Xoves 25 Abril 2024

Desafiando ó mexillón pigmeo, que chegou dende Australia ás rías galegas

O mexillón pigmeo, Xenostrobus securi, é unha especie nativa de Australia e Nova Zelandia, rexistrada como especie invasora por primeira vez nas lagoas das costas de Italia, desde onde proseguiu o seu avance polo Mediterráneo ata chegar á Península Ibérica, polas rías de Vigo e Pontevedra. Recentes estudos confirmaron que a maior densidade de poboación desta especie atópase na desembocadura dos ríos e en menor na parte media das rías, mentres que o M. galloprovincialis, amosa un patrón de distribución contrario ao do X. securis. “Así mesmo, estableceuse que a área de distribución desta especie se incrementou nun período de tempo moi curto, e como consecuencia, confirmouse que coexiste coa especie M. galloprovincialisnalgunhas áreas da ría de Vigo”, explica a investigadora do grupo de Ecoloxía Costeira da Universidade de Vigo Agar Montes.

A investigadora Agar Montes.
A investigadora Agar Montes.

Non obstante, a dificultade de identificar e separar correctamente as larvas de moluscos bivalvos, principalmente durante os primeiros estadios de vida, condiciona o desenvolvemento de estudos onde a determinación da abundancia e distribución das larvas de certas especies é relevante. Estudos previos realizados coa especie M. galloprovincialis demostraron que a técnica de inmunofluorescencia indirecta, IFI, con anticorpos monoclonais para a identificación larvaria é efectiva e tras anos de traballo o Grupo de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, en colaboración co Centro de Investigacións Mariñas CIMA-Corón, desenvolveu os anticorpos monoclonais M22.8 e M36.5 que, aplicados en IFI sobre mostras de plancto de distintas rexións, permiten recoñecer larvas de M. galloprovincialis e, polo tanto, coñecer a distribución e abundancia larvaria desta especie.

Publicidade

As investigadoras Agar Montes, Elsa Vázquez e Celia Olabarría son de Ecoloxía Costeira

Pola súa banda, a colaboración do Grupo de Imunoloxía coas investigadoras do Grupo de Ecoloxía Costeira Agar Montes, Elsa Vázquez e Celia Olabarría, permitiu identificar, mediante IFI, larvas de X. xecuris, o que facilita os estudos sobre a súa distribución. “Este estudo forma parte da miña tese de doutoramento que ten como obxectivo fundamental comprender como os diversos factores de pre-asentamento e post- asentamento afectan á distribución da especie invasora coa finalidade de estimar a súa capacidade de dispersión e o grao de ameaza no ecosistema”, explica Agar Montes.

Tras obter larvas de diferentes estadios de desenvolvemento embrionario e larvario de X. securis en condicións controladas, nun experimento levado a cabo na Ecimat, realizouse a técnica de IFI con anticorpos monoclonais M22.8 e M36.5. “Os resultados obtidos indican que é posible a identificación larvaria de X. securis utilizando o anticorpo monoclonal M22.8, xa que amosou un patrón de recoñecemento diferente ao que presenta M. galloprovincialis”, detalla a investigadora, que explica que, a continuación analizáronse, mediante IFI, mostras de campo obtidas en diferentes localidades da ría de Vigo, confirmándose que a técnica de inmunofluorescencia indirecta foi quen de identificar as larvas de X. securis en mostras de campo. “De feito, púidose determinar a presenza de larvas, non só na parte interna da ría, onde se atopa a maior densidade de poboación, senón tamén na zona media. Este último achado podería supoñer a ampliación da zona de distribución da especie invasora cara a zonas media da ría, aínda que para poder confirmalo se realizarán estudos futuros de recurtamento e post- recrutamento nesa zona”, detalla Montes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así é unha pelexa entre polbos: captan por primeira vez como se lanzan area entre eles

Un equipo australiano cre que este comportamento é intencionado e podería ser unha nova forma de comunicación

Regresa o letal virus Hendra

O patóxeno foi descuberto en 1994, tras provocar un gromo infeccioso en Australia que derivou na morte de 14 cabalos e o seu adestrador

Canto cres que mide a planta máis grande do mundo?

Unha 'Posidonia australis' en Shark Bay, Australia, bate récords ao estenderse por 180 quilómetros e pode ter arredor de 4.500 anos

Australia declara os coalas como animais en perigo de extinción

Os incendios, as secas e as enfermidades son as principais ameazas dos marsupiais, nunha situación especialmente vulnerable na costa leste do país