Xoves 25 Abril 2024

A crise climática cambia a distribución das especies mariñas

A investigadora da UVigo Elena Ojea lidera o capítulo sobre os riscos para medio mariño no marco do proxecto Life Shara

Os riscos derivados do cambio climático en España son múltiples, afectando de forma simultánea a un amplo abano de sectores socioeconómicos e sistemas naturais. Coñecer os principais impactos resulta esencial para realizar unha planificación eficaz a todos os niveis e desenvolver políticas e medidas de adaptación.

Este é o obxectivo do proxecto Life Shara, promovido e coordinado pola Oficina Española de Cambio Climático, coa colaboración do Basque Centre for Climate Change (BC3). As súas conclusións presentáronse este mércores nun almorzo informativo cos medios de comunicación no que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e a directora científica do BC3, María José Sanz, deron a coñecer o informe Impactos y riesgos derivados del cambio climático.

Publicidade

A investigadora da UVigo Elena Ojea.

Este documento é o resultado das achegas dun total de 17 autores que analizaron os efectos que ten o cambio climático en dez sectores, dende a agricultura ao turismo ou da enerxía á saúde. Neste proxecto, a investigadora da Universidade de Vigo Elena Ojea xunto con parte do seu equipo do Future Oceans Lab (CIM-UVigo) liderou o capítulo 5 relacionado co medio mariño, no que se revisan as últimas evidencias científicas sobre as consecuencias do cambio climático nas rexións mariñas españolas e as súas implicacións para a sostibilidade da pesca e a acuicultura. En concreto, centráronse no Atlántico peninsular, no Mediterráneo, incluíndo as demarcacións do Estreito-Alborán e Levantino-Balear e en Canarias.

Ojea foi unha das catro investigadoras do proxecto convidadas a presentar as súas achegas no acto virtual deste mércores. Na súa intervención explicou que o equipo vigués puido constatar que cada vez hai máis evidencias de que as especies mariñas cambian o seu alcance de distribución, abundancia, presenza e migracións nas augas españolas debido ao cambio climático. Estes impactos afectan á súa vez á pesca artesanal e industrial, así como á acuicultura. Tamén puxo de manifesto a falta información sobre os impactos do cambio climático nas dimensións socioeconómicas e culturais das comunidades españolas que dependen da pesca e da acuicultura para vivir.

Impactos no medio mariño

No informe Impactos y riesgos derivados del cambio climático en España analízanse as publicacións científicas máis recentes sobre os efectos do cambio climático nos recursos hídricos, os ecosistemas terrestres, a agricultura e gandaría, o medio mariño, as costas, as áreas urbanas, a saúde, a enerxía, o transporte e o turismo. Deste xeito, o informe representa unha visión conxunta dos principais impactos do cambio climático en sectores e sistemas naturais en España que teñen un carácter prioritario para o Plan Nacional de Adaptación al Cambio Climático (PNACC).

Ojea explicou que os impactos do cambio climático no medio mariño van en liña cos impactos globais, como son o aumento da temperatura da auga, o incremento de eventos extremos, a subida do nivel do mar, cambios na salinidade e no comportamento das ondas e unha acidificación da auga, que é máis evidente no Mediterráneo. “Estes impactos xa se veñen observando nas últimas décadas, polo que os podemos medir”. Por exemplo, a temperatura sigue aumentando e as proxeccións amosan un incremento de ata 2º nas augas superficiais a finais de século, un dato que sería moito peor “nun escenario de maiores emisións”.

Estas alteracións xeran, segundo os científicos, unha serie de consecuencias, como cambios na distribución das especies por unha afinidade térmica. “No Atlántico norte estase a detectar un impacto sobre as macroalgas, que son formadoras de hábitats, e están sendo desprazadas por especies máis coralinas”. Ojea relata tamén que están vendo indicios de cambios de hábitats, “que terán repercusión na composición de especies”, especialmente no Mediterráneo. Mentres se amplía a abundancia de especies específicas, diminúen outras moi importantes para a pesca, como sucede co espadín no Mediterráneo ou a sardiña en Canarias. A investigadora resaltou tamén “os eventos de mortalidade masiva en especies bentónicas que xa estamos vendo e se proxectan peores no futuro”.  En resumo, explica, está en risco “o equilibrio ecolóxico das comunidades costeiras tal e como as coñecemos pero, por suposto, con impacto tamén sobre a actividade económica e social da nosa relación cos nosos ecosistemas, tanto na pesca como na acuicultura”.

Falar de riscos para poder actuar

Como explicou Mª José Sanz no acto de presentación, no informe “falamos en clave de riscos, porque falar de riscos lévanos a actuar”. Por isto o documento, na súa parte final, inclúe unha listaxe de 73 riscos, que aínda que “é preliminar, está bastante aliñada co Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático” e permite facer unha clasificación atendendo á urxencia. No capítulo relativo ao medio mariño, Elena Ojea e o seu equipo identificaron nove riscos, tres dos cales son especialmente urxentes. O primeiro deles é o risco para o equilibrio ecolóxico dos hábitats e comunidades mariñas polo aumento da temperatura media da auga e todas as súas capas e o efecto da acidificación e a perda de osíxeno, que seguirá a causar desprazamentos bioxeográficos, novas interaccións entre especies e perdas de hábitats nas tres demarcacións mariñas españolas: Atlántico, Mediterráneo e Canarias.

O segundo risco urxente atinxe á estabilidade dos ecosistemas mariños e ás especies importantes para a pesca polo incremento de ondas de calor nas tres demarcacións, cun risco máis elevado no Mediterráneo, onde xa se produciron mortalidades masivas por exemplo de esponxas ou moluscos. O terceiro está relacionado coa pesca industrial polo desprazamento de stocks de especies obxectivo a augas nas que non hai establecidos acordos de acceso a cotas.

Aquí podes ler a nova no DUVI

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Un proxecto europeo busca reducir a captura accidental de especies protexidas no Atlántico

Investigadoras do IEO liderarán un dos casos de estudo dirixido a mitigar a captura de quenllas e tiburóns nas pesqueiras de atún