Recollen máis de 6.000 quilos de lixo baixo as augas da Coruña

Un cento de persoas, entre os que estaban 80 mergulladores, participaron na actividade, enmarcada na sexta edición do Festival Mar de Mares

Cadeiras, pneumáticos, conos, cordas, vasos, nasas, carros da compra e ata un patinete. Todo isto estaba baixo as augas da Dársena da Coruña, e foi recollido na mañá deste domingo por un grupo de 100 persoas, entre os que estaban 80 mergulladores profesionais, na primeira gran limpeza de fondos mariños da Coruña, organizada ao abeiro do Festival Mar de Mares.

Os primeiros cálculos falan de máis de seis toneladas de lixo, concentrados nun espazo reducido arredor da Dársena, e recollidos en menos de dúas horas. A actividade contou tamén coa colaboración de voluntarios da Cruz Vermella, Garda Civil ou Bombeiros, entre outras entidades

Publicidade

A actividade foi ideada e liderada polo Centro de buceo Nauga, co obxectivo de contribuír ao medio ambiente e demostrar como o fondo do mar se ve afectado polos nosos residuos.

Limpeza de praias de Mar de Fábula

Tamén na Coruña, coincidindo co Día Internacional da Limpeza de Praias, a asociación Mar de Fábula organizou por segundo ano consecutivo unha xornada nos areais de Riazor e Orzán. Un grupo de 120 voluntarios foi quen de recoller ata 4.500 cabichas e dous sacos grandes de 100 litros cheos de plástico miúdo, ademais de latas e envases de vidro.

Publicidade

 

O Festival Mar de Mares

O encontro Mar de Mares, que se celebrou ao longo desta semana na cidade da Coruña, é un evento artístico, científico, educativo, lúdico e divulgativo de celebración e preservación do mar único en España. Nas súas cinco edicións anteriores acumula máis de 93.000 asistentes e máis de 200 actividades.

O festival conta co apoio de diversas institucións públicas, como o Concello da Coruña e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, pero tamén se alimenta do patrocinio privado de entidades como Signus (Sistema Integrado de Xestión de Pneumáticos Usados) e Gadis, entre outros, e conta coa colaboración de numerosas institucións que traballan o ámbito mariño na cidade e no resto de Galicia, como o Instituto Español de Oceanografía (IEO) da Coruña

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Coruña é a provincia galega con máis mortes por calor en 2026

O Instituto de Saúde Carlos III, a través do MoMo, contabiliza a cifra máis alta na última década, con 231 defuncións estimadas

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

Cales son as principais ameazas para a saúde global? Estes son os 17 retos para o século XXI

O Comité da prestixiosa revista médica ‘The Lancet’ identifica os riscos que poderían comprometer a supervivencia das vindeiras xeracións ata 2100

Cando a investigación sae do laboratorio: así funciona a transferencia científica en Galicia

A Xunta identifica o potencial dos xestores de transferencia como ponte entre o académico e o mercado con iniciativas de formación especializada