Publicidade
Publicidade

As cabichas tiradas nas praias son unha fonte de metais pesados no mar

Un estudo no que participa o IEO de Vigo advirte que estes residuos (un 6% do lixo que chega aos océanos), liberan cobre, chumbo ou zinc

Aínda que a crecente concienciación e responsabilidade no coidado do medio ambiente contribúe a que cada vez menos persoas deixen as cabichas na praia unha vez acaban de fumar, estes residuos seguen supoñendo un importante problema. Estímase que en todo o mundo se tiran ao mar cada ano cinco billóns de cabichas, o que supón unha achega de residuos que, pouco a pouco, se converte nunha fonte contaminante de gran magnitude. Son, de feito, un dos 10 elementos máis frecuentes nas praias europeas. Un estudo no que participa o centro en Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) advirte que os restos dos pitos poden liberar no océano, a través dos filtros, metais pesados como cobre, chumbo ou zinc.

Así, tal e como afonda esta nova investigación, alén da contaminación visual e os efectos físicos nos organismos mariños debido á súa inxestión ou á asfixia, as cabichas poden supoñer un risco toxicolóxico debido ás substancias que acumulan que, ata a data, foi pouco estudado. Os investigadores do Oceanográfico vigués Juan Santos Echeandía e Jesús Gago, xunto ás científicas do CIDRE Francés Aurore Zéler e Camille Lacroix, cuantifican a transferencia de metais pesados desde os filtros dos cigarros ao mar e como unha vez que se incorporan á auga son absorbidos polas branquias e a glándula dixestiva das recoiro.

Publicidade

Os filtros de pitos fumados teñen niveis de metais ata 90 veces superiores

Para facer estas estimacións desenvolveron un experimento con diferentes tipos de filtros: virxes, fumados artificialmente e envellecidos en praia e porto. O primeiro resultado destacable foi que os filtros fumados, respecto a os virxes, mostran niveis de metais ata 90 veces superiores.

Segundo explican os científicos, cando as cabichas chegan ao mar, os metais que conteñen pódense lixiviar á auga ata alcanzar o equilibrio, é dicir, ata que a concentración na cabicha é a mesma que a concentración no medio. Segundo os resultados deste estudo, o cobre foi o elemento con maior porcentaxe de transferencia á auga. Máis do 90% da concentración deste metal nas cabichas é expulsado ao mar, mentres que o estroncio mostrou a menor porcentaxe cun 40%.

Publicidade

Á vista destes datos, os científicos quixeron comprobar se a liberación de metais das cabichas podería supoñer un risco para os organismos mariños a través da acumulación destes contaminantes nos seus tecidos e, segundo o esperado, os resultados demostraron o aumento das concentracións de estroncio, manganeso, uranio, cromo, ferro, molibdeno, chumbo e zinc, tanto nas branquias como na glándula dixestiva das ostras expostas aos lixiviados de cabichas.

Imaxes do traballo de recollida de cabichas que desenvolveron os investigadores do Oceanográfico de Vigo. Foto: IEO.
Imaxes do traballo de recollida de cabichas que desenvolveron os investigadores do Oceanográfico de Vigo. Foto: IEO.

Así, os resultados alertan que “podería existir un impacto químico derivado da contaminación das cabichas, xa que serven como portadoras de metais no medio mariño”, e “a liberación destes metais ou a inxestión de cabichas por parte de organismos mariños pode supoñer un risco toxicolóxico por mor da acumulación nos seus tecidos”.

Os científicos advirten da necesidade de implementar medidas para axudar a previr, reducir e mitigar os impactos ambientais das cabichas. “Entre outras, poderíanse aplicar tarifas adicionais nos produtos de tabaco para financiar programas de concienciación, de promoción de limpeza e de redución do consumo de tabaco; establecer multas por tirar lixo que inclúan especificamente cabichas; ou etiquetar os filtros de cigarros como refugallos perigosos”, sinala Juan Santos, primeiro autor do traballo. “Ademais, poderíanse explorar outras estratexias como mellorar as solucións de reciclaxe para promover a recuperación das cabichas”, engade o científico.


Referencia: The role of cigarette butts as vectors of metals in the marine environment: Could it cause bioaccumulation in oysters? (Publicado en Journal of Hazardous Materials).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O cambio climático leva a produción de mexillóns a niveis “nunca vistos”

Un estudo do CSIC advirte da situación "ameazante" para o sector por factores como o aumento da temperatura do mar, a acidificación oceánica e cambios nos patróns de afloramento

Un equipo vigués identifica un parasito que afecta a calidade da sardiña europea

O microorganismo non causa alerxias nin enfermidades en humanos pero dana a musculatura do peixe e pode reducir a súa calidade e valor comercial

O vigués ao mando do rastrexo de vítimas da DINA no mar: “É como buscar unha agulla nun palleiro”

Pablo Carrera, reponsable da operación do buque científico 'Ramón Margalef': "Estamos recibindo axuda psicolóxica"
00:00:11

Crítica situación da cigala en Galicia: "O maior impacto foi a elevada presión pesqueira"

A captura do crustáceo está prohibida dende Cedeira ata o Miño dende 2017 e avaliarase a súa reapertura en 2025