Maria Fernández, investigadora da UVigo no proxecto Oceánicas. Foto: Duvi.
Maria Fernández, investigadora da UVigo no proxecto Oceánicas. Foto: Duvi.

Unha galega, no proxecto Oceánicas, que reivindica o papel da muller nas ciencias mariñas

Ángeles Alvariño foi unha das pioneiras da ciencia galega, unha das máis importantes investigadoras da historia das ciencias mariñas e, como muller, tivo que loitar contra as barreiras dunha sociedade machista e patriarcal. Faleceu en California en 2005 e foi unha inspiración para moitas mulleres oceanógrafas que na actualidade seguen a loitar por visibilizar o seu traballo. Para acadar este obxectivo o Instituto Español de Oceanografía (IEO) e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) puxeron en marcha o proxecto Oceánicas: la mujer y la oceanografía, un proxecto co que poñer en valor o legado da pioneiras das ciencias mariñas e, ao tempo, dar a coñecer o traballo das investigadoras actuais.

Fernández realiza a súa tese de doutoramento no grupo Rexenmar da UVigo e no AquaCOV do IEO

Entre as mulleres que participan neste proxecto hai unha investigadora da Universidade de Vigo, María Fernández, que na actualidade está a realizar a súa tese de doutoramento no grupo de Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMar) e no grupo AquaCOV, do IEO. Participa na sección Oceánicas de Hoy, na que varias investigadoras, empresarias e xestoras explican como naceu a súa paixón polas ciencias mariñas e como conseguiron convertela na súa profesión. Xunto con elas, as historias das pioneiras e varios blogs científicos de mulleres oceanógrafas tratan de xerar vocacións científicas entre nenas e menor pero facendo fincapé na perspectiva de xénero que axude a facer fronte ás desigualdades de xénero dende a infancia.

Fernández lembra que a organización “buscaba compañeiras de diferentes idades e ramas dentro da oceanografía” e aí iníciase o camiño. A través desta plataforma relata como desenvolve o seu traballo no eido da acuicultura, centrado na avaliación e manexo xenético de especies demersais e stocks pesqueiros, a dinámica poboacional da pescada europea ou o desenvolvemento de ferramentas xenéticas para a mellora do bacallau atlántico cultivado en Noruega. “Está sendo unha experiencia moi positiva e recomendable, ao ser unha ferramenta que nos permite divulgar o noso traballo e darnos a coñecer”.

Oceánicas do pasado, do presente e do futuro

María Fernández explica que Oceánicas “é pasado, presente e futuro. É pasado ao render tributo ás oceánicas pioneiras, mulleres valentes que loitaron contra vento e marea para levar a cabo a súa vocación contra toda adversidade”. Engade que é presente “ao dar voz a todas as compañeiras mediante entradas nas que contan a súa experiencia, ou ben a través de entrevistas a mulleres que conseguiron hoxe en día ser pioneiras nalgunha disciplina, marcado algún fito ou cuxa historia vital como muller e profesional marca a diferencia”. Por último, apunta, “é futuro porque este proxecto ten como obxectivo que toda esta “información” chegue á sociedade e, sobre todo, ás mozas e mozos para fomentar as súas vocacións científicas accedendo a esta ferramenta que lles pode demostrar non só a cantidade de ramas e subdisciplinas da oceanografía, senón ter en nosoutras un referente”. En resumo, para a investigadora da Universidade de Vigo, Oceánicas constitúe “unha plataforma de información, contactos e inspiración onde se observará que, se nos puidemos e podemos, eles e elas tamén”.

Animar ás nenas a cumprir os seus soños

En Oceánicas de Hoy María Fernández explica que sempre tivo claro que quería dedicarse á ciencia, pero non a que campo. “Pensei en estudar neurocirurxía cando era adolescente, dada a miña curiosidade polo corpo humano”, pero cando comezou a carreira de Bioloxía comezou a clarexar as súas expectativas e a ter claro que quería dedicarse “á docencia, divulgación e investigación, xa que estes tres campos fan que a ciencia creza e sexa valorada pola sociedade”. De feito, xa resultou elixida como unha das mellores divulgadoras no certame Somos Científicos, este mesmo ano. Como muller recoñece non terse atopado ningunha barreira de xénero a nivel académico “que dificultase o cumprimento dos meus obxectivos”, pero si denuncia “a presión social á que nos vemos sometidas as mulleres á hora de dedicar a maior parte do noso tempo á ciencia, en lugar de pensar nunha familia ou parella”.

Para loitar contra esa perspectiva patriarcal, a investigadora considera necesario darlle máis visibilidade á muller en todos os sentidos e consensuar “medidas que igualen as posibilidades da muller ao considerala e aceptala na toma de decisión”. Na súa opinión, “as mulleres non deben ser favorecidas, senón valoradas polo que valen como investigadoras e traballadoras”, con independencia do xénero, e para iso é necesario traballar “animando ás nenas a loitar por cumprir os seus soños sen importar a presión social á que se vexan sometidas”. Outra das medidas pasa por educar aos varóns para aumentar a valoración da opinión da muller e o seu traballo, así como o respecto entre compañeiros de profesión”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.