O corvo mariño cristado vese afectado pola actividade pesqueira. Foto: David Álvarez.
O corvo mariño cristado vese afectado pola actividade pesqueira. Foto: David Álvarez.

Un proxecto para protexer ao corvo mariño cristado nas augas de Galicia e Portugal

O Grupo de Ecoloxía Animal da UVigo lidera Encorat, unha iniciativa destinada a reducir o impacto da pesca sobre esta especie

O corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) é unha ave mariña que vive nos tramos rochosos da costa. Nos últimos anos viuse especialmente ameazada e a súa poboación experimentou unha importante regresión en toda España. Entre as principais causas deste descenso poboacional está a sobrepesca das súas especies presa, a contaminación por hidrocarburos e os accidentes que se producen nas artes de pesca. Aínda e todo, esta especie ten en Galicia a poboación más importante de toda a península ibérica, polo que os investigadores Grupo de Ecoloxía Animal (GEA) da Universidade de Vigo levan anos estudando a súa evolución e buscando solucións que protexan a súa supervivencia. Entre as conclusións dos seus estudos detectaron que unha das ameazas máis importantes é mortalidade accidental que se produce nas artes de pesca de enmalle, especialmente nos populares “trasmallos”.

Na procura dunha solución o grupo de investigación vigués, coa colaboración do Departamento de Bioloxía de Organismos e Sistemas da Universidade de Oviedo, acaba de conseguir financiamento da Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para poñer en marcha o proxecto Encorat. Dirixido polo investigador do GEA José Carlos Noguera, conta cun orzamento de preto de 83.000 € cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo y de Pesca (FEMP 2020). Xunto con Noguera, forman parte deste proxecto os profesores Alberto Velando e Sin-Yeon Kim, do Grupo de Ecoloxía Animal do Centro de Investigación Mariña (CIM) e David Álvarez, da Universidade de Oviedo.

O obxectivo do proxecto é reducir a mortalidade desta especie nas artes de enmalle, para o que os investigadores traballarán, ao longo deste 2021, en augas de Galicia e Portugal. Como explica o coordinador do estudo, José Carlos Noguera, a finalidade de Encorat é dobre, xa que se estudará a efectividade dun prototipo que evite os accidentes ao tempo que se realizará un estudo sobre a distribución das aves.

José Carlos Noguera, investigador do GEA da UVigo, é o coordinador do proxecto Encorat. Foto: Duvi.
José Carlos Noguera, investigador do GEA da UVigo, é o coordinador do proxecto Encorat. Foto: Duvi.

No que se refire á primeira parte do proxecto, os investigadores pretenden reducir a captura accidental do corvo mariño cristado mediante a instalación nas redes de dispositivos luminosos tipo LED. “Estas luces farán que os corvos mariños poidan detectar a presenza das redes dentro da auga e así evitalas”, destaca José Carlos Noguera. Tamén se estudará o posible efecto das luces na captura das especies comerciais de peixe, “xa que o que se pretende é reducir a mortalidade dos corvos mariños sen afectar ao rendemento da pesca”.

O proxecto arrancou no mes de decembro e agora mesmo o equipo está traballando a loxística e planificación. “O tipo de luz e o xeito de instalala nos aparellos aínda está por definir, xa que é un tema a consensuar cos patróns, pero en calquera caso aplicaremos un sistema que complique o menos posible o traballo habitual dos tripulantes”. O proxecto desenvolverase en dúas zonas, unha Galicia e outra en Portugal, en principio en ambas comunidades cun só barco. “En Galicia os contactos están bastante avanzados e, se nada se torce, traballaremos cun pesqueiro de Laxe. En Asturias aínda está por confirmar, pero a intención é facelo cunha embarcación de Tapia”. Segundo os investigadores do proxecto, esta é a primeira vez que se emprega este método “polo menos na España atlántica”. Noutras partes do mundo, explican, existen varias referencias sobre a súa eficacia “na redución das capturas de tartarugas mariñas e cetáceos; en canto a aves, en Perú conseguiuse reducir de maneira moi significativa a mortalidade do corvo mariño Guanay, unha especie próxima ao corvo mariño cristado”.

segunda parte do proxecto centrarase en marcar un número importante de corvos mariños cristados xuvenís, que é “o sector da poboación máis afectado por esta mortalidade”, con dispositivos de seguimento GPS para así coñecer en detalle as súas áreas de distribución e ver en que medida se solapan coas zonas de maior presión pesqueira”.

A intención dos investigadores é que, se o proxecto acada os obxectivos esperados, este tipo de medidas se apliquen “alí onde se están producindo as mortalidades máis importantes” desta especie e tamén “dun xeito xeneralizado” dentro dos espazos naturais protexidos pola Rede Natura “que conten con importantes poboacións” desta ave mariña, incluíndo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

A colaboración de confrarías, ONGs e outras asociacións é moi imporante para o desevolvemento do proxecto, polo que o vindeiro día 22 de febreiro, os investigadores participarán nunha xornada de difusión sobre o proxecto para achegado a todos os sectores implicados neste eido. A xiera será en modalidade virtual.


Podes consultar a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.