Venres 26 Abril 2024

Analizando as bacterias que habitan as rías galegas

Coa finalidade de comprender mellor os procesos que gobernan as comunidades bacterioplanctónicas mariñas en augas peláxicas, o Grupo de Oceanografía Biolóxica, GOB, da Universidade de Vigo ten entre os seus obxectivos estudar os patróns bioxeográficos do bacterioplancto mariño que habita a zona eufótica ao longo das diferentes escalas espaciais e temporais. Unha das zonas seleccionadas para o estudo, realizado por Víctor Hernando e coordinado por Eva Teira, en colaboración con membros do Instituto Español de Oceanografía de A Coruña e Vigo e o Centro Superior de Investigacións Científicas de Vigo, CSIC, foi a costa de Galicia, que representa o límite norte dun dos principais sistemas de afloramento do este dos océanos do mundo. “Isto é debido a que os ventos do norte, que sopran na rexión a partir de marzo-abril ata setembro-outubro, favorecen o afloramento de augas profundas na costa, mentres os ventos do sur, que predominan o resto do ano, de outubro a marzo, favorecen o afundimento de augas superficiais”, explica Víctor Hernando.

Os resultados amosaron un patrón estacional nas rías de Vigo e da Coruña

Neste traballo amósase a dinámica anual da estrutura e composición da comunidade bacteriana a dúas profundidades diferentes en augas da plataforma galega, zonas externas das rías de Vigo e A Coruña e os resultados amosaron que a estrutura da comunidade bacteriana presentaba un patrón estacional en ambas as dúas zonas e profundidades, debido aos efectos de afloramento e afundimento, aínda que este patrón foi máis evidente nas augas da superficie que nas mostras recollidas a maior profundidade, base da zona eufótica. “En xeral a estrutura da comunidade mostrou homoxeneidade horizontal entre augas fóra de Vigo e A Coruña e heteroxeneidade vertical entre superficie e augas máis profundas. Durante o período de afundimento, a comunidade bacteriana foi máis diversa que durante o período de afloramento, amosando as comunidades superficiais e profundas unha maior similitude en dito período, probablemente relacionado cos procesos de mestura invernal da columna de auga”, explica Hernando sobre uns resultados que son consistentes con estudos previos de bacterioplancto mariño noutras rexións mornas en series temporais de maior duración, ao tempo que suxiren unha marcada influencia de factores rexionais, tales como a dinámica de afloramento-afundimento, nas comunidades bacterianas que habitan neste tipo de sistemas de afloramento costeiro.

Publicidade

Na investigación, que incluíu tomas de mostras mensuais de xaneiro a decembro de 2010 dentro do proxecto do Mineco Relación entre a diversidade funcional do bacterioplancto e a circulación do carbono no océano superficial da costa NO da Península Ibérica, Difuncar, tamén se estudaron os fluxos de carbono mediados polo bacterioplancto nesa rexión produtiva e determinouse que en augas superficiais parecen estar controlados principalmente pola dinámica da estrutura da comunidade, mentres que na base da zona de maior profundidade poderían estar controlados polos factores ambientais locais. Tamén se identificaron filoxenéticamente as poboacións de bacterias coa finalidade de estudar a dinámica espacial e temporal dos distintos taxóns no sistema. “Os resultados amosaron unha variedade de grupos de bacterias que tenden a concorrer e responder de xeito similar aos factores locais e rexionais e, polo tanto, potencialmente levara a cabo funcións similares ou complementarias”, explica o investigador de GOB.

O bacterioplancto mantén os principais ciclos bioxeoquímicos do planeta

O bacterioplancto mariño inclúe unha variedade de formas de vida que pertencen ao dominio bacteria, que habitan na columna de auga de todos os mares e océanos do planeta “A súa complexidade non se basea na súa variedade morfolóxica, senón que se manifesta a través dunha ampla diversidade de estratexias metabólicas”, explica Víctor Hernando, que sinala que a diversidade das bacterias mariñas supera, con moito, a dos organismos eurcariotas, ao tempo que se ten demostrado que posúen unha enorme versatilidade metabólica e fisioloxía, que lles confire un papel esencial en practicamente todos os ciclos bioxeoquímicos do planeta. O bacterioplancto controla os fluxos de nutrientes no sistema a través da re- mineralización da materia orgánica, xogando un papel fundamental no fluxo do carbono e noutros ciclos bioxeoquímicos como o do nitróxeno, fósforo ou xofre.

“Dado que o metabolismo das comunidades de bacterias mantén os principais ciclos bioxeoquímicos da Terra, cambios na composición e estrutura destas comunidades afectarán, en última instancia, ao funcionamento destes ciclos. Polo tanto, o estudo da súa diversidade e ecoloxía é fundamental para unha axeitada comprensión da función dos ecosistemas”, explica o investigador que o vindeiro venres, 22 de abril a partir das 11.00 horas, presentará dentro da programación do ciclo Café con Sal da Ecimat os resultados da súa tese de doutoramento nunha conferencia titulada Patróns bioxeográficos do bacterioplancto mariño superficial.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

O museo coruñés remodela no seu 25 aniversario a área de curación dos animais mariños

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral