O vindeiro mércores 1 de febreiro, o proxecto europeo de innovación Biomasa CAP organiza o 1º Encontro da Rede Transfronteiriza de Biomasa. O evento terá lugar en Vigo, no Palacio da Oliva, de 09:30 h a 13:30h. Organizado por FEUGA, presentaranse as actividades do proxecto Biomasa CAP, e ofrecerase un espazo para que os membros da Rede expoñan algunhas das iniciativas nas que están involucrados.
Durante a xornada serán presentados tamén outros proxectos e iniciativas relacionadas coa valorización enerxética, incluíndo unha charla introductoria do presidente do Clúster de Biomasa de Galicia, Francisco Javier Álvarez Pereiro, sobre certificacións de calidade de biocombustibles e a nova certificación de sustentabilidade Sure.
Tras estas presentacións desenvolverase un Taller de Ideas sobre biomasa, dinamizado por EnergyLab, no que se debaterán as barreiras e oportunidades do sector a través da xeración de novas ideas de proxecto e posibles solucións que fomenten a valorización da biomasa.
A inscrición ao evento é obrigatoria e gratuíta até completar aforamento a través desta ligazón. A cita está enfocada cara a toda aquela persoa que traballe directa ou indirectamente na cadea de valor da biomasa, xa sexan agricultores, investigadores, técnicos especializados ou consumidores finais.
Este encontro enmárcase nas accións do proxecto Biomasa CAP e a Rede Transfronteiriza de Biomasa, que ademais realizará xornadas de portas abertas nos centros de investigación, charlas divulgativas en centros de ensino e cursos especializados para os integrantes da rede.
Toda persoa interesada en manterse informado de futuros cursos e encontros que se organicen pode inscribirse á Rede contactando con FEUGA a través do correo electrónico biomasap@feuga.es
Sobre Biomasa CAP
O proxecto Biomasa-CAP é a continuación e capitalización dos resultados do proxecto anterior Biomasa-AP, ambos os financiados polo programa Interreg Poctep.
Biomasa-AP tiña por obxectivo a mellora das capacidades dos centros de I+D das rexións de Galicia e Norte de Portugal, para optimizar a explotación e o uso da biomasa procedente de restos de poda, matogueiras, vide e kiwi.
Os centros do Euro-rexión traballaron conxuntamente para aplicar métodos e tecnoloxías innovadoras que permitisen conseguir un uso enerxético optimizado desta tipoloxía de biomasa, que se caracteriza pola elevada dispoñibilidade na rexión e que, como consecuencia, conta cun elevado potencial enerxético e económico dun recurso que na actualidade non se valoriza.
En Biomasa CAP desenvolveranse actividades de capitalización de resultados: ampliación e fortalecemento da Rede Transfronteiriza Biomasa, formación e concienciación sobre o uso da biomasa non valorizada de alto potencial como recurso enerxético, divulgación a través de xornadas demostrativas e en centros educativos, e potenciación do proceso de cocreación de políticas públicas.