Xoves 28 Marzo 2024

Cagón: o becho que constrúe vermes de area á beira do mar

A "Arenicola marina" é un anélido que se alimenta da materia orgánica dos sedimentos e excreta os refugallos construíndo curiosas formas

Camiñamos á beira do mar e de súpeto aparecen: uns pequenos montículos de area en forma de vermes amoreados elévanse cada pouco tempo, formando ás veces extensións de tamaño considerable. Pero ao tocalos, nada se move. Que hai detrás desta curiosa imaxe? A resposta está na Arenicola marina, coñecido en galego como cagón, entre outros nomes, un anélido poliqueto que adoita vivir en zonas lamacentas e no espazo intermareal. Hai uns días, o Museo de Historia Natural de Londres explicou nun audiovisual a formación destes montículos.

“É o que se coñece como sedimentívoro non selectivo. Inxire o sedimento e no tracto dixestivo selecciona a materia orgánica, e o resto desbótao”, explica Xandro García, biólogo experto en invertebrados mariños e divulgador no blog marabaixo.gal. En Galicia, o verme recibe tamén o nome de mangón, cagulo ou sangrón (“chámanlle así porque se usa como carnada na pesca dalgúns peixes, e solta moito sangue cando se mete no anzol”, aclara Xandro).

Publicidade

A presenza destas moreas de area atrae, por tanto, a pescadores en busca de isca para as súas canas. E a súa captura está tamén regulada pola Consellería do Mar; os datos de Pesca de Galicia expoñen que todos os anos pasan polas lonxas  varios centos de quilos, a un prezo medio de máis de 30 euros.  Porén, para atopar ao cagón hai que buscala baixo a area, porque non se deixan ver pola superficie para estar a salvo dos depredadores. “Constrúen nunha galería en forma de U. Preto da cabeza pode verse unha pequena depresión no terreo, porque é a zona por onde collen a area, e desde aí tragan a area e sácana polo outro estremo”, engade Xandro.

Detalle dos refugallos do cagón.
Detalle dos refugallos do cagón.

O cagón adoita confundirse con outras especies semellantes, polo que ás veces tamén recibe o nome de miñoca, nome máis utilizado para a Lumbricus terrestris. Porén, a súa morfoloxía pode axudar a distinguila doutros vermes: “Ten dúas partes diferenciadas: unha que se coñece como a torácica, algo máis grosa e escura, onde se poden distinguir as branquias, e outras máis estreita e clara, por onde excretan a area”, apunta Xandro García. Pode acadar máis de 20 centímetros de lonxitude, e chegan a remexer enormes volumes de area durante a súa vida.

Como curiosidade, a Arenicola marina foi obxecto de investigación polo seu potencial na biomedicina para a produción de hemoglobina. 

O sangue de miñoca salva vidas

2 COMENTÁRIOS

  1. Eu non os coñecín por tal nome, e non me gusta. Tampouco pan de serpe, pan de raposa, carallo de mar e outros tantos… pero, fundamentalmente, na miña terra non lle chaman así.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O bronceado protexe do sol, as cremas non caducan e outros mitos arredor dos protectores solares

Os expertos da pel insisten en que todas as persoas, independentemente do seu ton, deben aplicarse estes produtos durante todo o ano

Por que é necesario protexer o illote do Areoso?

A Xunta establece un máximo de 150 visitantes por día repartidos en tres quendas e limita a pesca recreativa

O ritmo ao que aumenta o nivel do mar en España duplicouse nos últimos 20 anos

Un traballo liderado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) mostra que desde 1993 sobe 2,8 milímetros cada ano

As condicións meteorolóxicas favorecen a observación do raio verde dende Poio

Unha afeccionada á fotografía captura este fenómeno óptico, que ás veces se pode ver despois do solpor e antes da saída da Lúa