Martes 19 Marzo 2024

Homenaxe a Carmela Porteiro no Consello da Cultura Galega

Unha xornada que terá lugar o xoves 24 de outubro en Santiago abordará o papel feminino na investigación mariña en Galicia

A sede do Consello da Cultura Galega (CCG) no Pazo de Raxoi de Santiago acolle este xoves 24 de outubro a xornada As que achegan a ciencia aos océanos, un encontro que recoñecerá o papel feminino na investigación mariña en Galicia e servirá como homenaxe á bióloga Carmela Porteiro Lago (Santiago de Compostela, 1950), unha referencia na investigación oceanográfica, que chegou a ser a primeira muller en ocupar a vicepresidencia do Consello Internacional para a Exploración do Mar.

A figura de Porteiro é un exemplo, segundo recolle o CCG, do “difícil camiño que percorreron as mulleres de ciencia en Galicia durante o último terzo do século XX, etapa en que abriron espazos laborais para as investigadoras que habían de acceder a mundos de homes e moi pouco adaptados a elas, como é o caso da oceanografía, coas súas longas viaxes e expedicións”. O camiño aberto por pioneiras como Carmela permitiu que hoxe sexan numerosas as mulleres que achegan coñecemento e cultura a este ámbito desde unha maior normalidade igualitaria.

Publicidade

Durante todo o día, figuras femininas da investigación en Galicia, como María do Carme García NegroElena Vázquez Cendón, Marilar AleixandreVictoria Besada, Belén RubioMaría Loureiro, Iria Fernández SilvaRosa Chapela ou Isabel Riveiro achegarán os seus coñecementos e experiencias na xornada. Pola tarde, os xornalistas de GCiencia Eduardo Rolland e Manuel Rey, xunto á escritora Inma López Silva, conducirán unha conversa con Carmela Porteiro.

Carmela Porteiro Lago

É bióloga experta en avaliación e xestión de recursos mariños vivos, e foi investigadora desde os seus inicios no Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e tamén a primeira muller en ocupar a vicepresidencia do Consello Internacional para a Exploración do Mar. Como investigadora do IEO, dirixiu expedicións a bordo dos buques Cornide Saavedra e Thalassa, e representou a España en numerosos comités de organismos nacionais e internacionais coma a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), STCEF (Comité Científico, Técnico e Económico para a Pesca da Comisión Europea) ou a estadounidense NOAA (Administración Nacional Oceánica e Atmosférica).

Seguindo o ronsel de Carmela Porteiro, e antes o doutras pioneiras como Ángeles Alvariño, hai moitas mulleres que están a construír presente e futuro no ámbito da oceanografía. Deste xeito, o encontro organizado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, da man de Inma López Silva e María Xosé Porteiro, quere ser, tamén, un espazo de coñecemento, de reflexión e de debate que permita analizar e descubrir os retos e dificultades das mulleres galegas na investigación científica en Galicia e no mundo.

A inscrición para as xornadas é gratuíta, e xa pode realizarse nesta ligazón. O número de prazas é limitado (100 persoas), e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada, para o que é preciso asistir ao 75% das sesións.


Programa da xornada

Sesión da mañá

9:30 horas
Presentación

10:00 horas
Mulleres no mar, mulleres na pesca. A singularidade da investigación mariña: Carmela Porteiro
María do Carme García Negro, profesora ad honorem da USC
Presenta: Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG

11:00 horas:
Pausa

11:30 horas
Relatorios e debate
A memoria. Pioneiras da investigación mariña
Presenta e modera: Marilar Aleixandre, Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG

A muller na historia da investigación mariña do IEO
Victoria Besada Montenegro, Centro Oceanográfico de Vigo, Instituto Español de Oceanografía

Crises, emerxencias e retos nos nosos mares: resposta das científicas no eido da oceanografía en Galicia
Belén Rubio Armesto, Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e vicerreitora de Investigación, Universidade de Vigo

Como a economía pode axudar á xestión sustentable do mar?
María Loureiro, Departamento de Economía Aplicada, Universidade de Santiago de Compostela, Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG

Sesión da tarde

17:00 horas
Presentación da cartografía de Carmela Porteiro no Álbum de mulleres
Mariám Mariño Costales, documentalista do CCG

17:15 horas
Entrevista a Carmela Porteiro
Eduardo Rolland e Manuel Rey Pan (Portal GCiencia) e Inma López Silva

18:00 horas
Mesa redonda: Retos de futuro. Presenta e modera: Pablo Carrera, Centro Oceanográfico de Vigo, Instituto Español de Oceanografía. Con Iria Fernández Silva, Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, Universidade de Vigo, Rosa Chapela, Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR, e Isabel Riveiro, Centro Oceanográfico de Vigo, Instituto Español de Oceanografía.

19:30 horas: Clausura
Inma López Silva, coordinadora da xornada, Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG.
María Xosé Porteiro, coordinadora da xornada e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario