Nun tempo no que a conciencia medioambiental está a deixar cada vez máis pegada na sociedade, moitas persoas transmiten como achegan o seu gran de area a reducir a problemática do lixo mariño nas costas. E, como sinal dos tempos de hoxe, é moi habitual que as redes sociais transmitan estas actividades. En concreto, os residuos plásticos representan máis do 80% do total dos residuos que acaban no mar, e neste tipo de contaminantes centrouse unha investigación de científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO). O traballo analiza as publicacións na rede social Twitter para avaliar o interese da cidadanía en torno ao impacto do lixo mariño e coñecer que perfís de usuarios están a tuitear e como, cando e desde onde.
Con millóns de usuarios, Twitter é a rede social máis importante en divulgación científica, onde xornalistas e profesionais da comunicación, científicos, institucións de investigación e moitas organizacións ambientais teñen conversacións, forman comunidades, comparten ciencia e crean compromiso con outros colegas e o público en xeral.
Considerando que unha maior conciencia ambiental da cidadanía pode axudar a reducir a chegada de plásticos ao mar, os científicos do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC) empregaron técnicas de análises de datos (data mining), analizando un total de 147.552 tuits sobre a contaminación mariña por plásticos publicados durante oito meses e redactado nalgún dos 12 idiomas máis usados nesa rede social. Os puntos quentes de discusión mostran que os países con máis volume de chíos son Estados Unidos, Reino Unido, Xapón e Canadá, aínda que cando se pondera polo número de usuarios activos na rede social, países como España mostran un marcado interese nesta problemática.
Os resultados tamén mostran como o discurso xeral está moi influenciado pola celebración en liña de eventos como o ‘Día da Terra’, o ‘Día Mundial das tartarugas mariñas’ ou a celebración durante o verán do ‘Xullo sen plástico’. Os artigos científicos en revistas de alto impacto sobre este tema tamén se notaron no volume de tuits, que reflicten a súa publicación ou as noticias que sobre ela recollen os medios.
Ademais, as técnicas de procesamento de linguaxe natural permitiron identificar diferentes subtemas como son o impacto na fauna, o efecto de plásticos e microplásticos na calidade da auga, a discusión sobre as cantidades vertidas aos nosos mares, a necesidade de tratados globais para abordar este problema e, por último, as iniciativas cidadás, de empresas e ONG relacionadas co lixo mariño.
Neste sentido, a crise sanitaria derivada da Covid-19 tamén influíu na conversación pola preocupación fronte ao aumento de plásticos dun só uso, especialmente máscaras e luvas.
Ademais, como resultado do estudo, creouse unha ferramenta de visualización en liña e interactiva ‘twilitter.herokuapp.com’ que permite seguir a evolución temporal do número de chíos, as áreas con maior actividade, o sentimento dos usuarios, as etiquetas, as palabras máis frecuentes, etc.
Alén disto, os resultados revelan unha escasa influencia das organizacións involucradas na investigación e a conciencia ambiental mariña, polo que se achega información que podería axudar nos seus plans de comunicación. Isto é relevante para involucrar á sociedade, para cambiar hábitos e reforzar comportamentos sostibles. En definitiva, segundo expón o investigador Pablo Otero, asinante do artigo xunto a Jesús Gago e Patricia Quintas, o estudo servirá “para comprender quen chía sobre o problema do lixo mariño e como o fai”, axudando así “ás institucións para deseñar unha comunicación eficaz nesta canle”.
Referencia: Twitter data analysis to assess the interest of citizens on the impact of marine plastic pollution (Publicado en Marine Pollution Bulletin).














