Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

Moitas terapias utilizadas para combater o cancro, ademais de producir numerosos efectos secundarios, non conseguen a remisión completa do tumor, en parte debido á presenza de células nai de cancro, que son difíciles de eliminar. Estas células poden autorrenovarse e xogan un papel crucial na recidiva do tumor e nos procesos de metástase, por iso existe un grande interese en desenvolver terapias dirixidas a este subconxunto de células tumorais.

Agora, unha colaboración entre o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC) e do Instituto de Investigacións Biomédicas Sols-Morreale (IIBM CSIC-UAM) permitiu descubrir un tipo de compostos químicos que actúan sobre as células nai de cancro, diminuíndo o seu potencial para xerar tumores. O equipo está liderado polo profesor da USC José Luis Mascareñas xunto a biólogos celulares do CSIC coordinados por Bruno Sainz.

Publicidade

Dende hai uns anos, o laboratorio do profesor Mascareñas desenvolve investigación básica arredor de determinadas moléculas baseadas en complexos metálicos que son capaces de interaccionar de forma moi selectiva con ADN. Estes achados permitiron ao grupo do doutor Sainz realizar estudos máis extensos con ratos implantados con tumores de pacientes, que demostran un potente efecto antitumoral destes complexos. Os científicos conseguiron demostrar efectos anticancro en tumores de páncreas, colorrectais e osteosarcoma, con pouca toxicidade secundaria. Actualmente estanse levando a cabo estudos sobre outros tipos de cancro.

As células nai de cancro dependen da respiración mitocondrial para sobrevivir e evadir as defensas do sistema inmune, o que —a nivel metabólico— representa un talón de Aquiles. Estudos mecanísticos levados a cabo nesta ocasión suxiren que o novo composto, denominado Ru1, “promove un descenso na expresión de xenes necesarios para dita respiración, fonte de enerxía principal destas células, co que perden o seu potencial canceríxeno”, relatan dende o equipo investigador.

Publicidade

O grupo do doutor Sainz demostrou ademais que é posible realizar terapias combinadas con outros axentes antitumorais, co que se conseguen efectos aditivos. Os resultados preliminares do traballo científico, que tamén inclúe contribucións do grupo ACUIGEN da USC, acaban de ver a luz no Journal of Experimental & Clinical Cancer Research. Todo estes estudos puideron realizarse grazas ao apoio de diferentes entidades, incluíndo o programa Ignicia da Xunta de Galicia, a Asociación Española Contra o Cancro ou o programa CaixaImpulse da Fundación “la Caixa”. O proxecto atópase nestes momentos nunha fase avanzada para a súa transferencia e valorización preclínica.


Referencia: Targeting cancer stem cell OXPHOS with tailored ruthenium complexes as a new anti-cancer strategy (Publicado en Journal of Experimental & Clinical Cancer Research)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos