A terceira onda no teu concello: así evolucionou a pandemia en xaneiro en Galicia

Comproba a incidencia acumulada en cada municipio desde comezos de ano e ata o pasado luns, tempo no que se dispararon as infeccións tras o Nadal

Quedan por diante días moi complicados nos hospitais galegos, algúns deles ao límite da súa capacidade polo gran volume de ingresos por Covid-19. O cumio da pandemia (que chega máis tarde a estes centros ao agravarse as infeccións de semanas pasadas) está dificultando desde hai semanas a actividade asistencial doutras patoloxías, xa que se están habilitando outras estancias para atender aos pacientes máis graves de coronavirus. A explosión de casos derivada do levantamento das restricións no Nadal levou a que xaneiro se convertese no segundo peor mes despois en canto a número de falecidos (arredor dos 400), e 35.000 novos casos, máis dun terzo de todos os detectados desde marzo de 2020. E febreiro comeza con cifras moi custosas en canto a vidas humanas, con máis de 20 falecementos diarios nos últimos días.

Porén, sen esquecer todo o grave impacto que está a deixar esta terceira onda, as medidas de contención decretadas na última semana de xaneiro parecen amosar xa algunhas sinais no freo da transmisión, tal e como avanzaron este mércores responsables da Consellería de Sanidade despois da reunión semanal do comité clínico. Mais as consecuencias aínda se notan na meirande parte dos municipios galegos. A pesar de que nun primeiro momento a Xunta decidiu manter boa parte dos concellos fóra do nivel máximo, o volume de infeccións detectadas a partir de mediados de xaneiro levou finalmente a extremar as limitacións para reducir os contactos sociais en todo o territorio.

Publicidade

E así o constatan os datos que difundiu neste tempo a Consellería de Sanidade. Se o 1 de xaneiro, cando aínda non agromaran os casos derivados do Nadal, apenas 100 concellos sumaban máis de 10 casos nos 14 últimos días do 2020. A final de mes, o número de concellos nesta situación ascendía a 217, nos que vive a gran maioría da poboación galega.

Neste tempo, no que a incidencia acumulada en Galicia case se cuatriplicou, pasando dos 201,48 do 4 de xaneiro aos 780,48 casos/100.000 habitantes do 1 de febreiro, a ‘curva’ foi notablemente ascendente, como se pode comprobar baixo estas liñas.

Publicidade

Como é sabido, a incidencia acumulada está influída pola poboación dun determinado territorio, polo que este indicador se ‘dispara’ cando se produce, por exemplo, un brote de 15 casos nun concello de 1.500 habitantes: isto eleva a incidencia a 1.000, aínda que o surto poida estar contido e controlado ou, como acontece noutros casos, ten lugar en poboación institucionalizada, como é o caso dos centros residenciais, onde apenas se produce contacto co resto da poboación nas circunstancias actuais. Así estaba o mapa segundo os datos difundidos este mércores por Sanidade.

Desde mediados de xaneiro quedan moi poucos concellos galegos nos que non se notificou ningunha infección (ou só algún caso puntual) entre as persoas con tarxeta sanitaria censada neles. Son Entrimo, Negueira de Muñiz, A Teixeira, Vilariño de Conso, Ribeira de Piquín, Triacastela, Gomesende, Navia de Suarna, O Páramo, Larouco, Parada de Sil, Alfoz e Meira. Todos eles pertencentes a áreas de montaña das provincias de Lugo e Ourense, e afastadas dos principais núcleos de poboación, ou ben de pequeno tamaño.

Fronte a eles están municipios que, sendo tamén de pequeno tamaño, acadaron incidencias moi altas, e neles infectouse de coronavirus máis do 2% da poboación. No que vai de xaneiro destacan os datos de Moeche (case o 6%), Vilar de Santos, Oímbra, Quiroga ou Leiro (case o 4%), e Forcarei, Crecente, Rois, Bande, Boqueixón, A Cañiza, Cartelle ou Poio (arredor do 3%). Nalgúns casos correspóndense con focos concentrados en centros residenciais, pero noutros produciuse unha importante transmisión na poboación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño