Sábado 27 Xullo 2024

As plantacións de chopo densas de quenda curta teñen alta produtividade de biomasa

A tese de doutoramento desenvolvida na USC mellora as predicións para obter unha bioeconomía baixa en carbono

As plantacións de chopo xestionadas en alta densidade e quenda curta acadan unha alta produtividade nun curto período de tempo, ao tempo que resultan imprescindibles para a produción de biomasa e a captura de carbono a curto e medio prazo, dous dos parámetros que se antollan como piares fundamentais para avanzar cara a unha bioeconomía baixa en carbono, segundo se recolle nas conclusións da tese de doutoramento que acaba de presentar na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC a enxeñeira Alicia Fuertes Sánchez, investigadora do grupo Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (Uxafores).

A investigación de doutoramento desenvolvida baixo o título ‘Avaliación do potencial das plantacións de chopo de quenda curta para unha bioeconomía baixa en carbono: modelización da biomasa lignocelulósica sustentable e reservas de carbono en condicións de limitación de agua’, dirixida por Nerea Oliveira Rodríguez, Roque Rodríguez Soalleiro e Hortensia Sixto Blanco, mellora as previsións de biomasa na zona mediterránea mediante un modelo sensible ao clima que ten en conta condicións de rega tanto óptimas como restritivas.

Publicidade

A exhaustiva investigación realizada por Fuertes Sánchez no marco da súa tese incorpora asemade unha análise económica que identifica os custos operativos máis relevantes e cuantifica un dos servizos ecosistémicos máis solicitados na actualidade, tal e como é o caso da captura de carbono. Estas achegas, sinala a investigadora, buscan optimizar a eficiencia das plantacións ao tempo que ofrecen sólidas ferramentas de xestión adaptadas ao contexto do cambio climático e ás demandas do mercado.

A investigación que deu pé a esta nova tese de doutoramento presentada na EPS de Enxeñaría do Campus Terrra encádrase no proxecto RTA: ‘Biomasa para a bioeconomía, producir, cuantificar e valorar cultivos forestais’, unha iniciativa de I+D que posibilitou unha estreita colaboración entre entidades diferentes, tales como son o Instituto de Ciencias Forestais (INIA-CSIC) e o grupo Unidade de Xestión Forestal e Ambiental Sostible (Uxafores) da USC, a través do labor conxunto realizado polos doutores Hortensia Sixto, Roque Rodríguez Soalleiro e Nerea Oliveira.

Publicidade

Tribunal de tese e cualificación

A investigadora responsable de cultivos enerxéticos do Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, María Pilar Ciria Ciria, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Alicia Fuertes Sánchez. O investigador principal da Organización de Investigación Científica e Industrial da Commonwealth (CSIRO), Auro Almeida, e o catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Juan Gabriel Álvarez completaron a composición dun comité que outorgou a esta tese a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha xornada para coñecer e debater sobre a biomasa en Galicia

O proxecto Biomasa CAP organiza o primeiro Encontro da Rede Transfronteiriza de Biomasa con Portugal na cidade de Vigo

Valorización e aproveitamento da biomasa como recurso estratéxico: o reto da UVigo

O proxecto BiomasaCap está na procura dun crecemento sostible económico, tecnolóxico e ambiental na eurorrexión

O abandono gradual da gandería reduciría drasticamente a emisión de gases contaminantes

A eliminación progresiva da agricultura animal durante os próximos 15 anos tería o mesmo efecto que a redución do 68% das emisións de CO2 ata o ano 2100

Canta biomasa hai nas matogueiras? A clave para mellorar a xestión de incendios

Un estudo desenvolto en Galicia obtén novas ecuacións que axudan a establecer prioridades de actuación cando se desatan os lumes forestais