Pel e páncreas de tiburón para farmacia e cosmética

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) continúa identificando desde Galicia novas alternativas para a valorización de descartes pesqueiros. Neste contexto, unha tese do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo ofrece, tras un estudo integral, distintas opcións biotecnolóxicas para o aproveitamento do melgacho, un tipo de peixe ao que pertencen numerosas especies de tiburóns de pequeno tamaño. Estas opcións abranguen desde o seu uso en sectores alimenticios ata a industria farmacéutica, pasando pola cosmética. Así, por exemplo, figura a posible incorporación da tripsina illada do páncreas como ingrediente en deterxentes de lavandería ou a utilización dun extracto cru do mesmo para a obtención de hidrolizados protéicos con capacidade escumante e emulsionante.

Exemplar de melgacho.
Exemplar de melgacho.

A autora da tese, “Valorización de descartes e subproductos do melgacho”, María Blanco Comesaña, realizou a investigación, iniciada en 2009, baixo a dirección do profesor de investigación do CSIC Ricardo Pérez Martín e a investigadora científica do CSIC Carmen González Sotelo, ambos os dous do Grupo de Bioquímica dos Alimentos do IIM. Defendeuse recentemente e obtivo a cualificación de Cum Laude.

Publicidade

“En 2004 o noso grupo iniciou unha nova liña de investigación sobre as posibilidades de valorización de descartes pesqueiros. No caso do melgacho (en castelán, pintarroja ou pez gato) os seus descartes ascenden ao 100% en determinadas pesquerías e noutras, principalmente artesanais, é desembarcada para a súa venda -pelada e eviscerada-. Iso, unido a que os traballos sobre o aproveitamento desta especie eran escasos, outorga aos resultados desta tese un valor engadido notable e serve tamén de referencia para futuros estudos de valorización de descartes e subproductos xerados a partir doutras especies”, destacan os directores da tese.

O melgacho ten aproveitamento comercial culinario, sen pel e eviscerado

“A última reforma da Política Pesqueira Común establece a prohibición gradual do descarte e a obriga de desembarque de toda a pesca comercial daquelas especies suxeitas a TAC ou cotas. Por iso, faise necesario, desde a comunidade científica, atopar solucións que amortigüen o impacto técnico e económico desta normativa”, explica María Blanco Comesaña, autora da tese.

Publicidade

Neste contexto, o obxectivo xeral da investigación era caracterizar distintos compoñentes presentes en distintas fraccións do melgacho para ofrecer distintas alternativas para valorizar os seus descartes e subproductos, cun dobre enfoque. Por unha banda, como ferramenta que permita ao sector pesqueiro facer fronte aos custos de xestión que supón traer a terra especies que antes se descartaban. Por outra banda, como medida para fomentar o pleno aproveitamento das capturas, requisito indispensable, segundo a FAO, para cubrir as futuras demandas mundiais de produtos da pesca.

Entre os resultados alcanzados destaca a descrición, por primeira vez na especie, da obtención dun extracto encimático con actividade tripsina a partir do páncreas, e cuxa elevada termolabilidade  faia unha posible candidata á súa utilización en procesos biotecnológicos onde se requira a inactivación por calor da devandita enzima. Ademais, descríbese por primeira vez a extracción e caracterización do colágeno presente na pel da pintarroja e a posterior obtención de hidrolizados con actividade antioxidante a partir dese colágeno.

Tamén se demostrou que un extracto cru de páncreas de melgacho é eficaz na hidrólisis de músculo de carnavalito, o que dá lugar a hidrolizados proteicos con propiedades escumantes e emulsionantes similares a outros preparados con encimas comerciais, e estudáronse as condicións óptimas para a extracción do condroitín sulfato presente na cartilaxe de distintas fraccións da especie.

María Blanco Comesaña (Santiago de Compostela, 1977) é licenciada en Bioloxía (2001) e conta cun posgrao en Consultoría Ambiental pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). En 2006  incorporouse ao IIM para posteriormente realizar a súa tese no Grupo de Bioquímica dos Alimentos, obtendo o título de doutora recentemente. As súas liñas de investigación versan sobre a caracterización e o estudo das posibilidades de aproveitamento de diversos tipos de materia prima procedente de biomasa mariña desaproveitada ou utilizada para obtención de produtos de escaso valor comercial, como descartes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

A lucense que agarda un dobre transplante de páncreas e ril e converteu o hospital nun lenzo da súa vida

Monse Fernández publica "Haxa salú!", editado pola Fundación Renal Española, no que relata longas estancias médicas e anécdotas do día a día

A loita contra o cancro de páncreas: “Un modelo que funciona en animais pode non funcionar en humanos”

Enrique de Madaria, un dos maiores expertos mundiais en pancreatoloxía, asegura que só o 20% dos pacientes se diagnostican en fase temperá