A toniña campa no mar de Galicia

A toniña (Phocoena-phocoena/ marsopa en castelán) campa nas augas de Galicia. De feito, o censo en marcha deste cetáceo rexistra o dobre de avistamentos que na última campaña, realizada no 2011. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) desenvolve esta investigación, nun programa patrocinado pola Fundación Biodiversidade.

Rescate dunha cría de toniña por voluntarios da CEMMA.
Rescate dunha cría de toniña por voluntarios da CEMMA.

A toniña é a menor das especies de cetáceos presentes en Galicia, e a máis ameazada en Europa. Nas nosas costas pódense ver exemplares dende as Rías Baixas á costa de Lugo. Pero é difícil velas dentro das rías, xa que adoitar estar en fondos de máis de 100m de profundidade. Aínda que tamén está presente en otras zonas de Europa, as toniñas de Galicia e Portugal teñen características propias, como por exemplo ter un maior tamaño cas de outras zonas.
“É unha das especies de cetáceos máis importante en Galicia, porque está extinguida no Mediterráneo e aquí e nas costas de Portugal está o seu último refuxio na península Ibérica”, explica José Cedeira, biólogo e presidente da CEMMA: “Este ambicioso estudo inclúe avistamentos dende terra e campaña en barco; tamén por primeira vez empregamos unha avioneta”.

A campaña da CEMMA emprega por primeira vez unha avioneta para avistamento

Xa na metade da campaña, téñense navegado 478 millas e se rexistraron 108 avistamentos de cetáceos. A toniña foi o 7,4% dos avistamentos, cando no censo anterior só representaba o 4 por cento do total. A meirando parte dos cetáceos observados na presente campaña son golfiños, aínda que tamén apareceron arroaces, balea común e mandas de orcas, especialmente na zona de Fisterra e Malpica.
“Galicia é unha zona de especial interese para os mamíferos mariños, pola riqueza das nosas augas. Contamos con grandes cetáceos, como as baleas e cachalotes. E pequenos como os golfiños e as toniñas. Ademais, hai unha gran poboación de lobos de mar e de tartarugas”, explica José Cedeira, quen ve na presión da pesca o as redes á deriva o principal problema para os mamíferos mariños nas augas galegas.
Podes ter máis información sobre a CEMMA e a campaña da toniña na nosa reportaxe audiovisual da sección ‘Ciencia en Vivo’:

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

As candorcas volven ás costas galegas: rexístrase un avistamento nas Rías Baixas

A CEMMA confirma que os cetáceos xa se atopan de camiño ao norte de Galicia e agardan a chegada doutros dous grupo que veñen dende Portugal

A historia das tartarugas que chegaron a Galicia tras o tren de borrascas e agora regresan ao mar

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños liberará a 'Tanxil' e 'Noetiña' fronte á ría de Vigo na embarcación 'Novo ollo do mar'