Investigadores de Vigo revelan o cambio de sexo do peixe pallaso

O Grupo de Ecoloxía Pesqueira do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM), pertencente ao CSIC, en colaboración coa universidade Rei Abdullah de Arabia Saudí, acaban de presentar un estudo no que revelan, por primeira vez, os mecanismos xenéticos asociados ao cambio de sexo do peixe pallaso (Amphiprion bicinctus). O artigo xa foi publicado na recoñecida revista Scientific Reports.

Esta especie hermafrodita protándrica (cambio de sexo de macho a femia) estrutúrase en familias conformadas por dous ou máis individuos, e a súa xerarquía baséase no tamaño: só os dous maiores exemplares son maduros e monógamos, sendo a femia a dominante. Laura Casas, investigadora do IIM-Vigo, conta que “hai dous elementos clave que explican o éxito evolutivo do peixe pallaso: por unha parte, a súa simbiose coas anemones que lles proporcionan refuxio e, por outra banda, a súa capacidade para cambiar rapidamente de sexo cando morren as femias”.

Publicidade

Ás dúas semanas de morrer a femia, comezan os cambios xenéticos

O primeiro elemento xa fora estudado, pero ata o de agora non se afondara tanto nos mecanismos que explican este cambio de sexo. Así, para desenvolver o traballo, os investigadores galegos e sauditas empregaron 32 individuos de 16 familias capturados no mar Vermello. Tras os estudos pertinentes, “observouse que o cambio de sexo do peixe pallaso está controlado socialmente, xa que se produce só cando as femias morren”, apunta outro dos investigadores, Fran Saborido Rey. Así, os primeiros cambios teñen lugar ás dúas semanas da morte da femia, con modificacións neuronais controladas xenéticamente a nivel do cerebro.

Os mencionados cambios transmítense aos órganos sexuais, que comezan a mudar os seus tecidos e a súa expresión xénica, ata que os testículos se acaban transformando en ovarios. Deste xeito, a especie pode adaptarse e sobrevivir grazas á formación dunha nova parella reprodutora sen ter que moverse da anemone que os protexe.

Publicidade

O achado do IIM de Vigo abre a porta a novas liñas secundarias de investigación sobre esta especie. Por exemplo, poderíase “determinar se a aceleración do crecemento nos machos se produce antes, durante ou despois do cambio de sexo ou se este proceso se pode ver afectado polos cambios medioambientais. Isto último axudaría a predicir os efectos do cambio climático sobre a supervivencia destas e outras especies hermafroditas”.

Tal e como explican os autores do traballo, xa se coñecía que numerosas especies mariñas son hermafroditas, e moitas delas están sobreexplotadas a nivel comercial. Neste senso, é importante investigar os seus patróns sexuais para deseñar estratexias de pesca sostible que teña en conta as súas características sexuais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Beatriz Novoa: “Foi un exemplo de tenacidade e esforzo”

A actual directora do IIM, Beatriz Novoa, lembra a Científica Galega do Ano e analiza os retos que ten por diante o instituto no seu 75 aniversario

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé