñas de onte e de hoxe. Entre estes contidos, poden lerse entrevistas con investigadoras españolas, en activo ou xa retiradas, a figuras como Beatriz Reguera, experta en microalgas tóxicas do Oceanográfico de Vigo.

A presenza de Oceánicas na Coruña culminará este sábado cun “encontro inspirador” que ofrecerá Ana Morillas este sábado 21 de setembro na sala Imax da Domus ás 11 da mañá. A científica compartirá cos presentes as biografías das protagonistas da mostra.

Máis información sobre Oceánicas, na súa páxina web, e nas redes sociais (Facebook, Instagram Youtube e Twitter).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O vigués ao mando do rastrexo de vítimas da DINA no mar: “É como buscar unha agulla nun palleiro”

Pablo Carrera, reponsable da operación do buque científico 'Ramón Margalef': "Estamos recibindo axuda psicolóxica"

Os Museos Científicos Coruñeses celebran a Semana da Ciencia con entradas gratuítas

A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae permitirán o acceso sen custo ás súas instalacións dende o 9 ao 17 de novembro
00:00:11

Crítica situación da cigala en Galicia: "O maior impacto foi a elevada presión pesqueira"

A captura do crustáceo está prohibida dende Cedeira ata o Miño dende 2017 e avaliarase a súa reapertura en 2025

Cando ciencia e pesca van da man: premiado un barco galego pola recaptura dunha quenlla

O exemplar de 'Prionace glauca', identificado e marcado por primeira vez no 2016 en Terranova, foi recuperado polo buque 'Punta do Xuncos' na mesma rexión seis anos despois