O segredo do polbo de acuicultura está na dieta da larva

A falta dunha dieta axeitada para os primeiros días de vida; a necesidade da estandarización das técnicas de cultivo e os escasos coñecementos que se teñen sobre esta fase da vida no medio mariño son as principais causas do fracaso no cultivo comercial da especie coñecida comunmente como polbo de rocha e cientificamente como Octopus vulgaris. Hai moitos anos que investigadores e investigadoras de todo o mundo se dedican ao estudo da acuicultura desta especie, que polas súas características biolóxicas e fisiolóxicas é un candidato ideal para o cultivo ao presentar un crecemento moi rápido, unha gran fecundidade e unha moi boa adaptación á catividade. Non obstante, a acuicultura desta especie segue a estar limitada pola elevada mortalidade nos primeiros días de vida, un período no que a paralarva presenta mortalidades de ata o 99% no primeiro mes.

Presentación en Ecimat do proxecto Octowelf.
Presentación en Ecimat do proxecto Octowelf.

Se primeiro foi o proxecto Octophys o que se centrou nas necesidades metabólicas desta especie, dando lugar á creación dun protocolo de enriquecemento, que permitiu a melloría no crecemento da paralarva, na actualidade o estudo do cultivo prosegue co proxecto Octowelf, centrado no benestar e saúde nas primeiras fases da vida do polbo común, efecto da nutrición e dos factores ambientais.

Publicidade

As universidades de Vigo, Granada e La Laguna; o IEO de Vigo e Tenerife e o CSIC de Vigo participan neste proxecto, no que se encadra o estudo que sobre a viabilidade de empregar a cor da glándula dixestiva das paralarvas como un indicador da alimentación esóxena durante os primeiros días de vida, desenvolveu a investigadora Raquel Fernández Gago. Este traballo, que forma parte da tese de doutoramento, que baixo a dirección de Francisco Rocha, docente e investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, realizou Raquel Fernández, desenvolveuse en colaboración co Instituto de Investigación Mariña Havforskningsinstituttet de Noruega.

Tres universidades, CSIC e IEO participan neste proxecto de investigación

“Os estudos actuais céntranse en determinar as fontes de estrés no cultivo e os xenes que se expresan durante o mesmo, así como índices de condición ou nutrición”, explica a investigadora. Raquel Fernández lembra que durante os primeiros días de vida as paralarvas deben aprender a comer, polo que a alimentación convértese nun dos factores máis importantes dentro do cultivo que poden desencadear estrés. No medio natural as paralarvas aliméntanse de larvas de Carideos e Brachiuros, pero no cultivo, ante a imposibilidade de ser alimentados con estas especies, suminístrase Artemia sp, que non achegan todas as necesidades nutricionais das paralarvas rexistrándose, como consecuencia, altas mortalidades no cultivo.

Publicidade

Raquel Fernández.
Raquel Fernández.

“O uso de índices nutricionais ou de condicións baséase en que durante os períodos de inanición algúns órganos, entre eles algunhas glándulas, son máis sensibles e sofren modificacións en períodos curtos de tempo, modificacións que permiten establecer índices nutricionais que determinarán o estado de saúde dos animais”, explica a investigadora, que sinala que na actualidade os índices máis usados en cefalópodos baséanse en medidas morfométricas, determinación do peso seco, lonxitude total ou encimas dixestivas, que aínda que achegan moita información, supoñen unha destrución total do animal.

Raquel Fernández estudou a cor da glándula dixestiva das paralarvas do polbo

O estudo realizado por Raquel Fernández propón a glándula dixestiva das paralarvas como un indicador idóneo do estado nutricional “porque é fácil de ver a través do manto transparente” e moitos autores demostraron que este órgano sufre modificacións histolóxicas durante o proceso de dixestión. Para levar a cabo a investigación recolléronse varias tiras de ovos da ría de Vigo, correspondentes a unha posta natural, deixando o resto para permitir que esta seguise contribuíndo ao recrutamento natural da especie. Trala eclosión dos ovos, que foron levados á Ecimat, realizouse o cultivo, no que se mediron diariamente as condicións nutricionais dos animais, observando os cambios presentes na glándula dixestiva, para o que foron fotografados tras ser anestesiados para diminuír o seu estrés.

“Este método non destrutivo permite observar cambios, facilmente apreciables na glándula dixestiva trala aceptación do alimento polo animal, cambios que serán cuantificados tralas medidas das diferentes áreas de cor presentes nas glándulas dixestivas”, explica a investigadora, que sinala que uso desta técnica permitiu relacionar as modificacións desta glándula co estado nutricional, “o que supón un gran avance para determinar o estado nutricional das paralarvas do polbo no seu cultivo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O éxodo dos polbos: por que desaparecen en Galicia e se multiplican nas costas británicas?

A explosión de cefalópodos nas augas do Reino Unido desconcerta os expertos, que o atribúen ao aumento da temperatura do mar e á diminución dos seus depredadores naturais

A UVigo lidera un proxecto europeo para revolucionar os pensos de acuicultura

Un equipo do CIM desenvolverá un ingrediente alternativo e nutritivo para a alimentación de especies como a robaliza

Toleran mellor o estrés os polbos en catividade? Un estudo con selo galego di que si

Os investigadores aseguran que o achado que separa a resposta dos cefalópodos da dos vertebrados abre a porta a súa cría en acuicultura

Un equipo de Vigo documenta por primeira vez un polbo de nove brazos no seu hábitat natural

É o primeiro estudo que rexistra como se usan as extremidades rexeneradas e bifurcadas nunha contorna salvaxe