Desenvolven un software que mide a fecundidade dos peixes

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), participou no desenvolvemento e posta a punto en Galicia dunha nova tecnoloxía, innovadora, rápida e precisa, para calcular o potencial reprodutivo dos peixes: o software Govocitos, cuxo paquete se pode descargar de balde neta ligazón.

O software Govocitos.
O software Govocitos.

“Na actualidade, moitos dos recursos pesqueiros, entre eles os de interese para a frota galega, están sobreexplotados. Para xestionar correctamente as súas poboacións e garantir a súa sustentabilidade é fundamental coñecer o seu potencial reprodutivo. Esa tarefa implica o uso de técnicas e protocolos cun alto custo económico e humano e ata o momento dispoñíase dun software xenérico para iso, pero non dun específico. Ademais, gran parte do traballo dependía da experiencia da persoa encargada da análise e realizábase de forma manual, o que levaba un consumo enorme de tempo e aumentaba a probabilidade de erro”, sinala Rosario Domínguez-Petit, do Grupo de Ecoloxía Pesqueira do IIM.
Neste contexto, o Grupo de Ecoloxía Pesqueira do IIM (CSIC, Vigo), coa colaboración do Laboratorio de Informática Aplicada (Universidade de Vigo) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (Universidade de Santiago de Compostela), iniciou en 2008 o proxecto “Desenvolvemento e implementación de novas tecnoloxías e protocolos no estudo da ecoloxía reprodutiva pesqueira”, financiado pola Xunta de Galicia e coordinado por Domínguez-Petit. O obxectivo era desenvolver e implementar  novas tecnoloxías para o estudo da ecoloxía reprodutiva pesqueira.

‘É unha ferramenta doada de manexar para estimar a fecundidade dos peixes’

“O proxecto terminou en 2011, pero seguimos traballando para poder rematar os últimos detalles do software para dotalo de maior flexibilidade. Así, en 2013  desenvolvemos a versión final do software, que foi integrado na carteira de resultados de investigación do Campus do Mar. Con todo, para o seu uso e distribución foi necesario desenvolver un sistema descargable, que inclúe unha máquina virtual coas bases de datos necesarias para que Govocitos sexa operacional. Agora, por fin, Govocitos púxose a punto e entra nunha nova fase co seu acceso libre e gratuíto para os seus potenciais usuarios”, indica a investigadora.
“Trátase dunha ferramenta doada de manexar e eficaz para automatizar as estimacións da fecundidade en peixes. Funciona a partir de imaxes histolóxicas dixitais de ovarios de peces. O programa analiza a imaxe e detecta, clasifica, cuantifica, e mide automaticamente os ovocitos  por estado de desenvolvemento ofrecendo, ademais, unha estimación da fecundidade da especie baseada no método estereolóxico, que pode ser exportada a unha base de datos centralizada ou a unha folla de cálculo”, explica Domínguez-Petit.

Análise do programa Govocitos.
Análise do programa Govocitos.

O software traballa en dúas etapas: unha non supervisada, na que o usuario só abre a imaxe e espera o resultado automático da análise, e outra supervisada, na que o usuario corrixe manualmente os erros que detecte. Polo momento, probouse nos laboratorios do IIM, onde se obtivo un diagnóstico do estado de maduración e da actividade de posta de catro especies, dúas delas de interese para a frota pesqueira galega: faneca, pescada europea, pargo raiado e lanterna escura.
Govocitos diríxese fundamentalmente a investigadores de bioloxía mariña, pero poderíase adaptar ás necesidades específicas doutros sectores. Así, entre os seus potenciais usuarios atópanse tanto os centros de investigación como os hospitais, a administración ou a industria. Na actualidade, o grupo de Ecoloxía Pesqueira utiliza Govocitos na súa rutina de laboratorio, e segue traballando cos investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC para mellorar os índices de clasificación.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas deixan de medrar durante as secas para protexer o seu ADN de mutacións

O estudo do CSIC abre a porta a crear especies máis resistentes que non reduzan o seu desenvolvemento en épocas de estrés hídrico

A lactación materna protexe o bebé fronte á resistencia aos antibióticos

A alimentación co leite da nai favorece a proliferación de 'Bifidobacterium', un xénero de bacterias que desenvolve un papel clave no desenvolvemento saudable do intestino dos nenos

Ondas de calor mariñas sen precedentes, tamén en Galicia: así poñen en risco o noso marisco

Os períodos de quecemento extremo do océano que duran días ou meses duplicaron a súa frecuencia e duración desde 1982

Estudar a evolución da verbena galega a través dos palcos: “Xa non se baila, vaise ver a orquestra”

Unha investigación que analizou ata 350 palcos para festas de entre os anos 1970 e o 2000 recibe o premio de Ciencia Cidadá do CSIC