Xoves 25 Abril 2024

Amosan as 113 especies de fauna dos fondos da ría de Vigo

A pesar de que o litoral da ría de Vigo é un dos máis poboados de Galicia e que as súas augas están moi estudadas a case todos os niveis, existía un baleiro no tocante á megafauna bentónica, que comprende especies tan recoñecibles como a voandeira, a vieira ou os ourizos. Coa excepción de algún estudo sobre especies comerciais, a comunidade investigadora carecía de análises concretos sobre a distribución deste tipo de organismos na ría. Neste contexto, e raíz doutras investigacións en marcha, os investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Jesús Souza Troncoso, Fernando Aneiros e Marcos Rubal e o experto en peixes Rafael Bañón puxeron en marcha un estudo pioneiro para mapear a fauna bentónica na parte non estuárica da ría de Vigo. O traballo vén de ser publicado na revista Continental Shelf Research.

Os investigadores Jesús Souza Troncoso, Fernando Aneiros e Marcos Rubal.
Os investigadores Jesús Souza Troncoso, Fernando Aneiros e Marcos Rubal.

Os resultados amosan dúas conclusións evidentes. Por unha banda, os investigadores destacan que existen unha gradación das poboacións da parte máis interna, na que predominan os moluscos, á máis externa da ría, onde os equinodermos son maioría. O outro resultado do estudo que salientan os científicos é que unha especie invasora, a Crepídula fornicata, é xa a máis abundante da ría, moi especialmente na parte interna, cando a súa presenza na década de 1980 era anecdótica.

Publicidade

O investigador Fernando Aneiros explica que a presenza da Universidade de Vigo, do Instituto de Investigacións Mariñas e do Instituto Español de Oceanografía fan da ría de Vigo un medio moi investigado, polo que achar que había moi poucos estudos realizados sobre a fauna bentónica da ría foi unha sorpresa. “Os poucos traballos feitos datan de finais da década de 1970 e principios da de 1980 e foron elaborados polo CSIC”, explica Aneiros, pero estaban centrados principalmente en especies de interese comercial, non dende un punto de vista ecolóxico.

No traballo realizaron en 2014 unha mostraxe con 75 puntos de recollida

Os investigadores subliñan que, pola contra, si existían estudos sobre a infauna que vive dentro do sedimento, pero non da megaepifauna, de maior tamaño e moi visible, como estrelas de mar, ourizos, especies comerciais como voandeira ou vieira, ou as ofiuras, que son moi abundantes pero non estaban moi estudadas. Lonxe do obxectivo da análise comercial, este equipo de traballo centrouse en identificar especies, avaliar a súa abundancia e mapear a distribución de cada grupo.

O traballo arrancou cunha mostraxe realizada en xuño de 2014 con 75 puntos de recollida na zona non estuárica da ría, é dicir, dende a ponte de Rande ata as illas Cíes. Para esta parte do estudo contaron coa colaboración da Confraría de Cangas, que lles cedeu un barco do arrastre, coa que se adoita capturar por exemplo voandeiras ou vieiras. Tras a identificación e análise das especies e a elaboración do mapa de distribución das mesmas, en 2015 comezaron a traballar na redacción do artigo e nas análises pendentes, gráficas e mapas. O estudo non identificou primeiras citas de especies para a ría, pero contabilizou 113 especies diferentes.

Crepidula fornicata.
Crepidula fornicata.

O estudo constatou unha gradación das especies dende a parte interior á exterior da ría. Na zona interna, preto de Rande, predominan os moluscos, entre eles os bivalvos comerciais como a voandeira; mentres a medida que se avanza cara a zona máis aberta aumenta a presenza de equinodermos, sobre todo ofiuras e ourizos. Isto débese a que estes últimos son máis sensibles a cambios de salinidade, contaminación, etc. e a zona interna da ría “está máis afectada pola contaminación de Vigo, sofre máis inputs de auga doce, a concentración de osíxeno no sedimento é máis baixa e a renovación da auga é menor. Neste medio, predominan os moluscos xa que son máis resistentes a estas condicións.

Pero se unha especie ten unha presenza predominante na ría de Vigo é a Crepidula fornicata, un gasterópodo invasor procedente da costa atlántica norteamericana que entrou a Europa a través dos cultivos de ostras da costa británica. Esta especie datouse en Galicia por primeira vez a finais da década de 1970 pero a súa presenza era anecdótica. Neste estudo confirmouse que na actualidade é a máis numerosa na ría de Vigo, pero non é alarmante xa que non é o medio ideal para a súa expansión. Existen outros lugares, máis protexidos e resgardados, onde “en condicións idóneas, a Crepidula fornicata cubre todo o fondo e non permite a presenza doutras especies”, e este non é o caso da ría de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Peiraos do Solpor’: ecosistemas mariños no porto de Vigo

O proxecto con fondos europeos que dirixen científicos da UVigo creará arrecifes artificiais para ver flora e fauna mariña nos peiraos portuarios

Un dos maiores expertos mundiais en contornitas imparte unha charla en Vigo

Javier Hernández-Molina, catedrático na Royal Holloway da Universidade de Londres, impartiu unha conferencia e un curso na Facultade de Ciencias do Mar

Científicos galegos, a bordo do Ángeles Alvariño no golfo de Cádiz

Tres investigadores da Facultade de Ciencias do Mar estarán desde este martes 9 ata o 4 de agosto nunha campaña asociada ao proxeto Inpulse

O catedrático Ricardo Beiras publica un libro sobre contaminación mariña

O profesor da UVigo recolle nunha obra de 400 páxinas a experiencia de máis de 20 anos de investigación e docencia neste eido