Un equipo da USC estuda como eliminar os microplásticos en augas residuais

O proxecto, que se vai estender ás principais depuradoras de Galicia, presentouse no congreso Micropol & Ecohazard

É preocupante a presenza de microplásticos nas augas residuais galegas? Un equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) trata de achar unha resposta. Para iso, están a desenvolver un proxecto no que analizan os mecanismos de degradación dos microplásticos e a súa presenza nas augas residuais da EDAR de Silvouta, en Santiago. Agora, a iniciativa tamén se está a estender a outras estacións depuradoras de Galicia. “A finalidade é detectar a presenza de microplásticos e, ademais, ver cal é o seu comportamento: é dicir, que cantidade se elimina, que cantidade queda e cales son as súas características”, apuntan dende o equipo. Polo tanto, tratan de entender se os microplásticos en augas residuais xa son un problema en Galicia e, de ser así, buscar como se pode resolver.

O proxecto encabezado dende Santiago presentouse en Micropol & Ecohazard, un congreso que reuniu na capital galega a 300 especialistas no tratamento de augas, procedentes de 41 países dos cinco continentes. Durante o encontro, promovido polo Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da (Cretus) da USC, analizouse a presenza de “microcontaminantes” e dos contaminantes “emerxentes” presentes na auga. O copresidente do congreso e profesor emérito da USC, Juan Lema, asegurou que “o problema dos microcontaminantes é universal, non só afecta os países desenvolvidos, senón que se dá tanto en Europa como en África”.

Publicidade

De todas formas, Lema tamén quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade. “A auga potable non presenta ningún problema, a poboación pode estar segura porque os sistemas potabilizadores son moi fiables”, apuntou o investigador da USC. Con todo, continuou explicando que se están buscando solucións máis tecnolóxicas e de baixo custo que permitan mellorar a calidade das augas. Por exemplo, hai propostas baseadas no emprego de algas ou na creación de lagoas para a eliminación dos microcontaminantes. Mais non só nas augas residuais, tamén nas augas potables. Por iso é preciso máis investigación, así como o desenvolvemento de novas tecnoloxías. “Descoñécense o seus efectos sobre o medio e a a saúde humana porque a meirande parte dos microplásticos quedan retidos na lodo”, incide.

Busca de novos materiais

No congreso tamén se contou coa participación dunha das principais expertas neste ámbito a nivel mundial, Mira Petrovic. É investigadora do Instituto Catalán de Investigación da Auga, da Generalitat de Cataluña, e xefa do seu departamento de Calidade e Seguridade da Auga. Traballa no desenvolvemento de novas tecnoloxías e na aplicación de novos materiais para mellorar o tratamento de augas residuais.

Publicidade

A experta sinalou que “unha das principais carencias que posúen as plantas depuradoras na actualidade é a gran cantidade de microcontaminantes orgánicos que se concretan na auga e que os procesos e tratamentos convencionais non son capaces de eliminar de forma eficaz”. Estes compostos proceden de produtos de uso cotián como produtos de hixiene e coidado persoal, de limpeza, materiais usados na cociña -como o teflón, empregado como antiadherente-, fármacos… que entran no medio a través da auga. Por esta razón, manifesta que “é obxectivo de moitos estudos mellorar o tratamento para eliminar estes microcontaminantes ou contaminantes emerxentes”.

Ante esta problemática, os investigadores avanzan no desenvolvemento de novos materiais moi prometedores, con gran potencial para mellorar o tratamento de augas residuais e favorecer a eliminación de contaminantes orgánicos. É o caso dos fotocatalizadores, que aceleran as reaccións químicas, membranas para axudar á filtración e, en particular, materiais baseados no uso de grafeno ou óxido de grafeno. Segundo a investigadora, “o grafeno posúe características moi específicas que permiten utilizalo en formas diversas e aplicalo nas diferentes etapas do proceso de depuración de augas como o tratamento electroquímico, como absorbente, aumentando a reactividade de procesos químicos ou biolóxicos, nos procesos de oxidación… entre outros”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC deseña unha tecnoloxía para reciclar plástico con enzimas reutilizables

Persoal investigador do CiQUS e do CRETUS propón unha alternativa sostible para a descomposición de polímeros como o PET, presente na maioría das botellas e envases

O risco de cancro de pulmón por exposición ao radon é maior en homes que en mulleres

Un novo estudo feito en Galicia conclúe que a intensidade da exposición é tan relevante como tempo á hora de acabar padecendo un cancro de pulmón

O desxeo de Groenlandia, un altofalante do cambio global e dos seus impactos

Máis do 80% da superficie do país está cuberta de xeo pero rexistrou nas últimas décadas unha perda de masa xeada que superou nun 20% as estimacións previas

Un estudo con selo galego revela que ferro no solo axuda a fixar CO2 nos mangleirais

O investigador da USC Xosé Lois Otero é coautor da investigación que ve os ecosistemas tropicais e subtropicais como sumidoiros de dióxido de carbono de grande eficiencia