Aparece esta abraiante criatura mariña nunha praia de Vigo

Os investigadores do CSIC Álvaro Roura e Manuel E. Garci confirman o achado de varios exemplares do curioso crustáceo Phronima sedentaria

Julio Alonso ía camiñando pola praia de Samil cando á súa cadela chamáronlle a atención na area uns gobeletes, do tamaño dos que se usan para xogar ao parchís, con aparencia xelatinosa e transparentes. No interior había unha especie de crustáceos pouco coñecidos, polo que contactou con Iñaki Ferreiro, de Buceo Illas Cíes, e este con Manuel E. Garci, biólogo do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC. “Foi unha pena que non os puideramos ver no mar”, di Garci. Contoullo ao seu compañeiro Álvaro Roura, e levaron para os laboratorios varios exemplares dos que, segundo confirmaron, eran Phronima sedentaria, unha abraiante criatura que adoita vivir nos océanos e que é moi pouco habitual ver preto das costas. “Pode vivir ata a 1.000 metros de profundidade, pero apenas chega á costa”, explica Manuel E. Garci.

O achado, que adiantou Faro de Vigo, produciuse o pasado sábado no areal vigués, e durante estes días Roura e Garci estiveron estudando varios exemplares nos tanques do IIM, onde puideron tomar imaxes e vídeos deles. “Impresiona velo, é unha criatura que abraia cando as ves nos documentais, imaxina tela diante”, conta Álvaro Roura. Ao tratarse de crustáceos con bránqueas internas, varios dos exemplares sobreviviron ata esta semana nas instalacións do IIM, polo que os científicos puideron gozar deles de preto e tomar imaxes.

Publicidade

Detalle da cabeza da "Phronima sedentaria". Foto: Álvaro Roura.
Detalle da cabeza da “Phronima sedentaria”. Foto: Álvaro Roura.

A Phronima sedentaria, que mide uns catro centímetros, é un crustáceo anfípodo que destaca pola súa morfoloxía. “A cabeza é sorprendente, alongada e moi grande respecto ao resto do corpo”, de aí que o adoiten relacionar coa criatura do filme Alien. E tamén chama a atención pola súa actividade como parasito: “Colle animais como salpas, pirosomas ou doliólidos, aliméntase deles e ocupa o interior dos ‘corpos’, que se converten na súa ‘casa'”, conta Roura. Aquí pon os seus ovos (poden ser máis de 200, para maximizar a súa supervivencia).

Por que apareceu a criatura?

A chegada desta criatura a Samil puido deberse, segundo explicou Roura, aos temporais con vento e mar do sur que se produciron durante a pasada semana. “Cando vén vento do norte hai afloramento, polo que a auga que hai en superficie retírase e é substituída por outra máis fría; pero en episodios de ‘surada’ pasa o contrario, a auga vén arrastrada desde mar adentro, e é posible que aí viñeran estes exemplares, xa que adoitan vivir fóra da plataforma continental”.

Publicidade

O de Vigo é o segundo achado da especie nas costas do noroeste peninsular en poucas semanas, xa que como recolleu o blog Astur Natura, Marcos Fernández Iglesias atopou outro exemplar na praia de Salinas, en Castrillón (Asturias) o 22 de decembro de 2018.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri