Venres 19 Abril 2024

Candela: un cangrexo con nome de filla

Investigadores, durante a clasificación a bordo das especies atopadas.
Investigadores, durante a clasificación a bordo das especies atopadas.

Poucos agasallos poden ser tan orixinais. Pero é o que recibiu Candela, a filla da investigadora Susana de Matos-Pita. Desde agora, unha nova especie animal no mundo leva o seu nome. Chámase Paguristes Candelae, é un novo cangrexo ermitaño e foi atopado por científicos da Facultade de Ciencias do Mar de Vigo e do Instituto Español de Oceanografía (IEO). O seu achado ven de ser publicado nun completo traballo sobre os cangrexos ermitáns de augas profundas de Mauritania, no que se describe esta especie descoñecida ata agora para a ciencia. Este artigo, asinado tamén polo profesor Fran Ramil, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal de Vigo, foi publicado na revista Zootaxa e inscríbese no marco do Proxecto EcoAfrik. Os biólogos agardan que esta non sexa a última noticia sobre o descubrimento de novas especies en augas de Mauritania, xa que está pendente a publicación doutros dous traballos máis, tamén sobre a biodiversidade dos crustáceos.
Os inexplorados fondos do noiro de Mauritania están constituíndo unha fonte de especies novas para a ciencia. Ramil explica que estudaron todos os cangrexos ermitáns que recolleron ao longo das catro campañas oceanográficas Maurit que se desenvolveron en Mauritania dende o 2007 ata 2010. “O estudo de todo ese material permitiunos identificar 13 especies diferentes, e unha delas, a Paguristes candelae, resultou ser nova para a ciencia e describímola neste traballo, xunto coas outras 12 que xa eran coñecidas”, comentan os autores.

A Paguristes candelae rende homenaxe a Candela, filla da súa descobridora

Estas especies pertencen ás familias Diogenidae, Paguridae e Parapaguridae e todas foron recollidas en 83 das 316 estacións de arrastre realizadas na plataforma profunda e noiro continental de Mauritania durante as citadas campañas. O artigo científico, de máis de 40 páxinas, comprende unha abundante e ben coidada iconografía realizada en gran parte mediante un estereomicroscopio e técnicas de tratamento de imaxe.
A nova especie recibiu o nome de Paguristes candelae, por Candela, a filla de Susana S. de Matos-Pita, a investigadora que describiu e depositou persoalmente o seu holotipo no Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid. Tres exemplares, consistentes nun macho e dúas femias, foron recollidos en tres estacións diferentes ao longo do noiro continental de Mauritania, nun rango de profundidade comprendido entre 376 e 574 metros. Ademais da descrición da nova especie, na publicación os investigadores tamén propoñen o cambio de xénero de dúas especies, descríbese por primeira vez a femia de Paguristes marocanus, esténdese a área de distribución xeográfica de dúas especies e o rango batimétrico de tres, e cítanse por primeira vez en augas de Mauritania outras tres especies.

Publicidade

Estes cangrexos ‘cambian de casa’ e buscan unha nova cando medran

Os cangrexos ermitáns son ben coñecidos e deben o seu nome ao hábito de empregar como vivenda o interior das cunchas valeiras de diversos caracois mariños, ás que normalmente se asocian as diferentes especies. A característica máis destacada destes cangrexos, como explica Ramil, é que teñen o abdome brando e máis ou menos en espiral, de aí que vivan dentro de cunchas valeiras de gasterópodos (caracois) para protexerse. “Isto ten o inconveniente de que cando medran deben de cambiar de “casa” e buscar unha máis grande”, explica o investigador. Tamén hai especies que viven asociadas a esponxas e a antozoos (actinias e zoantarios) e nestes casos non teñen que cambiar de aloxamento, porque a casa vai medrando con eles.
Os científicos Milne-Edwards e Bouvier foron os primeiros que describiron a fauna de cangrexos ermitáns do oeste africano nos seus traballos, publicados durante a última década do século XIX. Na actualidade coñécense unhas 900 especies diferentes de cangrexo ermitán en todo o mundo e, de feito, algunhas das que se describen na recente publicación de Zootaxa xa foron citadas na lista dos decápodos de Mauritania de Monod en 1933, pero este é o primeiro traballo que se centra exclusivamente na fauna de cangrexos ermitáns da rexión, e sen dúbida, o conxunto de exemplares recollidos ao longo das campañas Maurit constitúen a colección máis completa destes decápodos obtida nunca nesta zona. Con todo, Fran Ramil destaca que as augas de Mauritania poden acoller outras especies de cangrexo ermitán, ademais das 13 citadas no estudo e lembra que, de feito, neste proxecto non estudaron as espécies costeiras “porque traballamos dende 80 a 2000 m de profundidade”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Antibióticos e cremas solares acumúlanse no mar: “Descoñecemos o seu impacto”

Científicos recompilan nun libro as substancias emerxentes no medio mariño, unha materia da que existe pouca información

Un libro para coñecer a biodiversidade mariña do Ártabro

A publicación do IEO condensa o coñecemento científico sobre a produtividade biolóxica na contorna de traballo do Centro Oceanográfico da Coruña

O buque Ángeles Alvariño, a investigar os fondos mariños de Galicia

Científicos do IEO parten nesta campaña na que se empregarán robots que permitirán gravar a profundidades de 800 metros

Biólogos da UVigo descobren dúas novas especies de hidrozoos

Foron atopadas sobre cunchas de bivalvos en augas profundas de Angola e Mauritania, e o grupo de investigación xa suma máis de 40 novas especies