Na semana na que se conmemora o 50º aniversario da chegada dos astronautas do Apolo 11 á Lúa, os Museos Científicos Coruñeses tamén se quixeron sumar ás celebracións. Na cidade terán lugar estes días varias actividades, entre as que destaca unha nova proxección no Planetario da Casa das Ciencias, unha charla divulgativa e un concerto.
Lévame á Lúa é un documental sobre o rastro do noso satélite nas culturas humanas, que culmina coa chegada dos primeiros astronautas á superficie lunar fai agora cincuenta ano. Proxectarase desde este martes 16 de xullo, de luns a domingo, ás 13 horas (castelán) e ás 19 horas (galego). A produción combina impactantes animacións inmersivas cos recursos do planetario dixital para amosar o firmamento e o Sistema Solar desde diversas perspectivas.
Tal e como explican desde a Casa das Ciencias, a Lúa é, con diferenza, o astro máis rechamante do ceo nocturno e desde sempre estivo asociada aos mitos que contribuíron a consolidar as sociedades primitivas. Ademais, os seus cambios de fase e a forma en que se despraza entre as estrelas deron lugar aos primeiros calendarios cos que adquirimos conciencia do paso do tempo alén da sucesión dos días e as noites.
Non hai no Sistema Solar ningunha parella semellante á que forman a Terra e a Lúa. De feito, o noso satélite xogou un papel fundamental na aparición da vida na Terra. Por unha banda axudou a estabilizar o eixo de rotación terrestre e serviu de escudo protector fronte ao impacto de meteoritos. Pero ademais, ao provocar as mareas axudou a crear as condicións para que os seres acuáticos colonizasen as terras emerxidas.
Lévame á Lúa tamén aborda protagonismo do noso satélite en multitude de obras de ficción, desde a literatura clásica ao cómic ou o cinema. Xa que logo, fomos á Lúa tantas veces coa imaxinación que esta viaxe mítica pasou a formar parte dos nosos soños.
Conferencia e presentación de libro
Ademais, para completar as actividadades de conmemoración do fito da chegada á Lúa, o venres 19 de xullo, ás 20.30 horas, terá lugar a conferencia Como poñer un señor na Lúa, a cargo de Borja Tosar, Máster en Astrofisica e Astronomía e Máster en Comunicación Cientifica pola Universidade de Valencia. Para asistir a esta conferencia é preciso retirar unha invitación previamente. As invitacións comezarán a repartirse o mesmo venres 19 a partir das 10 da mañá.
E o sábado 20, ás 20.30 horas, terá lugar a presentación do libro Pasa tempo, de Pedro Feal Veira. A presentación contará con textos de Anxeles Penas e coa participación dos músicos Miguel Fernández Gil (violín), José Manuel González Díaz (guitarra) e Lucía Mata (fagot e voz). Entrada gratuíta ata completar aforo.