A sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae da Coruña acolle desde esta semana a exposición Fotógrafos da Natureza de 2019, que contén as fotografías galardoadas na última edición do concurso GDT European Wildlife Photographer of the Year.
Este concurso iniciouse no ano 2000, promovido pola Asociación Alemá de Fotógrafos da Natureza (GDT nas súas siglas en alemán). Ten como obxectivo mostrar o extraordinario nivel da fotografía da natureza tanto profesional como afeccionada en Europa, pero tamén pretende promover o coñecemento da natureza e a súa conservación.
O gañador absoluto de 2019 é o fotógrafo español Cristóbal Serrano, cunha imaxe aérea de flamencos ananos no Lago Bogoria. Ademais , nesta edición do concurso foron finalistas outros 13 fotógrafos españois, 3 deles gañadores en tres categorías: Jaime Culebras coa mellor foto de Aves; David Frutos Egea, na categoría de Paisaxes; e Joan de la Malla gañador na sección Ser humano e natureza. É, así, a edición con maior número de fotógrafos españois gañadores nalgunha das categorías.
A exposición completa contén 85 imaxes, gañadoras e finalistas nas diferentes categorías do concurso: Aves, Mamíferos, Outros animais, Plantas e fungos, Paisaxes, Mundo submarino, Ser humano e natureza, Forma e composición, Mellor fotógrafo/a menor de 14 anos, Mellor fotógrafo/a entre 15 e 17 anos.
Estas imaxes galardoadas foron elixidas entre as 18.000 que se presentaron este ano ao concurso, realizadas por 1.112 fotógrafos e fotógrafas. Son instantáneas que convidan a unha fascinante viaxe por espazos naturais e ecosistemas para descubrir perspectivas singulares e excepcionais. Algunhas amosan os límites propios da natureza, pero tamén os que puxo o ser humano. En calquera caso, todas teñen algo en común, mostran o valor daquilo polo que debemos esforzarnos en protexer e conservar, para asegurar ás xeracións futuras a oportunidade de gozar da natureza e aproveitar os recursos que ofrece.
Podes ver aquí unha escolma dalgunhas das fotografías premiadas nesta galería: