Golfiños amputados chegan á costa galega por capturas accidentais

A Cemma rexistra todos os anos decenas de animais que aparecen mortos con sinais de sufrir feridas causadas por redes de pesca

No que vai de 2020, xa son varias as ocasións nas que a rede de varamentos da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma) recibe o mesmo aviso: un exemplar de golfiño común (Delphinus delphis) arroaz (Tursiops truncatus), en situación vulnerable segundo o Catálogo Español de Especies Ameazadas, ou outras especies da familia dos delfínidos aparecen na costa cun mesmo trazo no seu corpo: fáltalles a aleta caudal, ou pedúnculo, e existen claras sinais de que lles foron amputados. As capturas accidentais, que tamén están detrás de varamentos doutras especies, preocupan aos responsables da Cemma debido ao impacto que teñen nas poboacións de cetáceos que se moven polas costas galegas.

“Acontece con diversas artes de pesca: os animais vense atrapados nas redes, comezan a moverse e intentan zafarse, pero ao facelo enréndanse máis e acaban ficando atrapados”, explica Alfredo López, responsable da entidade. Os casos das últimas semanas localizáronse na ría de Arousa, aínda que poden aparecer noutras zonas do litoral galego.

Publicidade

Cando os buques recollen as redes é cando se atopan cos cetáceos mesturados nas súas capturas. “Entre o estrés que lles supón a situación e a presión polo peso do resto dos peixes entre eles e a rede, moitas veces están xa mortos cando chegan á superficie. É un problema frecuente, e os golfiños están tan enredados que se opta por cortarlles a aleta para soltalos. Senón, a outra opción é cortar a rede, co gasto que isto supón para os buques, e tratándose dun animal xa morto, acábase optando case sempre por amputar a o pedúnculo”.

Decenas de animais amputados cada ano

As condicións nas que se producen estes casos dificultan a estimación do volume real do problema. Por exemplo, segundo lembra López, a Cemma contabilizou en 2019 un total de 480 varamentos no litoral de Galicia, entre cetáceos de diversos tamaños, lobos mariños ou tartarugas. Pero estas cifras son só unha pequena porción do problema. “Estimamos que os varamentos en terra supoñen arredor dunha cuarta parte dos animais que falecen no mar por factores antropoxénicos”.

Publicidade

Ademais, o estado dos corpos condiciona, en moitos casos, a posibilidade de coñecer as causas da morte. “Os animais amputados por capturas accidentais poden identificarse cando fai pouco que morreron, porque se o estado de descomposición é maior, non podemos examinalos ben”. E noutras ocasións, aínda que a causa da morte sexa unha captura accidental, é difícil determinalo: “Cando non aparecen amputados, as feridas e cortes que se producen pola presión contra as redes de pesca de arrastre, por exemplo, son semellantes aos golpes que se dan contra as rochas antes dos varamentos, polo que é difícil diferencialas”.

Na actualidade, a Cemma realiza, a través das necropsias, análises histopatolóxicas para coñecer as causas da morte de cetáceos nos individuos nos que non existen evidencias externas claras, como unha liña para avaliar e precisar o volume de mortes debidas ás capturas accidentais.

Proxecto Virada

Neste ano, a entidade está a desenvolver o proxecto Virada, co que se pretenden sentar as bases para reducir o volume de capturas accidentais a través da colaboración co sector pesqueiro. Na iniciativa, ademais da Cemma, participa como socio Organización de Productores de Pesca Fresca do Porto de Vigo-OPPF-4, e como entidades colaboradoras están a Fundación Biodiversidad, o Ministerio para la Transición Ecológica, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca-FEMP.

“Os danos para estas especies vulnerables son moi preocupantes, pero isto tamén ten un impacto no sector pesqueiro: supón un custo económico á hora de arranxar redes, pode reducir as capturas previstas e tamén estamos falando de animais que ás veces teñen un peso considerable, e mesmo poden xerar situacións complicadas a bordo”, engade López.

Noutras rexións do territorio estatal, como o litoral mediterráneo o Canarias, a densidade de embarcacións de recreo, alén da pesca, está a causar un impacto importante nas poboacións debido ás amputacións producidas polas hélices.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra un 45,3% menos de varamentos en 2025

O Cemma explica que as cifras, a pesar da diminución de exemplares afectados, continúan sendo elevadas e preocupantes para a conservación

Comezan a chegar lobos mariños a Galicia: que facer no caso de atopar un?

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños recomenda non achegarse, manter aos cans afastados e avisar ao 112 para que os expertos valoren a situación

San Cibrao foi testemuña na Idade Media das últimas baleas grises do Atlántico Norte

Unha investigación da Universidade de Oviedo, coa participación do CEMMA, revela restos da caza antiga que confirman a presenza desta especie no Cantábrico

A culpa é do atún vermello: as claves da chegada das candorcas as rías galegas

A poboación da especie que pasa polo litoral non excede dos 50 individuos en ruta entre Xibraltar e o Golfo de Biscaia